Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Pazo e Torre de Guimarei

Historia

A Torre de Guimarei é unha das construcións máis emblemáticas do concello de A Estrada, aparecendo incluso no escudo municipal.

Trátase dunha torre de planta cadrada –posiblemente do século XII– que hoxe conserva uns dez metros de altura e que se mantén a duras penas en estado de ruína e abandono. Na súa orixe dispoñía de tres plantas e teitos abovedados, e no seu lado leste existe aínda unha porta elevada sobre a cal se abre unha pequena ventá rectangular. Outra pequena fiestra se observa no lado sur evidenciando a escasa altura orixinal da construción, que xunto coa súa situación en planicie denotaría que a edificación era máis ben unha vivenda fortificada en lugar dunha fortaleza de carácter defensivo.

Acaroado á torre encóntranse os vestixios dun pazo construído a finais do século XVII e principios do XVIII, sendo o seu primeiro morador Antonio de Mosquera Novoa, señor de Villar de Payo Muñiz e fillo de Alonso Vázquez Valcárcel e Luisa de Novoa Ulloa –señora da Granxa de Nogueroa–. De planta baixa e teitos abovedados con pedra labrada, o pazo disponse lonxitudinalmente de leste a oeste e articúlase en tres corpos: un máis grande e dúas alas en cada extremo. No seu interior –a pesar do acuciante estado de ruína– poden verse aínda as cociñas, os servizos, as habitacións e tamén outras dependencias. O máis destacado do inmoble –artisticamente falando– é o gran escudo de armas que se atopa sobre a porta principal cun copete enmarcado con lintel semicircular e adornado con pináculos onde se representa o heraldo da familia Villar.

No ano 1999 o conxunto foi mercado por Luis Carlos Boullosa Gastañaduy. Meses despois da compra, o concello recorría a venda que se lle escapara en ocasións anteriores por non chegar a un acordo coa antiga propietaria, a familia Ozores. No 2002 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia daba a razón á Xunta, quen exerceu o dereito de retracto pero a favor e por conta do concello: era a primeira vez que se usaba esta fórmula. Boullosa Gastañaduy recorría ante o Supremo, e de novo o concello volvía ganar. E finalmente no 2007 a Xustiza facultaba ao concello para mercar a torre ao mesmo prezo que o particular –algo máis de trescentos sesenta mil euros–. Pese á alegría inicial dos estradenses, cuestións xurídicas volvían afastala do dominio público: o dereito ao retracto limitábase só á torre.

A falta de liquidez municipal xogaba unha mala pasada para a compra do conxunto. Boullosa Gastañaduy falecía en Madrid en outubro de 2009; e hoxe en día as negociacións entre os seus descendentes e o concello prosiguen sumindo cada vez máis ás edificacións na ruína.

Memoria

  • B.U., C.; “Reivindican que o pazo e a torre de Guimarei sexan de utilidade pública“, El Correo Gallego. Terras de Santiago, 3 de marzo de 2013.
  • CELA, Ana; “El Supremo permite al Concello ejercer el retracto sobre la torre de Guimarei”, Faro de Vigo. A Estrada, 10 de agosto de 2007.
  • CORDÓN, F.S. + MÍGUEZ, Marcos; “A Estrada gana la primera batalla legal para conseguir la Torre de Guimarei”, La Voz de Galicia. A Estrada, 27 de febreiro de 2002.
  • GARCÍA, Rocío; “El Supremo da luz verde a A Estrada para comprar la Torre de Guimarei”, La Voz de Galicia. A Estrada, 10 de agosto de 2007.
  • GARCÍA, Rocío; “A Estrada ofrece diálogo para revalorizar la Torre de Guimarei”, La Voz de Galicia. A Estrada, 11 de agosto de 2007.
  • LISTE, C.; “La torre de Guimarei sigue esperando”, Tierras de Santiago. A Estrada, 22 de novembro de 2009.
  • LUNA SANMARTÍN, Xosé; “A esquecida Torre de Guimarei. Resulta necesaria unha restauración deste monumento civil”, La Voz de Galicia. A Estrada, 21 de xaneiro de 2007.
  • PAMPÍN, Silvia; “Los dueños de A Torre y el Pazo de Guimarei, dispuestos a negociar”, Faro de Vigo. Deza - Tabeirós - Montes, 3 de decembro de 2011.
  • VV.AA.; “Orde do 9 de marzo de 2000 pola que se exercita o dereito de retracto, a favor e por conta do Concello da Estrada (Pontevedra), sobre a torre de Guimarei”, Diario Oficial de Galicia. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Santiago de Compostela 2000.
  • VV.AA.; “Una alegación, por el PXOM, del dueño del pazo de Guimarei abre la vía de un convenio”, La Voz de Galicia. A Estrada, 18 de xaneiro de 2005.
  • VV.AA.; “El Concello de A Estrada descarta la adquisición de la Torre de Guimarei a medio plazo”, La Voz de Galicia. A Estrada, 31 de xaneiro de 2009.
  • VV.AA.; “Magariños afirma que a Torre e o Pazo de Guimarei simbolizan o abandono do noso patrimonio”, A Estrada na Rede. A Estrada, 10 de maio de 2015.

Bibliografía

  • ALONSO DE DIOS, Alberto; “Pazo - Torre de Guimarei”, Galicia Máxica.
  • BÉRTOLO BALLESTEROS, José Manuel + FERRO PEGO, Luís Manuel; “La torre de Guimarei (A Estrada)”, Estudios de genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia, 10. 2012. Páx.219-248.
  • FERNÁNDEZ PINTOS, Julio; “El pazo de los marqueses de Guimarei”, Trisquel. Archivos del Patrimonio Histórico Gallego, 30. Vigo 2001.