Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

Arqueoloxía da Memoria

Na actualidade, Santa María de Melón é o triste resultado de como varios accidentes meteorolóxicos e naturais, xunto con diversos incidentes bélicos e incluso meros intereses económicos, poden provocar a destrución, a desaparición e o esquecemento dun monumento, independentemente da categoría legal de protección que lle fose adxudicada.

Con máis dun século en estado de ruína, distintas intervencións durante a segunda metade do século XX intentaron –algunhas veces sen éxito– manter en pé as fábricas existentes. Pero non sería ata a nova centuria cando se espertaría o interese por atoparlle ao mosteiro un uso que garantise o seu mantemento e, sobre todo, a súa supervivencia.

No ano 2001 o Ministerio de Fomento daba a coñecer o prego de condicións técnicas para o concurso de adxudicación do proxecto de reforma do que sería –daquela– o terceiro hotel monumento de Galicia. Este era entendido como parte dun plan de vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico do concello e da comarca do Ribeiro, no que o novo establecemento serviría como exemplo de mantemento da vida no medio rural e de aproveitamento e valoración do patrimonio cultural.

Santa María de Melón

O mosteiro cisterciense de Melón foi fundado pola abadía de Claraval no 1142 a petición do rei Afonso VII na conca fluvial do río Miño no val comprendido entre as serras ourensás do Farro de Avión e do Chan de Mouras. As sucesivas doazóns proporcionaron á comunidade ingresos suficientes para acometer as obras, que comezaron pola igrexa monacal xunto cuns dormitorios provisionais comúns para monxes e conversos, e as instalacións básicas para o seu sustento. Desta primeira etapa construtiva só se conservou a cabeceira do templo, cuxa construción debeu rematarse a finais do século XIII.

No 1506 uniuse á Congregación Observante de Castela, o que se traduciu –ao igual que noutros cenobios galegos– nunha actividade construtiva que introducía novidades respecto á distribución dos espazos existentes. Neste caso, as obras comezarían polo Claustro Regular, e virían substituír ao antigo claustro medieval. Este novo recinto foi realizado maioritariamente ao longo do século XVI e no primeiro cuarto do XVII. E nesta época realizaríase tamén o Claustro da Hospedaría, establecéndose unha simultaneidade entre a actividade construtiva de ambas zonas claustrais.

O 1 de novembro de 1755 produciuse o gran terremoto de Lisboa. Os danos provocados polo sismo foron tales que a partir deste momento os esforzos do mosteiro concentráronse nas actuacións de reparación e xa non se realizaron novas obras de ampliación.

Durante a Guerra da Independencia, as tropas francesas ao seu paso pola provincia chegaron a utilizar o edificio como cuartel xeral durante algúns días.

No ano 1835 procedeuse á exclaustración dos monxes que quedaban trala aprobación do Decreto de 1820, e só uns poucos permaneceron nas parroquias como sacerdotes, boticarios ou mestres. Mentres, os bens do mosteiro foron catalogados e vendidos. A propiedade do conxunto dividiuse trala poxa do 1847 –excepto a igrexa e a vivenda do párroco– e as relacións entre os diversos donos non sempre foron boas. A partir deste momento a ruína foi avanzando polas fábricas monacais.

O 2 de febreiro de 1885 un raio impactou na torre do campanario da igrexa producindo unha serie de danos no templo. E tras dúas semanas de intensas choivas e temporais, produciuse o derrubamento final de toda a nave, deixando unicamente en pé o presbiterio. Inmediatamente o bispo encargou ao arquitecto diocesano –Rodríguez Sesmero– un informe para tomar as medidas oportunas coas que abordar a reconstrución da igrexa. Os traballos do arquitecto prolongaríanse ata finais de xuño, pero o diñeiro non chegou ao seu destino con tanta celeridade, polo que os restos do templo estaban nunha perigosa situación de inestabilidade e as obras de peche do cruceiro eran máis que urxentes.

No mes de xuño de 1931, nunha decisión sen precedentes en España –e xunto con case un milleiro de edificios en toda a xeografía española–, o mosteiro de Santa María de Melón foi declarado Monumento Nacional.

Coa finalidade de conter o proceso de ruína da igrexa, o Estado aprobou tres proxectos que se sucederon entre os anos 1947 e 1969, e dirixidos por Menéndez Pidal e Pons Sorolla. En xeral as intervencións realizadas estiveron motivadas por razóns construtivas, xa que a falta de mantemento e a conservación da cuberta poñía de novo en risco a integridade do edificio.

As actuacións de carácter oficial non se retomarían ata os anos oitenta, cando o arquitecto Suances Pereiro recibiu o encargo –por parte da Dirección Xeral de Patrimonio– de intervir sobre o ala norte do Claustro da Hospedaría. Non se pode dicir que nesta intervención existise unha verdadeira preocupación polos resultados e unidade estética do edificio: foi máis ben unha actuación de emerxencia para evitar maiores danos sobre a única zona do mosteiro –a excepción do templo– que aínda se mantiña en pé.

Un proxecto (sen) futuro

Mediante escritura pública do 18 de abril do 2000, a Deputación Provincial de Ourense adquiriu o mosteiro de Melón e os terreos circundantes por compravenda, figurando inscrito no Inventario de Bens da Corporación Provincial como ben patrimonial ou de propios.

