Rexistros da Propiedade e Mercantil de Vigo
Historia
Conxunto de catro inmobles situado en pleno casco vello vigués.
Un dos catro edificios é o coñecido como Casa de López Araújo, construído no 1763. Foi sede da provincia de Vigo entre 1821 e 1823 –goberno efémero deposto polo militar e mariño Pablo Morillo y Morillo, de alcume O Pacificador–.
Outra das edificacións está datada a comezos do século XX: trátase dun exemplo da arquitectura modernista viguesa, con pezas esmaltadas e azulexos de cores.
Os catro edificios foron adquiridos ao Consorcio do Casco Vello –participando ao noventa por cento pola Xunta de Galicia e ao dez por cento polo Concello– en xuño de 2011 por un importe superior aos tres millóns de euros.
Memoria
O proxecto resolve o delicado equilibrio entre conservar aquelo valioso dos catro edificios existentes, a súa percepción como pezas individuais que proporcionan a escala á zona vella e os elementos construtivos e espaciais relevantes, e resolver a necesidade funcional dunha organización conxunta, non penalizada por pretender herdar un conxunto de pezas domésticas de diversa condición, á vez que se consegue un dobre obxectivo como presenza urbana: a da nova condición unitaria do catro edificios e a presenza da institución pública na cidade.
Analizáronse e seleccionáronse os elementos construtivos de valor e as trazas do lugar máis relevantes. En canto aos interiores, estes carecen de elementos ou espazos arquitectónicos de verdadeiro interese que xustifiquen sacrificar aquelo que podemos obter en aras dunha certa morriña. As fachadas constitúen un conxunto cuxo valor é ambiental, e de conxunto pintoresco, e os muros medianeiros das parcelas son as pegadas do parcelario e a estrutura do casco que é importante conservar.
O proxecto propón conservar eses valores, aproveitando as partes substituídas e o arranxo do que se mantén para obter unha nova arquitectura da maior calidade e conservando tamén no posible a autenticidade estrutural e funcional daqueles muros conservados. Para iso, e minimizando apoios intermedios, vólvese facer traballar a estrutura muraria cun forxado de formigón que á vez que resolve as grandes sobrecargas do uso, mantén no seu deseño a aparencia e o ritmo da estrutura orixinal de madeira.
O proxecto organiza o seu funcionamento a través dun patio, resultado da suma dos patios herdanza do parcelario, e que adquire así unha escala pública, e que se constitúe en aglutinador funcional e de identidade do edificio dos
Rexistros en Vigo, á vez que consegue recuperar as relacións antigas entre a rúa Real e a praza de Chao a través del. A partir de aí configúrase o ámbito dos rexistros xa dende a rúa, recuperando para iso a idea dun atrio de acceso, espazo intermedio entre a cidade e a nova rúa pública do edificio. Así e a partir do elemento arquitectonicamente máis singular, recuperámolo para a memoria activada, mantendo á vez as trazas orixinais da suma de edificios, visibles nos muros pétreos que organizan o espazo transversalmente.Os espazos entre muros dos antigos edificios e o patio conforman unhas oficinas flexibles e de libre configuración, onde só a
caixa especializada dos arquivos defínese e encerra mediante o único mecanismo de distribución espacial. (...) Un único mecanismo e un único material inserido nun mundo antigo de muros de pedra. Material que resolve e resolvía xa as ventás á rúa e ao patio.Optouse por conservar o máis posible na parcela 31 aqueles espazos e muros de interese e compatibles co novo programa. Doutra banda, a súa fachada é das máis interesantes e de valor, o que, unido á súa situación, tanto en planta como de cota, faina idónea para expoñer o acceso, que entendemos debe ser único ao edificio. A partir da arcada pétrea xérase un atrio de dobre altura que proporciona a escala institucional e abre o patio á cidade. Recollendo a historia é tamén o espazo arquitectonicamente máis complexo e onde se atopan a nova e a vella arquitectura, alí onde esta revive para o cidadán.
