Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

Gallego Jorreto. Arquitectura 1969-2015

Esta tarde, a Fundación Barrié presenta na súa sede de A Coruña a primeira retrospectiva da obra de José Manuel Gallego Jorreto –Premio Nacional de Arquitectura 1997– baixo o título Manuel Gallego. Arquitectura 1969-2015. Comisariada polo propio autor e deseñada polo arquitecto e fotógrafo Pablo Gallego Picard, a exposición é unha produción propia da Fundación Barrié, organizada en colaboración co estudio do propio Gallego Jorreto.

Devandita exposición está composta por unha escolma de proxectos construídos e propón crear un fío argumental que permita desenvolver un discurso que facilite e provoque olladas diversas sobre a Arquitectura, aproximándose así á súa complexidade. Para iso sublíñanse algúns dos argumentos conceptuais que foron a base destas arquitecturas: a idea e o contexto. A idea como soporte conceptual da arquitectura, como argumento que ordena a súa materialidade, a súa construción, o seu uso, a súa forma e o seu significado. E o contexto, no seu senso máis amplo, como o lugar físico onde se sitúa a construción, pero tamén como esa paisaxe que é expresión dunha orde sobre un territorio. É dicir, trátase de amosar as forzas exteriores e interiores que dominan o proxecto, dende o que chamamos espírito do lugar ata a idea máis abstracta que ordena e lle dá unha intención á arquitectura.

Para iso cada obra seleccionada define na exposición un lugar propio que nos lembra que a Arquitectura é a creación dun lugar para usar e vivir. Nese espazo delimitado sobresae unha gran planimetría como representación e expresión sintética do contexto da obra –do seu territorio–, unha serie de esquemas ou debuxos orixinais que, xunto a un breve texto, axudan a precisar as ideas que condicionan e forman esa determinada arquitectura. Acompáñase á súa vez dun conxunto de imaxes que permiten ver a obra dende diferentes ángulos, amosando aproximacións da materialidade e a linguaxe utilizadas; e nalgúns casos dunha maqueta –máis conceptual e expresiva das ideas e intencións perseguidas que unha mera representación realista–.

En termos xerais a totalidade dos proxectos expostos organízanse a través de dous grandes apartados temáticos: a Arquitectura da vivenda e a Arquitectura dos espazos de uso colectivos. Coherente cun espazo expositivo dividido en dúas plantas, e unha cronoloxía onde predomina un primeiro período de construción de vivenda que dá paso a unha época posterior de maior desenvolvemento de edificios públicos e equipamentos, na planta superior de menor tamaño sitúanse os proxectos residenciais máis significativos –seis–, coincidentes cos inicios da carreira do autor; e na planta inferior, máis ampla, amósanse aquelas intervencións públicas –dezaseis– realizadas polo autor desde 1979 ata a actualidade.

Estando presentes neste exposición as obras máis representativas de Gallego Jorreto, dende Proxecto ARGA queremos participar nesta homenaxe ao arquitecto ourensán facendo un particular percorrido por tres das súas obras: tres rehabilitacións que partiron de tipoloxías diferentes –vivenda, convento e banco– para rexurdir cunha mesma función, a de museo.

Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María

Nunha vivenda situada no casco histórico da cidade herculina cunha clara tipoloxía de parcela gótica, ao carón da Colexiata de Santa María do Campo, presentouse a posibilidade de crear un pequeno museo no que gardar as xoias de devandito templo e no que fora posible que estes tesouros fosen visitados.

Dadas as dimensións da parcela, Gallego Jorreto viuse obrigado a unha proximidade nos detalles e a unha escala de certa intimidade, que se complicou coa procura da unidade e da continuidade espacial do recinto. A dificultade para situar a escaleira suxeriu a transformación do propio museo en escaleira, que foi adquirindo diferentes tratamentos a través da luz, dos pavimentos, dos paramentos, da cor e dos detalles da varanda para potenciar estas ideas.

Na fachada o arquitecto resaltou ese carácter unitario, empregándollo como elemento de concordancia coa contorna: elementos acristalados, recercados de xambas pétreas, que á súa vez enmarcan elementos cegos brancos.

Museo de Belas Artes de A Coruña

A maior parte do antigo convento coruñés das Capuchinas foi derrubado para construír o novo museo: só se conservaron a fachada principal, o espazo que esta definía e as celas –a igrexa quedou excluída da intervención–.

Gallego Jorreto procurou un espazo integrador con carácter público baseado na complexidade actual do concepto de museo e das súas funcións, un espazo como eixo xerador e elemento orientador de todo o conxunto. Este eixo foi concretado no espazo entre o vello edificio e o novo, como unha rúa que enlaza a entrada actual coa primitiva.

O museo foi estruturado mediante unha retícula: abstracción de estrutura flexible. Esta converteuse no elemento estético que definiría o espazo do museo. E o museo nacía a partir da planta primeira como unha caixa reticular, flexible e múltiple nas súas posibilidades. Este é un espazo neutro, rodeado por todo o edificio, onde a luz natural non trata de iluminar os cadros, só de axudar a articular o espazo. En canto á planta baixa –pétrea– foi creada polo arquitecto como prolongación da praza e enlazada coa rúa interior, á que se abrirían as tendas, o bar, os servizos…

Museo das Peregrinacións e da Cidade

En plena Praza das Praterías, a nova e recentemente inaugurada sede deste museo –que substituíu á Casa Gótica de San Miguel dos Agros– conta cuns mil metros cadrados de exposición divididos en catro plantas, tres veces máis que o espazo do que se dispoñía anteriormente.

Gallego Jorreto mantivo a aparencia exterior do edificio que ata o ano 2004 fora a sede do Banco de España na cidade compostelá, reestruturando por completo o interior para adaptalo ao seu novo uso. Interpretou perfectamente os espazos con harmonía e sinxeleza de liñas, xerando un referente arquitectónico no corazón da cidade histórica, sendo premiado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.


E se queredes saber máis destas rehabilitacións, non dubidedes en visitar os seguintes enlaces Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María e Museo de Belas Artes de A Coruña. En canto ao Museo das Peregrinacións e da Cidade, dado que aínda estamos preparando a súa ficha no noso inventario das Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia, de momento podedes consultar a súa web Museo das Peregrinacións.