Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

O 'Ideal Cine Zárate' entra no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia

A Xunta ven de incoar o expediente que conduce á inclusión do Ideal Cine Zárate de Mugardos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia con categoría de monumento. A Concellería de Cultura publicou no Diario Oficial de Galicia do pasado luns esta resolución pola que o Ideal Cine Zárate da localidade mugardesa adquirirá un nivel de protección que supón a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural paralizou o pasado mes de febreiro as obras previstas de demolición do inmoble cunha orde de suspensión e xa anunciara o inicio deste expediente. Segundo consta na resolución a protección deste ben debe entenderse como un elemento de coñecemento da sociedade do pasado cuxa importancia non reside exclusivamente na súa singularidade material, senón na súa implantación e impacto nun determinado lugar que nos permite coñecer a vida cotiá da sociedade que posibilitou a súa aparición, no contexto da presenza no mundo occidental dunha cultura do lecer, asociada ao crecemento dun sector económico e institucional.


Esta sala de cine situada a escasos metros do Concello recibiu o seu nome do indiano mugardés Pedro Zárate Doménech, que mercou en 1924 o soar sobre o cal construiría a sala cinematográfica o arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, quen deseñou un edificio ecléctico, seguindo a moda da época, recoñecible noutras salas da Coruña, Pontevedra ou Vigo. O edificio foi inaugurado o sábado 29 de maio de 1926 coa actuación do grupo arxentino de Les Pantaleoni e Aurora Gago. Desde que o cinema deixou de funcionar na década dos 60, comezou a decadencia do inmoble que vemos hoxe en estado ruinoso, os seus restos representan a época dourada dos cinemas e identifican o Ideal Cinema Zárate como principal centro de lecer en Mugardos durante moitos anos, no cal tamén se ofrecían espectáculos de teatro e bailes, e mesmo mitins nos anos anteriores á II República.


Para coñecer máis sobre a historia do Ideal Cinema Zárate pulsa aquí.


Texto extraído de Cultura Galega.