Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

Ornato musical

No século XVIII o mariscal Potemkin paseaba á tsarina Catalina polas vilas e aldeas de Crimea nas que facía construír ex profeso falsas fachadas que escondían –tralo seu luxo exterior– un interior devastado. A tsarina íase encantada do esplendor do seu pobo, mentres que a miseria permanecía oculta.

Esta actitude lembra a un tipo de actuacións nas que, debido ao novo uso esixido ao monumento, precísase –para desenrolar adecuadamente a súa nova función– a planificación dunhas instalacións que impoñen a transformación total do inmoble converténdollo nunha mera fachada conservada ben por cuestións de imaxe ou simplemente polas esixencias ditadas pola normativa urbanística.

Pero tamén pode lembrar a eses decorados que se realizan para poñer en ambiente aos escenarios dunha obra de teatro. E hai casos, como os videoclips, nos que para o facer o decorado non é necesario baleirar o monumento, só liberalo de todo significado, reducíndollo –redundantemente– á pura ornamentación.

Soa a música…

Zombie a la intemperie é un videoclip de cinco minutos e medio rodado integramente en terras ourensás, onde o mosteiro de Santa María de Oseira se converte no principal escenario dun triángulo amoroso. Non só os exteriores do cenobio se transforman en bucólicas imaxes senón que o interior, coa biblioteca como punto central, tórnase nun onírico escenario no que Alejandro Sanz se debate entre o amor de Inma Cuesta e o de Marta Etura.

O grupo vigués Fallen Sentinel –de estilo gótico progresivo metal– escolleu o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro para levar a cabo a rodaxe do seu tema Lilith. Nunha entrevista, o grupo confirmou que buscaban un sitio elegante, cunha arquitectura medieval, e que en canto viron imaxes do cenobio souberon que era o que estaban a procurar. Entre ritmos contundentes e voces desgarradoras, diferentes vistas da arquitectura monacal sucédense. É máis, o propio altar é o escenario propiamente dito.

Unha das bandas máis representativas do panorama do folk galego, Luar na Lubre, decidiu achegarse ata o Castro Baroña para gravar o vídeo musical de Tu gitana, unha obra tradicional da Estremadura portuguesa. A canción avanza e a gaita vai cobrando forza mentres os compoñentes pasean por entre os restos deste asentamento castrexo.

E non podiamos rematar este pequeno listado sen o polémico Noche y Día de Enrique Iglesias, xunto a Yandel e Juan Magan. Dos case cinco minutos que dura a metraxe, apenas corenta segundos se dedicaron á promoción turística de Galicia que a Xunta xustificou para subvencionar a súa gravación. Ao inicio do vídeo, cada dous segundos sucédense imaxes dos Canóns do Sil, da catedral de Santiago, do faro de Cabo Home, das pontes da cidade de Ourense, da Torre de Hércules, da praia de As Catedrais, da muralla romana de Lugo, da ponte de Rande e da Cidade da Cultura, onde aterran en helicóptero dúas mozas que poñen rumbo ao mosteiro de Carboeiro para asistir a unha festa nocturna.


E de seguro que hai máis exemplos… ¿coñecedes vos algún outro monumento ou enclave patrimonial que fose empregado como escenario dalgún videoclip?