A primeira e máxima aspiración é obter o espazo de traballo da maior calidade ambiental para o usuario, á vez que utilizamos as técnicas de aproveitamento pasivo que a arquitectura ofrece e máis no noso clima tépedo. Iso lévanos a cambiar unha estrutura fragmentaria de patios desordenados, herdanza do parcelario por un patio central, capaz de acondicionar o edificio ademais de constituírse no aceno de identidade e espazo organizador de circulacións e traballo. Espazo que permite obter ventilacións cruzadas, un lugar intermedio e que achega ao lugar de traballo luz óptima e sensación de liberdade e relación co exterior.
Xa se comentou que o proxecto opta por manter todos aqueles muros e fachadas catalogadas ou de interese arquitectónico. Iso implica a dificultade de resolver cotas distintas en cada parcela de ocos. Para iso o proxecto aproveita tanto a súa organización en base ao patio e o acceso central da parcela 31, que permite resolver en dous niveis todo o conxunto. Conséguese así unha correspondencia certa entre interior-fachada tan falseada en rehabilitación hoxe día. Mantendo as cotas de arranque de cuberta que o plan esixe, e a intención deste de manter a escala de agrupación de pezas, en canto a cubertas individuais en cada parcela, o proxecto ofrece unha paisaxe de cubertas que sen perder esa aparencia de cuberta de cada parcela, consegue con todo enlazalas de modo que á vez é un conxunto unitario, todo iso potenciado pola unidade do material que propomos en zinc natural.
(IRISARRI+PIÑERA)
Premios
- Premiado na XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, na categoría de Patrimonio e Transformación. Madrid 2016.
- Finalista na X Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo. São Paulo 2016.
- Obra seleccionada nos Premios FAD de Arquitectura e Interiorismo. Barcelona 2016.
- Galardón nos Premios Gran de Area do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Pontevedra 2014.
Bibliografía
- CARBALLO SOLLA, Rogelio; “Historia de un concurso de arquitectura”, BIM & BICs. BIM aplicado al Patrimonio Cultural. A Coruña 2016.
- ENCABO, Enrique + MALUENDA, Inmaculada; “El inquilino mutante”, El Cultural. Xornal El Mundo, 3 de xuño de 2016. Madrid 2016.
- GARCÍA, Antonino; “De sede provincial de Vigo a nueva casa de los registradores”, Faro de Vigo, 30 de marzo de 2013. Vigo 2013.
- GARCÍA, Antonino; “La mayor obra del Casco Vello estará lista en marzo tras recuperar piezas originales”, Faro de Vigo, 27 de outubro de 2013. Vigo 2013.
- GARRIDO RODRÍGUEZ, Jaime; Arquitectura da pedra en Vigo. Vigo 1999.
- ORTIZ, Guillermo; “Casa de López Araújo (1763). Sede Registradores de la Propiedad”, Arquitectura Vigo. Vigo 2014.
- VV.AA.; “Jesús Irisarri: La reforma ha sido complicada porque había muros en muy mal estado”, Faro de Vigo, 27 de outubro de 2013. Vigo 2013.
- VV.AA.; “La rehabilitación incorpora una lareira oculta”, Faro de Vigo, 27 de outubro de 2013. Vigo 2013.
- VV.AA.; “Registros de la Propiedad (Vigo)”, Revista Aproin, 89. Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra. Vigo 2014.
- VV.AA.; “Rehabilitación de cuatro edificios para Sede de los Registros de la Propiedad en Vigo”, ON Diseño, 359. Barcelona 2016.
- VV.AA.; “Rehabilitación de cuatro edificios para Sede de los Registros de la Propiedad en Vigo”, XIII Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo. Madrid 2016.
- VV.AA.; “Rehabilitation of 4 Buildings for Vigo Property Records Headquarters”, GA Document, 136. Tokio 2016.