Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Hostal dos Reis Católicos

Historia

Os Reis Católicos decidiron levantar en Compostela un centro hospitalario de nova planta que se convertese no símbolo do poder rexio na cidade. As obras comezaron na primavera de 1501 seguindo as trazas dos irmáns Egas, claramente inspiradas no modelo cruciforme italiano de Il Filarete –tamén seguido nos hospitais de Toledo e Granada–. O proxecto inicial era de catro patios, pero só se construíron dous.

Unha vez levantadas as principais dependencias –enfermerías, capela e os patios de San Marcos e San Xoán–, os responsables da institución pensaron en enriquecer a imaxe do edificio para engrandecer o aspecto da fundación real. O proxecto foi confiado a Martín de Blas e a Guillén de Colás, que en decembro de 1518 se comprometeron a elaborar unha portada a modo dun grande arco triunfal que ennobrecese o acceso ao edificio hospitalario.

A mediados do século XVI o estado no que se encontraba o Hospital Real era lamentable. Presentaba problemas de estabilidade, os patios ameazaban con derrubarse, a fachada principal sufría importantes danos, a auga entraba na capela e as enfermerías convertéranse en corredores insalubres nos que se amoreaban os pacientes. Para reparar todo isto chamouse ao reputado arquitecto Rodrigo Gil de Hontañón, quen asumiu un proxecto que finalmente sería executado por Francisco Julí. Cabe destacar que os patios dianteiros que actualmente coñecemos son o resultado desta intervención.

Nos primeiros días de 1679, frei Tomás Alonso asinou un contrato para a construción dunha balconada de cantería na fachada principal.

Durante o século XVIII unha bonanza económica fixo posible que se retomase o vello proxecto de ampliación e modernización do edificio a mans de frei Manuel de los Mártires, o que suporía a substitución dos patios traseiros –levantados en madeira– por outros de pedra similares aos existentes. O patio de San Mateo, de planta rectangular, atribúese –en opinión de Folgar de la Calle– a Lucas Ferro Caaveiro, quen aparece vinculado ás obras do Hospital Real dende 1752. E o patio de San Lucas, que presenta a particularidade de que as súas catro fachadas se unen mediante un tramo lixeiramente curvo, xerando un espazo elíptico, único na arquitectura galega.

En 1804 redactáronse as novas Constitucións polas que o Hospital Real perdía a súa xurisdición. Sen embargo, as obras novas e as reparacións puntuais non cesaron durante todo o século XIX.

Memoria

Dada a antigüidade do edificio, a súa construción parcial en épocas diferentes (…), en atención ás necesidades funcionais que ían xurdindo, (…) e en xeral o desgaste lóxico sufrido por tódolos elementos da edificación, en consonancia co clima e antigüidade –máxime tratándose de materiais hoxe en desuso–, fai todo elo na necesidade dunha reconstrución case total do interior (…): substitución total das cubertas e das armaduras correspondentes, dos forxados de piso, substitución parcial de muros interiores, en estado semirruinoso, saneamento xeral do edificio, da rede vertical e horizontal de alcantarillado, demolición de tabiques e muros de distribución, levantado do pavimento de lousas en patios, e restauración dos paramentos exteriores dos mesmos; e para finalizar, sería necesaria a reconstrución do edificio, segundo o programa de necesidades que esixe o seu novo destino.

(MANZANO MONIS + OSUNA FAJARDO + VALVERDE VIÑAS)

Proxectouse unha xeraquización do espazo que se reflectía en tres zonas fundamentais:

As habitacións propias para aloxamento de S.E. o Xefe do Estado e o seu séquito, ministros e altas personalidades con acceso pola porta independente da entrada principal; (…) Parador de Turismo aproveitable en todo o tempo, con acceso pola porta lateral dereita da fachada principal e que ocupa principalmente a metade da planta na súa zona dianteira, a excepción feita das habitacións e dependencias das altas xerarquías do Estado. Dito Parador, consta de portal, zaguán, recepción, salón de tertulia, comedor e servizos anexos, máis habitacións onde se poden aloxar con toda comodidade 134 persoas; (…) o albergue de peregrinos de condición modesta, que sen o tipo de luxo que entraña todo parador de turismo poidan encontrar aloxamento coa amplitude e dignidade debidas. Esta zona ocupa a parte posterior do edificio e ten a súa entrada pola rúa lateral dereita. A cabida deste albergue, que pode ter a mesma ou distinta administración que a anterior –pois os seus servizos poden funcionar con autonomía– calcúlase para douscentos cincuenta peregrinos. O edificio será pois suficiente para albergar a máis das personalidades oficiais, trescentas sesenta e dúas persoas.

