Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

Inauguración 'Centro de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación'

Por Consorcio de Santiago, para o Concello de Santiago de Compostela.


  • O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega, inaugurou este martes 11 de xullo o primeiro Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación da Península Ibérica, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba.
  • No acto participaron tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Fundación Laboral da Construción, Juan F. Lazcano, e o xerente desta entidade, Eligio Nieto.

O rexedor compostelán felicitouse polo feito de que este proxecto vira a luz, porque se empezou a xestar hai xa moitos anos, e chegou a correr serio perigo durante a crise. Martiño Noriega agradeceu a implicación do Consorcio nesta iniciativa exercendo de lugar de encontro das distintas administracións, pensando no ben de Santiago, e da man da Fundación Laboral da Construción. Tamén tivo palabras de loubanza para os dous arquitectos implicados, Víctor López Cotelo e Ángel Panero, que desenvolveron un proxecto á altura dunha cidade patrimonio como Compostela.

Importante investimento

O Centro de Formación de Referencia en Rehabilitación estivo promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago, e contou co apoio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia. Con 4.700 metros cadrados de superficie construída, localízase nunha parcela de 23.000 metros cadrados e permitiu recuperar parte do antigo curtidoiro da Pontepedriña de Arriba. Ao proxecto destináronse 8,1 millóns de euros, dos que 5,3 foron achegados pola Fundación, 2,1 millóns polo Consorcio de Santiago e 700.000 euros pola Xunta.

O proxecto para a transformación do antigo curtidoiro da Pontepedriña de Arriba no Centro de Referencia en Materia de Rehabilitación remóntase ao ano 2011, pero as obras non comezaron ata setembro de 2013. Os traballos desenvolvéronse en catro fases: a primeira parte da rehabilitación das estruturas existentes, a construción dunha nova edificación, a segunda parte da rehabilitación do antigo curtidoiro e, por fin, a urbanización e o equipamento do centro.

Centro pioneiro

O centro será pioneiro en todo o territorio estatal, xa que se destinará de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. Está considerado polos especialistas como unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento de políticas activas de formación e emprego no sector da construción.

As instalacións contribuirán a dinamizar a transformación que está a vivir o sector da rehabilitación, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais e cualificación de traballadores, favorecendo a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesta área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable. Así mesmo, debe entenderse como unha ferramenta moi poderosa para impulsar a colaboración público-privada ao servizo da recuperación da cidade histórica de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende 1985.