Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Casa da Maxia

Memoria

O uso define profundamente a intervención, o que provoca unha intensa relación entre os proxectistas e os usuarios para conseguir a versatilidade buscada e converter a rehabilitación dun pequeno inmoble nunha oportunidade de realizar un edificio ilusionante. Por todo isto antóllasenos que o itinerario que nos propón a Asociación de Magos Profesionais de Galicia seguro que captará a atención, suscitará interese, provocará asombro, espertará ilusión e terminará en aplauso, tal e como define o ilusionismo o famoso René Lavand.

Trátase dun edificio singular que non se adapta a ningún uso concreto no que coexisten moitas funcións que van configurando diferentes edificios segundo se propoñan necesidades e ilusións. Esta superposición de programas para un mesmo uso –a maxia ou ilusionismo– (…) provoca a procura de elementos coincidentes e insubstituíbles colocados no lugar adecuado para facilitar as transformacións.

O resultado é unha planta sinxela definida e acoutada por dúas circulacións verticais.

Ao programa dáselle resposta mediante mobiliario fixo que se alberga no forxado –mesas–, mobiliario móbil –cadeiras– que se almacena nos espazos que se xeran ao regularizar as medianeiras. Os trasdosados xeran fornelas, estanterías e armarios. Os espazos transfórmanse mediante roles, paneis deslizantes, a decoración é móbil polo que cada sala pode ser moitas… para o mesmo uso ou para outro –micromaxia, maxia de cerca, maxia… exposición de xogos e utensilios de maxia, biblioteca, arquivo, docencia de maxia e ilusionismo…–.

(TRESPES ARQUITECTOS)


NOTA: O inmoble acabou converténdose nun anexo da ludoteca infantil municipal, e segundo unha nota de prensa de novembro de 2016, hai unha partida prevista para que se reutilice como museo interactivo dedicado a Os Bolechas.

Premios

  • Finalista V Premios de Arquitectura Ascensores ENOR. Vigo 2011.
  • Obra seleccionada en Arquia Próxima. 2010.

Bibliografía

  • VV.AA.; “Casa da Maxia”, V Premios de Arquitectura Ascensores ENOR. Vigo 2011. Páx.268.