Casa Club de Golf de Guitiriz
Historia
Antiga cocheira do Hotel Balneario de Guitiriz, de planta rectangular e cuberta a catro augas con fortes pendentes.
Memoria
As obras que deron inicio á restauración das antigas cocheiras do
Gran Balneario de Guitiriz iniciáronse baixo a nosa dirección e seguindo o proxecto da nosa autoría, mediante o cal se deseñou e se organizou o espazo tal e como finalmente quedou construído. Devanditas obras formaban parte dun proxecto moito máis amplo de intervención que comprendía o vello balneario e a súa finca.Nas antigas cocheiras levouse a cabo a inserción das novas necesidades no edificio, orixinalmente diáfano polo anterior uso, adoptando como solución funcional e estruturante do novo uso a ocupación da zona central cun volume que acollese no seu nivel inferior os usos de vestiarios, aseos, cociña e barra de cafetaría e sobre el, baixo a cuberta, a zona de descanso e estar máis característica da intervención.
Salientar a xeometría espacial xerada polo singular volume da cuberta existente, que marca a pauta para a nova intervención: nova estrutura de castiñeiro con tirantes metálicos que nos permite liberar ese espazo central, mantendo a percepción do espazo interior como un todo, mellorando a relación dese novo nivel de ocupación co exterior coa colocación de oito xanelas no tellado.
De igual xeito, valoráronse as características esenciais e o volume do vello edificio devolvéndolle á armazón de madeira o seu papel como envolvente superior do mesmo.
(GAU. GABINETE DE ARQUITECTURA E URBANISMO)
Cara ao ano 2000, xa estaban rematados os traballos de demolición da estrutura de cuberta existente, a restauración dos muros perimetrais e a apertura de ocos, a execución da estrutura de cuberta e a súa cobertura, a construción do volume interior de acordo coas necesidades expostas no proxecto –incluída a súa distribución interior– e a colocación da carpintería exterior.
Nese momento Seara Morales era o arquitecto director das obras, a quen se lle deben cambios nos revestimentos interiores en relación aos que figuraban no proxecto orixinal de GAU. Gabinete de Arquitectura e Urbanismo –Alonso Montero + González Rodríguez + Salvador Fernández–.
A este sucedeulle no 2002 o equipo formado por Díaz García e Díaz Sierra.
O obxectivo que se perseguía era dotar ao club de Golf de Guitiriz dun carácter hospitalario que invitara aos seus ocupantes a gozar máis do complexo do Gran Hotel. Por este motivo, o proxecto (…) perseguiu a caracterización dos espazos de acordo coa función, en coherencia co ambiente acolledor que se pretendía. O emprego dos mesmos materiais e do mesmo tipo de mobles que no hotel confire ao interior de la Casa Club as mesmas características ambientais.
(DÍAZ GARCÍA + DÍAZ SIERRA)
Premios
- Obra seleccionada nos Premios FAD 2005. Barcelona 2005.
Bibliografía
- ALONSO MONTERO, José María + GONZÁLEZ RODRÍGUEZ, Alberte + SALVADOR FERNÁNDEZ, Jorge; “Balneario de Guitiriz”, GAU. Gabinete de Arquitectura e Urbanismo. Lugo.
- DÍAZ GARCÍA, Gustavo + DÍAZ SIERRA, Lucas; Club de Campo de Guitiriz. D&D. Madrid 2004.
- DÍAZ GARCÍA, Gustavo + DÍAZ SIERRA, Lucas; “Casa Club de Golf de Guitiriz”, Díaz y Díaz Arquitectos.
- VV.AA.; “Casa Club de Golf de Guitiriz”, Anuario de Arquitectura Ibérica. Premios FAD 2005. ON/Diseño. Barcelona 2005.
- VV.AA.; “Casa Club de Guitiriz”, Project Contract, 22. MC Ediciones. 2005.