Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Pinacoteca Francisco Fernández del Riego

Historia

Diego Arias Taboada, mestre de campo e gobernador de Vigo, foi o promotor deste pazo no século XVII. El foi o encargado da defensa da cidade e dos seus castelos ante a invasión do exército portugués acuartelado en Bouzas no 1665.

O Pazo de Arias Taboada é unha edificación de traza barroca caracterizada pola súa sobriedade, destacando na súa fachada o escudo de armas das familias Taboada e Figueroa.

Amosa un rudo tratamento da cachotería mesturada con perpiaño, reservándose a delicada cantería granítica para o encadre dos vans, plataforma das balconadas, cornixas e gárgolas.

Memoria

O obxectivo principal da actuación consiste na obtención dos espazos necesarios para a localización dos fondos pictóricos e escultóricos do museo da cidade que carecen actualmente de espazo suficiente na actual sede do Museo en Castrelos (…).

A greta introducida no conxunto, será o corazón lumínico e organizativo do edificio que aporte claridade tipolóxica ao conxunto.

Dada a estreitura das parcelas recuperables sobre a rúa Ferrería e o gran desnivel existente con respecto ao acceso principal ao conxunto en rúa Abeleira Menéndez nº 8 decídese inserir unha construción sobria e sinxela sobre esta rúa que resolva a interconexión entre as pezas principais do conxunto e o novo acceso de servizo ao centro.

Esta nova peza do conxunto, de forma sensiblemente lonxitudinal compórtase tipoloxicamente como unha galería, que é o xeito por excelencia de resolver as pinacotecas na época clásica. Esta galería aporta ademais dunha extraordinaria flexibilidade de uso a condición de compartir o uso expositivo co circulatorio. A través dela, e en combinación co patio de nova creación accédese e organízase a circulación horizontal das plantas de exposición.

O tratamento desta galería, mediante unha fronte de carpintería de gran sobriedade que regulará a entrada de luz dende o norte, servirá de telón de fondo ao pazo urbano de Arias Taboada que se pretende poñer en valor, evitando as medianeiras vistas que a aplicación directa da normativa podería xerar.

Consolídase a construción en forma de torre como referente urbano e elemento de vinculación vertical do edificio, adaptándollo ás dimensións para os elementos de circulación vertical necesarias por normativa. Aproveitarase a necesaria reconstrución deste elemento para convertelo nun factor de identidade do centro, un reclamo publicitario e elemento de recoñecemento a escala cidadá, asimilable a un faro urbano.

( RIVOIRA ZECCA + RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ)

Bibliografía

  • MERA RODRÍGUEZ, José Carlos + SANTOS OGANDO, José Jorge; “Pinacoteca Francisco Fernández del Riego”, Guía de Arquitectura Contemporánea de Galicia. Pontevedra 2013. Páx.144.