Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Facultade de Ciencias do Traballo

Historia

O incendio ocorrido o 7 de febreiro de 1891 destruíu en gran parte o vello Real Hospital de Mariña de Nosa Señora de Dolores –construído para cuartel e transformado en centro sanitario cara ao 1767– acelerou o lento proceso da construción dun novo hospital militar que substituíse ao existente e que dese resposta ao incremento das necesidades hospitalarias da cidade.

Tras dito incendio, o Ministerio de Mariña contratou coa sociedade francesa Tollet a construción do Hospital de Mariña do Departamento de Ferrol. Esta sociedade encargaríase de redactalos planos e construír o novo Hospital de Esteiro, pero baixo a co-dirección dun enxeñeiro da base naval designado como inspector das obras pola propia Capitanía de Ferrol e co asesoramento do Xefe de Sanidade.

Conseguida a propiedade dos terreos, a parcela resultante pechouse cun amurallamento de cachotería. Entre 1896 e a inauguración do recinto o 16 de xullo de 1902 levantáronse os catro grandes pavillóns hospitalarios –Servizos Xerais, Medicina, Cirurxía e Venéreos–, dous medianos –Contaxiosos e Presos– e cinco pequenos destinados a dependencias de servizos, como a farmacia, o local para os presos, as cociñas e o pavillón de infecciosos –estes dous últimos hoxe desaparecidos–.

Seis meses despois de que a Xunta de Galicia crease a Universidade de A Coruña, o Concello de Ferrol aprobaba –na sesión plenaria do 10 de xuño de 1990 o convenio coa Xerencia de Infraestrutura do Ministerio de Defensa– a entrega polo Ministerio ao Concello do antigo Hospital de Mariña para o seu destino a usos universitarios da Universidade. Trala sinatura do documento de cesión o 21 de xuño, houbo que agardar uns meses a que se producira o desaloxo dos edificios militares, facéndose cargo formalmente das instalacións o Concello o día 3 de outubro dese mesmo ano.

O Pavillón de Tocoxinecoloxía, tamén chamado de Maternidade foi construído segundo un proxecto de 1969 realizado polo Servizo Técnico de Casco e Máquinas e Instalacións Navais en Terra, dependente do Arsenal da cidade; sobre o solar que ocupaba un antigo pavillón destinado a servizos varios –estufa de desinfección, carpintería, despensas, talleres de fragua, etc...– e que fora derrubado na primeira década do século XX.

Memoria

Adaptouse para aulas e locais administrativos a planta baixa do edificio (…) tras un verán de intensas obras.

Estaba no ánimo dos responsables do Reitorado e a súa Delegación no Campus de Ferrol, dedicar a oficinas administrativas do Campus as dúas plantas altas do edificio; sen embargo, a petición da Escola de Enfermería de integrarse nun Campus e non quedar illada en locais hospitalarios (…), fixo necesario rehabilitalas dúas plantas altas do edificio (…) para instalar nelas a Escola Universitaria de Enfermería.

SORALUCE BLOND

Bibliografía

  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Desde el Santo Hospital de Caridad al Centro Cultural Carlos III”, Ferrol Análisis, 2. Ferrol 1991.
  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Rehabilitación, reconstrucción e intervención en el Santo Hospital de la Caridad para su reconversión en Centro Cultural”, Actas V Jornadas de rehabilitación de edificios antiguos. Almendralejo 1996.
  • DALDA ESCUDERO, José Luis + DÍAZ SOTELO, José; Plan Especial de acondicionamiento y ordenación para usos universitarios del Antiguo Hospital de Esteiro. Documento consultado na Oficina de Planeamento do Concello de Ferrol. Ferrol 1991.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria. Tese de doutoramento defendida na Universidade de A Coruña, no Departamento de Enxeñaría Industrial. A Coruña 2000.
  • SORALUCE BLOND, José Ramón; O antigo Hospital de Esteiro: Campus Universitario de Ferrol. Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Universidade de A Coruña. A Coruña 1996.