Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Blog

Autenticidade e Patrimonio

O Patrimonio Arquitectónico é unha das formas nas que se materializa a memoria e por iso a preservación da súa autenticidade converteuse na pedra angular de tódalas intervencións que se fan no mesmo. Salvagardar a autenticidade da herdanza arquitectónica supón legar ás xeracións futuras unha parte fundamental da nosa memoria. Pero a pesar de haber un acordo universal respecto a esta idea, non existe unanimidade en canto ao concepto en cuestión.

Autenticidade e Patrimonio

A materia dos bens culturais, antes incluso de que se coñeceran como tales, foi interpretada como continente dunha serie de valores –histórico, documental, estético, etc…– e dotada dun carácter case intocable. Foi no século XIX cando se tomou consciencia de que a restauración era un proceso capaz de transformar e, polo tanto, de alterar eses valores. Xurdiu entón o medo á perda destes, á súa mixtificación e á falsificación; e sentáronse as bases teóricas do prolixo e complexo debate que marcou definitivamente a historia da metodoloxía restauradora occidental.

Na mesma orixe deste debate encóntrase a idea propia da cultura occidental anticuaria e mercantilista en cuxo seo naceu a Teoría da Restauración. Esta idea identifica o orixinal co valioso e a réplica cun perigo e cunha agresión ao valor dese mesmo orixinal. A cultura occidental define a falsificación cunha clara base legal: obra de arte executada coa intención de inducir a erro ou engano. É dicir, no tocante á falsificación, o que conta, realmente, é a intención de facela pasar por orixinal. E na base do escrupuloso medo a falsificar, a confundir a materia orixinal –a valiosa– coa integrada, está a idea de que esa materia introducida no proceso restaurador é un remedio inevitable, pero carece de valor por si mesma.

Aceptado este suposto de forma practicamente unánime, a teoría europea partiría do principio da existencia dunha materia que hai que respectar escrupulosamente. Esta teoría, a través de numerosas cartas e documentos de referencia, deteríase nunha determinista serie de limitacións, preceptos e reflexións sobre o papel que debe desempeñar o proceso de eliminación e reintegración da materia dentro da restauración e da rehabilitación. Insistiría ademais na obsesiva necesidade de diferenciar o auténtico como receptáculo de valores do reintegrado, resultado dun proceso metodolóxico concreto.

E a certeza de que a restauración mantería o valor da orixinalidade, da autenticidade, derivou na asimilación de que se erradicara o perigo do falso histórico.

O coleccionismo, dependente da testificación e da certificación da antigüidade –autenticidade–, desenrolou o medo e a aversión á copia e á falsificación. O falso histórico é un concepto que radica na nosa idea mesma, a da cultura occidental, da obra de arte e da autenticidade. Ten moito que ver coa convicción de que o valioso, o que debe conservarse e nunca alterarse, é a materia herdada do pasado.

Dende un prisma parecido, de substrato romántico pero máis elitista, John Ruskin interpretou os monumentos como expresión non da alma do pobo, senón da do seu creador. E por este camiño concluíu que o monumento non era propiedade do pobo, non nos pertencía porque non o crearamos e non o deberiamos alterar. Non obstante, xunto con Viollet le Duc, chegou a defender a recuperación das técnicas tradicionais; o inglés buscaba a autenticidade da creación e o francés a da técnica construtiva.

Co século XIX desenvolveuse a idea de que o valor substancial da arquitectura radicaba no seu ser documental e de que ese valor documental se materializaba necesariamente nos restos herdados do pasado. A ese valor uníuselle o de evocación, e andado o tempo outros valores baseados no principio de que non debía alterarse –ou facelo de xeito mínimo– esa materia herdada.

Ademais –á raíz da escola violletana– naceu en Francia o debate sobre se a restauración, entendida como unha revisión do edificio ao servizo dun determinado concepto do funcionamento do organismo arquitectónico, restaba autenticidade aos monumentos. Isto debíase fundamentalmente ao feito de introducir nos edificios históricos alteracións substanciais na materia e na forma herdadas do pasado, posto que o arquitecto restaurador considerábase capacitado e lexitimado para eliminar elementos e para restituír –ou aínda recrear– outros que poderían non ter existido xamais. Ao alterar o tecido herdado, ao entender a evolución histórica do monumento como unha degradación, ao valorar unha etapa sobre as demais, iniciábase o camiño da creación do falso arquitectónico anatematizado pola escola italiana.

