Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

Proxecto ARGA en Madrid

A exposición da XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo: Alternativas/Alternatives inaugúrase na Sala de Arquerías dos Novos Ministerios de Madrid.


A XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que tiña como título Alternativas/Alternatives, premiou en abril de 2016 un total de oitenta e nove proxectos arquitectónicos entre as categorías de Patrimonio, Urbanismo e Proxecto Fin de Carreira; así como en Investigación e Divulgación: onde foi distinguido Proxecto ARGA como proposta innovadora polo seu labor no eido da Transferencia Social.

A XIII BEAU exhibiu os traballos galardoados nunha exposición homónima e itinerante que tivo a súa primeira parada no Palacio de Carlos V da Alhambra de Granada, coincidindo a súa inauguración –o 19 de xullo de 2016– coa entrega de premios, onde participaron os co-directores da bienal –Begoña Díaz-Urgorri, Juan Domingo Santos e Carmen Moreno Álvarez–, e Francisco Mangado en calidade de coordinador xeral de bienais en España.

En outubro de 2016, a XIII BEAU chegou por primeira vez a Estados Unidos para exhibirse na Cooper Union for the Advancement of Science and Art de Nova Iork. Despois trasladouse á oficina cultural da Embaixada de España en Washington –SPAIN arts & culture–.

En maio deste ano estivo presente na Feria Barcelona Building Construmat, contando coa participación dalgúns dos autores premiados na bienal. Esta foi a primeira parada no regreso da XIII BEAU ao Vello Continente; logo foi a quenda de Avilés.

O pasado día 8 de febreiro inaugurouse a exposición da XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo na Sala das Arquerías dos Novos Ministerios ás dezanove e trinta horas, contando coa presenza do ministro de Fomento Íñigo de la Serna. A exposición poderá visitarse dende ese día ata comezos do mes de abril.

Esperamos vervos alí e que compartades connosco as vosas impresións!