Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro Comarcal de Vilanova dos Infantes

Historia

Do antigo castelo levantado no século X polo conde Gutierre Menéndez –pai de Rudesindus Guterri ou San Rosendo, bispo de Mondoñedo e virrei de Galicia– só queda en pé a torre da homenaxe, de planta cadrada e dezanove metros de altura. Devandito castelo, ao igual que a vila, pertenceu durante moito tempo ao mosteiro de San Salvador de Celanova.

Ao longo do século XII, esta fortaleza xogou un importante papel nas guerras con Portugal. No convulso século XIV, a vila, o castelo e a súa xurisdición pertencían a Fernando de Castro, partidario do derrotado Pedro I: en consecuencia, o rei gañador Henrique II concedería todo o conxunto a Juan Rodríguez de Biedma no ano 1369. Con posterioridade, os Biedma entroncaron coa poderosa liñaxe dos Monterrei, ingresando deste xeito o castelo no patrimonio desta familia.

En 1474, durante as revoltas irmandiñas, os sublevados derrubaron a fortificación. Sufocada a sublevación, os derrotados foron obrigados a reconstruíla achegando o propio traballo e cen marabedís por cabeza.

No 1645 o conxunto foi reforzado como consecuencia das guerras hispano-portuguesas, aínda que ó final non resultou afectado por estas.

Durante o século XIX a fortaleza sufriu numerosas modificacións, e dende a Desamortización ata o ano 1927 a torre funcionou como casa consistorial: ata esta data Vilanova dos Infantes fora un concello independente.

Memoria

Afróntase a intervención dende a teoría dos estratos, como se de tempos xeolóxicos se tratase: cada momento histórico vai superpoñendo a súa actuación sobre a cidade e sobre o edificio, depositándose sobre os precedentes, sen interferir con eles e, á vez, sendo o elemento perceptible de todo o conxunto. Neste sentido, a intervención deposítase sobre a vila e o edificio, como se dunha alfombra se tratase no tratamento do conxunto e como un moble contemporáneo en canto á intervención nos edificios. Reversibilidade da actuación como característica sine qua non da intervención no patrimonio construído.

Desta filosofía, imponse a adecuación dos usos introducidos ás características da edificación que os soporta: a definición básica das tipoloxías obxecto da actuación (…) son coidadosamente mantidas cando non restauradas. Os espazos por elas definidos son sentidos como contedores nos que se colocan con coidado os distintos usos demandados.

Semellou oportuno, consecuentemente, establecer unha correspondencia entre o carácter tripartito do programa e tres ámbitos diferenciados das preexistencias –plantas altas das casas, plantas baixas destas e o volume da Torre–, de forma tal que cada parte do programa se desenrole nunha delas. As novas particións necesarias dispóñense como se de mobles se tratase, evitando o contacto entre as adicións e os muros existentes, valorando en todo momento o contraste de materiais, técnicas e espesores, contraste que se leva ao límite empregando técnicas de construción seca.

Ao tratarse de tres elementos independentes, sen vinculación entre si, foi preciso introducir un nexo que os vincule, o pavimento, como se as tres pezas históricas se colocasen sobre unha alfombra: unha alfombra de pedra encárgase de trabar as casas e a torre e de organizar a entrada ao Área de Negocios e Sede da Fundación do Centro de Comarcalización á vez que se define un ámbito exterior apto para exposicións.

(FREIRE TELLADO)

Bibliografía

  • BOGA MOSCOSO, Ramón; “Torre de Vilanova”, Guía dos castelos medievais de Galicia. Guías Temáticas - Editorial Xerais. Vigo 2003. Páx.219-220.
  • FERNÁNDEZ, Laura; “Celanova recupera para el turismo la ‘Torre do Homenaxe’ de Vilanova”, La Región, 17 de xullo de 2014.
  • FREIRE TELLADO, Manuel José; “Concurso para o centro de exposición permanente de recursos comarcais, Vilanova dos Infantes”, Obradoiro, 26. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1997. Páx.146-149.
  • FREIRE TELLADO, Manuel José; “Centro Comarcal de Vilanova. Descripción y justificación de la propuesta”, 25 anos - 25 años. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2001. Páx.129-132.
  • LÓPEZ MARTÍNEZ, José Antonio + MARTÍNEZ-RISCO DAVIÑA, Luis; Terra de Celanova. Editorial Everest. León 1993. Páx.63-65.
  • PONCE COUCE, Leandro + SÁNCHEZ GARCÍA, Jesús; “Torre de Vilanova dos Infantes”, Guía do patrimonio arquitectónico de Galicia. Editorial Vía Láctea. A Coruña 1998. Páx.387-388.
  • VV.AA.; “Torre de Vilanova dos Infantes”, Castillos de España, referencia OR-CAS-012. 2011.
  • VV.AA.; “La Xunta ordena el cierre del restaurante de Vilanova”, La Región, 16 de maio de 2012. Celanova 2012.