Esta escola restauradora, mediante o instrumento das cartas e o establecemento do método con forma de marco legal, difundiu e impuxo o criterio do respecto polo valor documental do monumento. Mantendo esta herdanza, a nosa cultura aceptou de xeito case unánime a legalidade, a necesidade e incluso a obriga de restaurar. Non obstante, a autenticidade da materia arquitectónica debía primar.

Pero entón o debate sobre a autenticidade debería propoñerse dende criterios non exclusivamente arquitectónicos, e dende logo non pensando na arquitectura só como obra de creación, senón tamén dende un punto de vista cultural. A autenticidade é un valor cultural e, polo tanto, non unívoco nin universal; que garda estreita relación con conceptos como historia, pasado, tradición, creación e individuo. Asemade –como tódolos conceptos culturais– é inseparable dos determinantes materiais, ideolóxicos e económicos.

Sinxelamente, debemos comezar por preguntarnos en que consiste esa autenticidade que todos esgrimimos como argumento á hora de valorar determinadas e variopintas intervencións sobre o Patrimonio Arquitectónico.

Para a teoría asumida pola Unesco e difundida en documentos e recomendacións internacionais, todo obxecto é auténtico dende a súa creación e con toda a súa historia. Desa maneira, conservar o auténtico sería salvagardar o creativo, a realidade física e o discorrer do tempo histórico materializado nela. En cambio, para os representantes do ámbito cultural africano, latinoamericano e asiático, a cuestión non está tan clara, posto que a materialidade de boa parte dos seus bens arquitectónicos –fabricados con madeira, adobe ou azulexo e sometidos a continuas reparacións e reposicións– é ben distinta. A autenticidade desta arquitectura baséase precisamente na reposición da materia e pretender facela perdurable sería alterar os seus valores de xeito substancial. A autenticidade nestes casos estará, sen dúbida, nas tradicións construtivas, no uso de determinados materiais e na transmisión desa cultura, no respecto á súa integración harmónica co medio natural e socioeconómico.

A crecente diversidade das categorías de patrimonio, dos seus materiais e dos métodos de construción ou planificación, conduciu a definir normas variables para unha conservación auténtica. Por este motivo tamén se consideraron diferentes interpretacións do concepto de autenticidade segundo as diversas tradicións culturais. Unha constatación que xerou un rico debate e que no seu momento tivo como punto de partida á Declaración de Oaxaca no ano 1993.

A crecente sensibilidade cara á diversidade de culturas e civilizacións traduciuse nunha preocupación pola conservación do Patrimonio Cultural de acordo coas mentalidades e crenzas propias de cada cultura. Este principio levou a reflexionar sobre a reformulación do criterio de autenticidade, como criterio capital da conservación dos bens culturais, que adoptaría perfís diferentes segundo o ámbito cultural no que nos situásemos.

O cambio de perspectiva comezou a cobrar forza no Documento de Nara sobre Autenticidade, documento que abriu paso á aceptación dunha concepción radicalmente distinta da autenticidade. Entre outras cousas, definía a diversidade cultural como un valor en si mesmo, que debía ser promovido sobre todo nun contexto de homoxeneización e globalización como o que afrontamos. E a defensa da pluralidade cultural como base das diferentes visións da autenticidade quedou reflectida ao establecerse que as accións de conservación tiñan a súa razón de ser en virtude dos valores atribuídos aos bens patrimoniais. Asemade, situounos fronte ao reto de asumir que a teoría restauradora occidental non era, en boa parte dos casos, extrapolable a outras culturas. Non obstante, este documento non pareceu mellorar a cuestión, posto que se ben se aceptou que non semellaba posible propoñer criterios universais respecto ao valor da autenticidade, seguían e seguen a estar vixentes as cartas e as recomendacións internacionais que estableceron unhas pautas bastante unívocas á hora de marcar a diferenza entre o novo e o vello, entre a materia histórica e a incluída no proceso de restauración.