Un ano máis tarde, a Dirección Xeral de Vivenda, Arquitectura e Urbanismo do Ministerio de Fomento convocou un concurso restrinxido para redactar o proxecto básico e de execución que convertese ao conxunto de Santa María de Melón nun hotel balneario de catro estrelas que permitise o aloxamento duns cen usuarios dos centros termais máis próximos da comarca do Ribeiro.

O proxecto foi adxudicado en abril de 2002 ao estudio Gazapo Lapayese Arquitectos, formado por Darío Ignacio Gazapo de Aguilera e Concepción Lapayese Luque. Devandito proxecto propoñía a recuperación do espazo dos claustros como espazos determinantes de todo o conxunto, interpretándollos como dous baleiros, como dúas pezas espaciais de entidade case máxica que ordenarían todo o recinto monástico. E na xa manifesta vontade de recuperación e ampliación das trazas orixinais do mosteiro, iríanse conformando novos volumes que axudarían a recuperar a entidade e dimensionalidade do antigo espazo.

Pero a execución do hotel quedou aprazada tralo derrubamento parcial –o día 27 de novembro do 2002– de parte do piso superior do Claustro da Hospedaría, que afectou a catro arquerías da zona suroeste. Este suceso obrigou a intervir no mosteiro con carácter urxente, pero non o suficientemente rápido para impedir que dúas semanas máis tarde se producise o derrubamento na súa totalidade.

En maio de 2004, o estudio Gazapo Lapayese elaborou unha memoria coa fin de definir e valorar as obras necesarias para complementala intervención de emerxencia que se estaba a desenvolver no mosteiro. As actuacións propostas centrábanse no Claustro Regular, no torreón e na adega.

Dous meses máis tarde redactábase o proxecto definitivo para o hotel. Denominada polos autores como Arqueoloxía da Memoria, a adecuación das antigas dependencias monacais foi entendida como un discurso no tempo arqueolóxico, que trataba ás diversas estancias como lugares onde se facía evidente os estratos e procedencias das pezas. A proposta combinaba dúas estratexias de pautado –comúns na arqueoloxía–: aquelas que destacan a dimensión vertical e aquelas que se centran na dimensión horizontal; como a invitación permanente aos visitantes a que recoñecesen as pegadas directas da historia, na fábrica do edificio. Tódolos lugares previstos eran considerados como espazos estratigráficos.

Por outra banda, o proxecto propoñía a recuperación do espazo dos claustros como espazos determinantes de todo o conxunto, interpretándollos como dous baleiros –un reconstruído e o outro consolidado e intervido con novas edificacións– que ordenarían a disposición de novos volumes, os cales terían como principal obxectivo a recuperación da entidade e da dimensionalidade do espazo antigo. Entre esas novas pezas destacarían elementos de conexión que articularían as antigas ruínas e as edificacións propostas: a caixa-umbral de acceso ao Claustro Regular, o distribuidor da zona nova ou o condensador de luz ou a peza de peche e comunicación da fachada sur, entre outros.

Pero a falta de financiamento impediu a execución do proxecto, a pesar do compromiso do Ministerio de Cultura de asumir o oitenta por cento do custe total da rehabilitación e dun certo interese por parte da cadea hoteleira Husa para facerse coa xestión do futuro hotel.

O 16 de marzo do 2008 a Deputación Provincial de Ourense e o concello de Melón asinaron un convenio de cesión gratuíta do dereito real de uso do mosteiro. Mediante o mesmo o concello comprometíase –entre outras cousas– a realizar as obras de restauración e rehabilitación dos bens cedidos, así como as construcións ex novo que sexan precisas para a súa dedicación a actividades turísticas; e tamén á explotación turística mediante o sistema de xestión máis axeitado para o interese público. En consecuencia, por unha banda, encargóuselle ao estudio Gazapo Lapayese un novo proxecto que abarcase só unha primeira fase de consolidación das fábricas para a súa posterior musealización. Pola outra, a Consellería de Cultura e Turismo e o Ministerio de Fomento asinaron un convenio de colaboración para o financiamento conxunto de devanditas obras.

As actuacións levadas a cabo abarcaron dende obras que afectaron ao Claustro da Hospedaría –montaxe das arcadas derruídas da banda oeste, actuacións sobre as fachadas dos edificios ou a demolición da escaleira anexa á fachada norte– ata intervencións no Claustro Regular –limpeza e consolidación de arquearía, consolidación e protección superior das bóvedas de medio cano, limpeza e consolidación do muro da nave da igrexa, limpeza, clasificación de materiais e reconstrución da nave do refectorio ou a consolidación e limpeza da adega–. Do mesmo xeito, no antigo calefactorio e nas cociñas realizáronse labores de limpeza, así como a clasificación de materiais, ademais da construción dunha escaleira auxiliar de acceso ao calefactorio e á torre grande. Xunto con estas actuacións destinadas á posta en valor e coidado do ben patrimonial, executáronse outras para facer visitables e accesibles os espazos recuperados nas plantas baixa e alta, como a colocación de escaleiras auxiliares e pasarelas nas zonas onde non se conservaban os pavimentos orixinais.


A día de hoxe, coas fábricas xa consolidadas, do proxecto orixinal só foi habilitada unha pequena cafetería nunha das antigas paneiras, recuperando así o carácter do lagar existente.