Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Casa da Cultura de Pontedeume

Historia

Ao redor do ano 1538 os condes de Andrade fundaron o convento de Santo Agostiño baixo a advocación da Nosa Señora de Graza. De planta rectangular, desta época só se conserva unha das fachadas do claustro, de estilo renacentista.

O convento permaneceu ocupado por unha comunidade relixiosa agostiña durante séculos, pero trala desamortización de Mendizábal no 1835 o cenobio foi cedido ao Concello, quen o destinou, entre 1842 e 1848, a escola, cuartel e posteriormente a cárcere.

A mediados do século XIX o conxunto conventual pasou a mans privadas tras unha poxa. En canto á igrexa, foi demolida no 1867 baixo o pretexto de ameazar ruína, acadando así unha maior amplitude para a rúa circundante.

A finais da década dos setenta do pasado século, o edificio foi obxecto dunha primeira actuación para paralizar a ruína que se aveciñaba. Por parte da, daquela, Dirección Xeral de Belas Artes, interveuse para reconstruír a cuberta e recuperar a gran solaina que daba ao leste.

Memoria

En principio, preténdese e así se proxectou, dedicar a planta baixa a sala de exposicións, e dedicar o lateral esquerdo (…) a pequena biblioteca, que dada a pouca superficie dispoñible, desenvólvese en planta baixa e alta, utilizando o semisoto para almacén de libros, todo isto unido por unha escaleira interior.

Proxéctase unha escaleira principal de acceso á planta alta dado que na actualidade desapareceu, quedando só vestixios do que puido ser, e o oco ocupado pola mesma. Por este motivo proxectouse no mesmo sitio que parece debeu ter primitivamente.

A planta alta dedícase a sala de actos e conferencias, quedando a gran solaina (…) como zona de esparcemento, pero sen posibilidade doutra utilización, xa que está aberta, como tódalas solainas.

(FERNÁNDEZ - GAGO VARELA)

Bibliografía

  • FERNÁNDEZ - GAGO VARELA, Carlos; “Proyecto de Restauración y Rehabilitación del Convento de San Agustín”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1985/035. A Coruña 1983.
  • LÓPEZ CALVO, Jesús Andrés; El convento agustino de Pontedeume. Estudio histórico y colección documental. Sociedade Filatélica de Arte e Humanidades ‘Eume’. Pontedeume 2006.
  • MARTÍNEZ SUÁREZ, Xosé Lois; “Proxecto de urbanización: Horta de S. Agustín - Pontedeume”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1985/035. A Coruña 1988.