Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

San Paio de Abeleda

Historia

Erixido no século XII, San Paio de Abeleda foi un dos centros monásticos máis influentes da Ribeira Sacra e da provincia ourensá.

Hoxe convertido en ruína, apenas queda nada do seu pequeno e primitivo claustro. En canto á igrexa, é de planta de cruz latina, dunha soa nave con tres corpos, separados cada un deles cun arco de medio punto con arquivoltas adornadas de impostas axadrezadas e policromados capiteis con flores e quimeras. No século XIV foi obxecto dunha profunda reforma, conservándose da fábrica románica tan só unha portada tardía.

Coa reforma monástica o conxunto pasou a converterse en abadía, e trala desamortización de Mendizábal foi abandonado. No ano 1872 o mosteiro foi mercado, xunto con tódolos seus bens, pola Casa de Alba.

No 1972 clausurábase finalmente a parroquia de San Paio de Abeleda, pasando a quedar integrada na de Santa Tegra de Abeleda. Dende ese momento, o cenobio caeu no esquecemento: o tempo e o traballo eficaz dos espoliadores deixaron apenas en pé os vellos muros.

Hai uns anos foi adquirido por mans privadas carentes de recursos suficientes para pensar nunha auténtica remodelación –existe un proxecto para a súa conversión en hotel rural–.

Na actualidade, destacar o papel da asociación O Sorriso de Daniel, que vén realizando un labor cultural extraordinario que –na medida das súas posibilidades– fomenta non só a conservación máis ou menos digna do que queda, senón tamén o seu recordo.

Memoria

  • ”O mosteiro románico de San Paio de Abeleda abre as súas portas”, Galicia Confidencial. Ourense, 30 de agosto de 2013.
  • “El monasterio de San Paio de Abeleda (Ourense) protagoniza una serie fotográfica para acabar con 40 años de abandono”, La Región. Ourense, 31 de agosto de 2012.
  • “O mosteiro de San Paio de Abeleda, en Ourense, protagoniza unha serie fotográfica para acabar con 40 anos de abandono”, Galicia Hoxe. Ourense, 31 de agosto de 2012.
  • ”Rouban os seis retablos do antigo mosteiro de San Paio de Abeleda”, La Voz de Galicia. Ourense, 11 de xullo de 2005.

Bibliografía

  • DURO PEÑA, Emilio; El monasterio-parroquia de San Payo de Abeleda. Anuario de Estudios Medievales. Madrid 1989.