Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

Unha nova normativa que facilitará a rehabilitación

Por Redacción, para Grupo Es Comunicación Galicia.


A nova normativa facilitará a rehabilitación aproveitando o patrimonio construído e respectando o seu carácter histórico.


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Executivo autonómico está a preparar a primeira lei galega de rehabilitación co obxectivo de facer do Patrimonio Arquitectónico de Galicia un elemento de dinamización económica. O Goberno galego busca, deste xeito, impulsar medidas para mellorar a calidade de vida nas vilas e cidades aproveitando as edificacións existentes, reducindo as necesidades de ocupación do territorio e garantindo as condicións de habitabilidade das vivendas.

Segundo o titular do Goberno galego, coa nova normativa facilitarase a rehabilitación aproveitando o patrimonio construído e respectando o seu carácter histórico. Trátase de establecer un marco administrativo propicio para promover a coordinación entre administracións; suprimir as trabas e dificultades para quen acomete estas actuacións; impulsar a rexeneración urbana e un rural vivo para crear áreas atractivas para vivir; garantir a planificación e a cualificación técnica nas intervencións; fomentar a cultura da rehabilitación tanto entre administracións como entre a cidadanía e convertela nun motor de desenvolvemento económico e do emprego.

En Galicia

O xefe do Executivo galego fixo este anuncio na inauguración en Santiago de Compostela do Centro estatal de Formación de Referencia en Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción. Trátase dun proxecto pioneiro en España, froito da colaboración institucional entre o concello, a Comunidade e o Estado, no que se prevé que cada ano se poidan formar dous mil traballadores en diversas especialidades.

Con respecto a isto, Feijóo asegurou que o centro é a proba de que existe un novo sector da construción en España e en Galicia que está aberto á diversificación cara aos novos espazos construtivos e á exploración de novos procesos e materiais.

Nesta liña, sinalou que a rehabilitación se presenta como a combinación perfecta de sustentabilidade, emprego e dinamización urbana e como o recurso onde sintonizan o crecemento económico, o respecto ao medio ambiente e a conservación patrimonial, e que, por tanto, beneficia a todos.

Para Feijóo, que esta industria crecese un sete por cento nos últimos anos, acadase o maior ritmo de caída do paro interanual en Galicia ou que en 2016 batese o seu récord histórico de exportacións, é sinal deste cambio de tendencia. Por tanto, considera que a rehabilitación vai ser o futuro motor económico do sector da construción.

Neste senso, a Xunta vai destinar este ano máis de trinta e cinco millóns de euros a actuacións directas e axudas a particulares e concellos para o acondicionamento de vivendas e edificios patrimoniais.

De feito, o presidente do Goberno galego considera que a rehabilitación é unha necesidade colectiva que redunda en beneficio de todos e cre que co novo proxecto que hoxe se inaugura gaña Santiago, polo que supón para o patrimonio histórico da cidade; gaña a industria galega, por tratarse dun centro innovador para un sector que busca seguir creando emprego; e gaña Galicia, por proxectar a través desa obra o seu compromiso coa conservación do patrimonio histórico e co crecemento urbanístico responsable.