Hotel Pazo de Altamira
Historia
Antigo Pazo de Altamira.
O edificio orixinal –do cal se manteñen as fachadas, as travesas, a posición da escaleira e a organización xeneral–, dedicaba a planta baixa a comercio e as superiores a vivendas, accedendo a estas dende a rúa Altamira a través dun portal que daba sobre o comercio á altura dunha entreplanta.
(CARRASCO LÓPEZ + CREUS ANDRADE)
Memoria
A rehabilitación mantén en certa maneira a organización de distribución de usos do edificio orixinal, ocupando a planta baixa o local de maior actividade pública –o restaurante– e dedicando as plantas superiores a dormitorios.
O antigo portal á rúa Altamira transfórmase na recepción do hotel, aberta neste caso cara ao restaurante dende unha couta superior. A peza formada pola recepción, a cafetería, o oficio do restaurante e a escaleira entre recepción e comedor é como un bloque de mármore tallado que dá fondo ao restaurante. As paredes deste espazo son un envoltorio calado por grandes ocos de cantería con carpinterías de madeira moi acristaladas que permiten a relación coa singular paisaxe urbana da contorna.
A planta de habitacións resólvese cun distribuidor en abano ao que se abren as cinco portas dos dormitorios e a dun oficio e un montacargas –estas dúas últimas integradas no forro deste vestíbulo–. Este espazo únese visualmente ao da escaleira intentando que se perciba como un único ámbito. A relación entre estes dous espazos permite tamén a iluminación natural do vestíbulo de acceso ás habitacións aproveitando a luz que entra polo oco acristalado do ascensor.
A distribución dos dormitorios intenta que cada un de eles, a pesar de ser diferente aos outros, teña unha serie de cualidades similares –galería, balcóns, superficie–.
A última planta concíbese como unha peza especial na que un lucernario que percorre lonxitudinalmente o cumio do edificio chega ao faldón norte transformándose nun teito de cristal sobre a sala de estar.
(CARRASCO LÓPEZ + CREUS ANDRADE)
Premios
- Finalista V Premios Enor. Vigo 2011.
Bibliografía
- VV.AA.; “Rehabilitación para hotel en la Rúa Altamira”, Arquiscopio Revista, Canarias.
- VV.AA.; “Rehabilitación de edificio para hotel en la rúa Altamira”, On Diseño, número 317. Barcelona 2011.