Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

IV Foro de Rehabilitación

  • Esta cuarta edición celébrase entre os días 5 e 7 de maio.
  • O arquitecto británico David Chipperfield (Londres, 1953) clausurará o evento.
  • A realidade virtual unida ao patrimonio será unha das novidades.

Esta tarde comeza a cuarta edición do Foro de Rehabilitación de Rianxo, que se prolongará ata o vindeiro domingo.

O programa será inaugurado co relatorio Entornos Sensibles do estudio compostelán 2es+, formado por Alfonso Castro Lorenzo e Álvaro Marín Durán; autores, entre outras actuacións, da rehabilitación realizada nas minas de San Fins (Lousame, A Coruña) para restaurante, no antigo cuartel da garda civil.

O evento continuará coa comunicación titulada A transmisión do Patrimonio. A cidade do mañá, do grupo coruñés PØST Arquitectos, dirixido pola arquitecta Sandra González Álvarez.

Continuidade e cambio será o seguinte relatorio, impartido polo estudio santiagués RVR Arquitectos, formado por Alberto Redondo Porto, Marcial Rodríguez Rodríguez e José Valladares Durán; galardoados con varios premios ENOR, co premio COAG ou co Premio Europeo da Paisaxe ‘Rosa Barba’, entre outros, polas súas intervencións no patrimonio.

O arquitecto Jorge Salgado Cortizas inaugurará a xornada do sábado coa charla Apuntes e olladas dende o casco histórico de Pontedeume, a única vila da comarca que conserva as casas de remo, un tipo de edificacións tradicionais cuxa anchura correspóndese coa lonxitude dunha pa.

O evento continuará coa comunicación titulada El arte de callar, de Luis Gil Pita e Cristina Nieto Peñamaría, recoñecidos no campo da restauración e conservación de edificios contemporáneos con diferentes premios de ámbito nacional como a X BEAU, os premios ENOR ou os premios COAG.

Despois será a quenda para o relatorio Quatro intervençôes singulares, de Alexandre Alves Costa –catedrático da Universidade do Porto e antigo director do Servizo de Arquitectura luso–, e Sérgio Fernández Mosteiro –tamén catedrático universitario–.

O foro continuará coa charla titulada Toma de datos previos con tecnologías 3D, de Xeométrica Enxeñaría, empresa que falará sobre a aplicación de técnicas de 3D e realidade virtual para a posta en valor do patrimonio.

Con Al fondo hay sitio proseguirá o equipo formado por Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso; profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña e gañadores do Primeiro Certame de Rehabilitación convocado pola Xunta de Galicia, entre outros importantes galardóns.

Para terminar a xornada do sábado, asistiremos ao relatorio Oficios tradicionais. Paseo crítico polo casco antigo, de Santiago Martínez Otero e Guillermo Rodríguez Rodríguez; directores das obras de forxa e cantería das catedrais de Santiago de Compostela, Ourense e Tui.

E como broche final para a mañá do domingo, o afamado arquitecto británico David Chipperfiel clausurará o foro coa charla Arousa study: development and protection of the fishing towns, unha intervención centrada no desenrolo e na protección das vilas mariñeiras da ría de Arousa.


Vémonos en Rianxo!