Hotel Pazo de Lestrove
Historia
Aínda que a historia do Pazo de Lestrove presenta unha serie de lagoas temporais, é coñecido que inicialmente, no século XVI, pertenceu á familia fidalga dos Quiroga.
A mediados do XVIII, baixo o arcebispado de Bartolomeu Rajoy pasou a mans da Igrexa por medio dunha permuta de bens e rendas. Neses anos levantouse un muro perimetral de pedra para delimitar unha gran superficie de terreo destinada a fincas, bosques e xardíns.
O seu sucesor, Felipe Fernández Vallejo, levou a cabo unha reforma total do edificio. Destaca a fonte dedicada ao apóstolo Santiago que se conserva na actualidade.
En 1855, a desamortización de Madoz supuxo o cambio da propiedade do inmoble, que pasaría a mans civís, concretamente ás de Bernardo Arbizú. Esta venda provocaría a protesta do abade de Xunqueira ante a raíña Isabel II.
O seu seguinte propietario doou o pazo –trala súa morte en 1926– á Mitra compostelá para que o destinase a lugar de recreo e descanso dos arcebispos de Santiago de Compostela. Sen embargo, este novo uso supuxo un abandono constante do edificio e a súa progresiva ruína.
Memoria
O obxectivo xeral da actuación era reconstruír totalmente o edificio e a súa contorna, adaptándollos a novos usos que fixesen factible o seu mantemento actual como establecemento hoteleiro, conservando os valores propios dunha construción histórica. A partir da elaboración dun programa previo que respondía ás novas necesidades propostas, a formalización da idea suxería dúas orientacións diferentes aínda que complementarias. Por unha banda, a restauración das zonas edificadas en pedra que aínda permitían a súa reconstrución, seguindo a organización orixinal e pola outra, a rehabilitación das zonas que presentaban un estado de ruína avanzado. Estas últimas foron acometidas baixo un concepto de reinterpretación arquitectónica actual con criterios flexibles e respectuosos.
A marxe aplicada a dita reinterpretación permitía a utilización de materiais como o aceiro cortén que (…) aporta unha relación amable e sen estridencias co granito galego (…). Os novos e potentes volumes de aceiro apoiáronse decididamente sobre os vellos muros de pedra da vella construción.
(AMADO LORENZO)
Premios
- Primeiro premio no I PREMIO DE ARQUITECTURA CARMEN FERRO. Mellor proxecto de rehabilitación de establecementos de hostalaría no medio rural galego (2000-2005). Pontevedra 2006.
- Accésit no XII Premios do COAG, ano 2006. Sección Rehabilitación.
- Mención especial nos PREMIOS UNIÓN EUROPEA DE PATRIMONIO CULTURAL - EUROPA NOSTRA 2006. Categoría: Restauración e rehabilitación do patrimonio arquitectónico.
- Finalista no PREMIO ARQano do ano 2007. Categoría RESTAURACIÓN E REHABILITACIÓN. Período 2001-2006 dos Colexios Oficiais de Arquitectura de Asturias, Cantabria, Castela e León e Galicia.
Bibliografía
- ABUÍN DE TEMBRA, Avelino + CORTIZO SÓÑORA, Justo; Grandeza e decadencia do Palacio de Lestrove. Pousadas de Compostela, D.L. Santiago de Compostela 2012.
- AMADO LORENZO, Antonio; “Pazo de Lestrove: La Coruña”, Restauración & Rehabilitación, número 106. Valencia 2008. Páx.38-45.
- AMADO LORENZO, Antonio; “La rehabilitación del Pazo de Lestrove”, Restauro. Revista internacional del patrimonio histórico, número 5. 2009. Páx.32-39.
- VV.AA.; “Restauración del Pazo de Lestrove: se ha buscado la recuperación integral del edificio”, Roc Máquina, número 127. Biscaia 2011. Páx.36-44.