Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Café Concerto 'Riquela'

Historia

Incluído nunha mazá da zona vella compostelá, o inmoble (...) é unha edificación dunha tipoloxía construtiva característica do centro histórico: fachada principal en sillar granítico, fachada posterior e muros medianeiros de cachotería e estrutura horizontal mediante vigas e pontóns de madeira de pinotea e castiñeiro; na zona posterior, dada a separación entre os muros medianeiros disponse alicerces de fundición metálica sobre os que apoian vigas traídas de América cara ao 1865, (...) e cunha extraordinaria lonxitude de doce metros.

Na parte anterior do local, máis estreita, as vigas de castiñeiro e pontóns de carballo dispostas presentaban as pegadas das reformas realizadas nos máis de cento cincuenta anos de historia da edificación.

O local era unha antiga zapatería, aberta cara á rúa Preguntoiro, con almacén cara á rúa Altamira con amplos andeis de madeira. Posúe compoñentes de gran nobreza, apreciables nas súas fachadas e o seu interior como cornixas, ocos, carpintarías, alicerces de fundición, impostas e molduras. Especialmente son de destacar os dous ocos cara á rúa Preguntoiro, que ven recuperados os seus tímpanos de forxa e restauradas as súas reixas de peche de ballesta, así como as carpintarías de madeira de castiñeiro que pechan o catro ocos da rúa Altamira.

(GALLEGO FERNÁNDEZ + PATIÑO EIRÍN)

Memoria

A análise das condicións do local converterá as limitacións e esixencias acústicas no principal criterio de deseño, e axudará a resolver de modo sistemático os problemas que vaian aparecendo. O acondicionamento acústico conseguirase empregando madeira, recuperada ou de nova colocación, que definirá o interior do local, coa súa utilización en revestimentos e en membranas ou filtros acústicos, enlistonados de falsos teitos, establecidos de distinto espesor e ancho, etc. que engaden técnicas, cores, contrastes, relevos e novas texturas.

A actuación dispón os novos usos de modo que se siga mantendo o espírito do local e almacén tradicionais nas plantas baixas das edificacións da área (...).

O aspecto máis importante da xeometría do local é a irregularidade e a desproporción entre a fronte de fachada ás rúas cara ás que abre luces (4,50 m á rúa Preguntoiro, e 11,00 m á rúa Altamira) con respecto ao fondo da parcela (de 35,00 m). Este feito é moi relevante á hora de establecer as dependencias do programa. A proposta organiza a planta con elementos construtivos ou de mobiliario agrupados nos seus bordos de forma que permitan o paso e a comunicación fluída sen constituír barreiras, deixando o centro baleiro para estancia ou percorrido. Acomódanse nos límites os elementos e dependencias que requiren segregación de uso –almacéns, cociña, baños, zonas de barra, zonas de mesados e estancia–, nunha localización cómoda. Conséguese deste xeito unha mellor eficacia e rendemento das instalacións de climatización e renovación de aire, permitindo efectuar o trazado dos condutos nun mesmo plano cunha disposición en peite e derivacións sinxelas e curtas, o que mellora a súa eficiencia e minimiza o seu consumo. O resto das áreas da planta organízase como un espazo aberto.

A definición interior da intervención vén precisada por accións de distinto carácter no tres áreas:

  • Na antesala dende a rúa Preguntoiro disponse un pavimento de pedra similar ao da rúa, retirando materiais de revestimento e deixando descuberta a pedra de cachotería do muro medianeiro.
  • No interior do local, nas súas dúas zonas de café e club, disponse un pavimento continuo de formigón pulido que unifica os distintos ambientes. Os revestimentos verticais de madeira de piñeiro, con táboas de distinto ancho e espesor lasuradas en branco, contrastan co tratamento de madeira de fresno tinxido das mesas continuas, de disposición irregular que se converten en barra e integran os alicerces de fundición desta zona e continúan o seu trazado orixinado no vestíbulo de entrada.
  • Na zona do Café-Concerto, recupéranse os sinxelos andeis de pinotea con fondos de madeira de piñeiro vermello do antigo almacén (...). A nova barra lembra aos antigos mostradores de almacéns e tendas.

A disposición de listóns de madeira de piñeiro abeto lasurado no falso teito acústico nas tres zonas descritas unifica os distintos ambientes do local. Este elemento cólgase da estrutura de vigas e pontóns de pinotea e/ou castiñeiro que forman o teito do local, con reforzos puntuais. Ao mesmo tempo integra e oculta o trazado das instalacións, e axuda a acondicionar acusticamente o interior do local.

(GALLEGO FERNÁNDEZ + PATIÑO EIRÍN)

Premios

  • Obra finalista nos XVII Premios COAG, na categoría de ‘Reforma e Interiorismo’. Santiago de Compostela 2017.

Bibliografía

  • VV.AA.; “Café concierto Riquela en Santiago de Compostela. Reforma”, Aitim: Madera en locales comerciales, 303. Asociación de Investigación Técnica das Industrias da Madeira. Madrid 2016.
  • VV.AA.; “Café Concierto”, XVII Premios COAG, 2014-2016. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2017.