Vivenda 'A Bodega'
Historia
Exemplo de arquitectura tradicional galega, formada por dous corpos: o principal de planta baixa, que integraba a adega e a cuadra; e un torreón de dous niveis que acollía a palleira. Ámbolos dous volumes atópanse semienterrados contra á estrada na fachada oeste, mentres que no alzado leste ábrense sobre a paisaxe da Ribeira Sacra.
Memoria
Recupérase unha antiga adega para rehabilitala integralmente nunha nova vivenda. O proxecto parte de tres premisas:
- Respectar o volume inicial e a arquitectura local. A aldea é harmónica: construcións de pedra e o verde existente –de pasto e salvaxe– están en equilibrio. A proposta intégrase neste contexto acomodándose aos límites dos muros existentes. Tamén se integran os valores da arquitectura local –volumes de pedra seca tectónicos, de poucas perforacións– sen renunciar á súa propia linguaxe.
- Os materiais locais. A materialidade baséase na creación dunha carcasa de pedra existente –pola cuberta recupérase lousa dunha antiga casa– e a madeira. O resto consiste en construción tradicional para traballar de acordo ao coñecemento do construtor local.
- A luz, a ventilación e as vistas. Tendo en conta as anteriores premisas e dadas as difíciles condicións da preexistencia había que garantir unhas condicións de aire e luz para garantir o confort na vivenda, pero sobre todo había que conseguir que a casa gozase da paisaxe.
O alcume
a casa sen xanelas –así é como a bautizou a xente da aldea– explica moi ben a estratexia de baleirados que se expuxo para contrarrestar a situación inicial do volume principal, semienterrado e cunha croxía de gran anchura. Mediante a perforación das esquinas créanse patios que establecen relacións diagonais que garanten iluminación interior, ventilación cruzada e visuais alargadas. Así mesmo esta estratexia define os ocos en fachada como baleirados, e non como xanelas convencionais, dando unha aparencia de casa tectónica, sen xanelas, pero establecendo unha relación continua do interior coa paisaxe exterior, que penetra.(TECTÓNICA)
Bibliografía
- ORTEGA VÁZQUEZ, Estel + POU VAN DEN BOSSCHE, David; “A’Bodega”, Cubus. Taller d’Arquitectura. Barcelona 2015.
- PAZ, Carlos; “Reactualizando lo rural. A'Bodega por Cubus Arquitectura”, Metalocus. Madrid 2016.
- VV.AA.; “A Bodega”, Tectónica Blog. Madrid 2016.