Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Concellería de Urbanismo de Ourense

Historia

A medio camiño entre un pazo urbano e un edificio de vivendas burgués, o edificio preexistente foi deseñado por Antonio Crespo en 1897.

Ao longo da vida do inmoble, realizáronse diversas intervencións que desvirtuaron o elemento orixinal: un elegante volume prismático moi sinxelo e simétrico.

Memoria

A estratexia proxectual parte de recuperar o volume orixinal do edificio histórico e complementalo cun anexo, co que se establece unha relación de diálogo, na que se diferenza claramente o novo do vello. Este diálogo establécese nun plano de igualdade, dende o respecto polo antigo, pero tamén dende o compromiso coa contemporaneidade, coa sustentabilidade e as solucións construtivas e tecnolóxicas actuais.

Este novo volume permite acoller novas circulacións, instalacións e servizos xerais, que terían difícil localización no edificio histórico, no que se sitúan oficinas abertas e despachos, buscando o equilibrio entre o acomodo dun complexo programa e o respecto ao carácter dos espazos herdados.

No edificio histórico mantense a estrutura de muros, apoio agora da estrutura de madeira que queda vista, e recupéranse a escaleira histórica, o zaguán e a carpintería histórica, destacando as súas fermosas galerías da fachada principal.

No anexo novo, realízase unha estrutura mixta de aceiro e formigón, con carpinterías de madeira na súa cor, fachadas de aceiro corten e vidro, que dialogan e contrastan coas de pedra revocada con cal e madeira pintada do edificio histórico.

En canto aos acabados interiores, o amplo uso da madeira, en pavimentos, carpinterías, paramentos, teitos, e o detalle formal do alistonado que resolve distintos cometidos funcionais e estruturais, dotan dun carácter unitario á obra.

(FALCÓN NÓVOA)

Bibliografía

  • FALCÓN NÓVOA, Pablo; “Rehabilitación y adaptación de edificio para Sede de la Concejalía de Urbanismo (Ourense)”, Pablo Falcón Arquitecto.
  • GUBIA, Grupo; “Sede de la Concejalia de Urbanismo de Orense. Pablo Falcón Nóvoa”, Espacios en madera. Wood design. Sevilla 2012.
  • LÓPEZ PELÁEZ, José Manuel + MOSQUERA PALACIOS, Carlos; “Pablo Falcón Arquitecto: Rehabilitación de edificio”, Metagénesix: Nova-Nueva Arquitectura de Galicia. Difusora de Letras, Artes e Ideas. Ourense 2011.