Das reflexións que suxeriron a reunión de Nara, cabe destacar a convocatoria do V Encontro Rexional de ICOMOS Brasil e cuxas conclusións se coñeceron como a Carta de Brasilia. O punto de partida foi unha conciencia clara de identidade rexional diferenciada destes países, que levou aos autores da carta a sinalar que cada unha das herdanzas e dos seus patrimonios debían ser dimensionados individualmente. Ademais o significado de autenticidade ligouse á idea de verdade: é auténtico aquilo que se dá por verdadeiro ou é certo, aquilo que non ofrece dúbidas. Por outra banda, esta carta aportou un matiz interesante ao falar de autenticidade nun ben en función da natureza deste. E establecendo unha clara diferenza nas formas de intervir, aceptou a substitución para as arquitecturas con materiais de reposición, pero fixaba para as outras uns criterios máis próximos á teoría europea, ao falar de que os elementos novos que se vaian introducir deberían harmonizar co existente e ser reversibles.

Un ano máis tarde celebrouse a Declaración de Santo Antonio en Texas co obxectivo de completar as observacións e os debates contidos na Carta de Nara e de discutir sobre o significado da autenticidade na conservación do Patrimonio Cultural americano dende diversos puntos de vista. Establecíase, polo tanto, que a autenticidade estaba directamente relacionada coa identidade cultural; e que a comprensión da historia e do significado dos lugares extraordinarios do territorio americano era un elemento crucial na identificación da súa autenticidade. Asemade, afirmaba que o Patrimonio Cultural, máis alá do seu testemuño material –para o que remitía directamente á Carta de Venecia–, podería ser portador dunha profunda mensaxe espiritual que se substanciaría nunha vida común vinculada a un pasado ancestral.

A aceptación de que o concepto de autenticidade é complexo de definir e non debe ser entendido dende un único ámbito cultural nin dende un único aspecto acabou por integrarse definitivamente na teoría da Unesco. Afirmábase que o valor da autenticidade era un aspecto determinante na avaliación dos bens culturais, e que devandita autenticidade tendía a identificarse cun ben cultural que conservase a súa materia orixinal, a pesar de ir recibindo sobre ela a súa correspondente carga histórica. Correspondendo coa teoría máis ortodoxa emanada de Europa, esta afirmación contrasta coa práctica da Unesco á hora de incluír na Lista do Patrimonio Mundial determinados bens.

Por último, a Carta de Cracovia asumiu a teoría das súas predecesoras sobre unha herdanza patrimonial na que o afán de pervivencia da materia arquitectónica tiña na solidez unha das súas aspiracións fundamentais. E precisamente por iso foi concibida como un documento rexional fronte á visión eurocentrista e universalista da Carta de Venecia. O seu obxectivo era que os preceptos que limitaban a transformación da materia orixinal se aplicasen á arquitectura europea, aceptando as grandes variantes que esta presenta. A vontade expresa de identificar o orixinal –o auténtico do monumento– coa materia herdada do pasado quedaba clara, subxacendo a idea de que a materia é a depositaria fundamental dos valores do patrimonio construído e que é esa materia a que se debe preservar, coas mínimas alteracións e reintegracións.

Desrestauración

A revisión contemporánea da historia engadiu un novo factor a este complexo debate: o do papel desempeñado pola materia introducida nas restauracións como parte do substrato material da autenticidade do Patrimonio Arquitectónico. Se aceptamos que a materia arquitectónica se carga de historicidade e asumimos que tódolos estadios históricos do monumento son igualmente válidos, habería que admitir que as restauracións forman parte dese proceso histórico que se integrou á materia herdada das fases anteriores. No seo deste debate naceu o concepto de desrestauración.

A eliminación de intervencións posteriores á fase orixinal dos monumentos non é tan antiga como a súa mesma vida, pero a dificultade de aunar o respecto polo valor da historicidade e o respecto pola autenticidade da materia arquitectónica xera unha clara contradición. É evidente que, aínda que proscritas en teoría, as operacións de desrestauración non son infrecuentes, e en boa parte dos casos tamén debe admitirse que se basean en criterios aparentemente coherentes coa teoría emanada das cartas e documentos internacionais. Polo tanto, tamén neste caso, a delimitación da autenticidade, vinculada ao problema da materia, semella irresoluble.

Restauracións e desrestauracións aplícanse, inevitablemente, á materia arquitectónica e teñen un efecto incuestionable sobre a súa autenticidade, aínda que en moitos casos sexa a preservación dese valor o que se empregue como argumento para fundamentar as decisións restauradoras.