(MANZANO MONIS + OSUNA FAJARDO + VALVERDE VIÑAS)

Bibliografía

  • AZCÁRATE, José María; “El Hospital Real de Santiago: la obra y los artistas”; Compostellanum, tomo 10, número 4. Santiago de Compostela 1965. Páx. 507-522.
  • CANO LASSO, José + DE LA JOYA, Rafael + MORENO BARBERÁ, Fernando; “Hostal de los Reyes Católicos en Santiago de Compostela”; Revista Nacional de Arquitectura, número 156. Madrid 1954. Páx. 3-24.
  • CASTRO FERNÁNDEZ, Belén María; “La nueva imagen Xacobea de Santiago de Compostela en el período franquista: el Hostal de los Reyes Católicos y los peregrinos de paradores”, Porta da Aira, número 11. Ourense 2006. Páx. 421-520.
  • CASTRO FERNÁNDEZ, Belén María; Santiago de Compostela. Hospital de los Reyes Católicos”, Francisco Pons-Sorolla y Arnau, Arquitecto - Restaurador: Sus Intervenciones en Galicia (1945-1985). Tese de doutoramento presentada na Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela 2008. Páx. 281-291.
  • ESTEBAN CHAPAPRÍA, Julián + GARCÍA CUETOS, María Pilar; “Hospital Real. Santiago de Compostela”, Alejandro Ferrant y la conservación monumental en España (1929-1939): Castilla y León y la primera zona monumental. Xunta de Castela e León, Consellería de Cultura e Turismo. Valladolid 2007. Páx. 292-299.
  • GARCÍA GUERRA, Delfín; El Hospital Real de Santiago (1499-1804). Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 1983.
  • GARCÍA ORO, José + PORTELA SILVA, María José; “La experiencia de la peregrinación Jacobea y el Gran Hospital de Compostela”; Liceo Franciscano, número 172-174. Santiago de Compostela 2005. Páx. 19-84.
  • LORENZO ASPRES, Alberta; "Hospital Real de Santiago de Compostela", Intervencións no Patrimonio Galego para a industria hostaleira. A Coruña 2014. Páx. 571-620.
  • MANZANO MONIS, Julián Luis + OSUNA FAJARDO, José + VALVERDE VIÑAS, Jesús; “Proyecto de consolidación y reforma del Hospital de Santiago de Compostela para su adaptación a Parador de Turismo y Albergue de Peregrinos”; documento consultado no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela, co legaxo 1952-1971. Madrid 1952.
  • MÉNDEZ FONTE, Rosa; “Hospital Real de Santiago de Compostela”, La Conservación de los Monumentos Arquitectónicos de Galicia (1840-1940). Editorial Embora. Ferrol 2010. Páx. 334-343.
  • ORTEGA ROMERO, María del Socorro; “Noticias sobre la construcción de los patios posteriores del Hospital Real de Santiago de Compostela”; Memoria artis: studia in memoriam Mª Dolores Vila Jato, volume I. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Santiago de Compostela 2003. Páx. 435-439.
  • ROSENDE VALDÉS, Andrés A.; El Grande y Real Hospital de Santiago de Compostela. Consorcio de Santiago + Editorial Electa España, S.A. Madrid 1999.
  • SZÁSZDI LEÓN-BORJA, ISTVÁN; “El Hospital Real de Santiago de Compostela, un proyecto común europeo, correspondencia a reyes y príncipes”; Iacobus, números 7-8. Centro de Estudos do Camiño de Santiago. Santiago de Compostela 1999. Páx. 5-39.
  • ULLED MERINO, Antonio de J.; “Santiago de Compostela”, La Recuperación de Edificios Históricos para Usos Turísticos. La Experiencia Española. Editorial Tecniberia. Madrid 1986. Páx. 93-106.
  • VILA JATO, María Dolores; Parador dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. Paradores de Turismo de España. Madrid 1999.
  • VILLAAMIL Y CASTRO, José; “Reseña histórica de la erección del Gran Hospital Real de Santiago, fundado por los Reyes Católicos”; Galicia Histórica, ano II, número 8. Madrid 1903. Reedición, Santiago de Compostela 1993.
  • VV.AA.; O Hospital Real de Santiago de Compostela e a hospitalidade no Camiño de Peregrinación. Xacobeo 2004, Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego e BBVA. Santiago de Compostela 2004.