Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Hotel AC Palacio del Carmen

Historia

Aproveitando as condicións que presentaba o barrio do Carme de Abaixo –situado extramuros pero a unha distancia prudencial do centro e preto dunha corrente de auga–, José Ignacio de Eleizegui fundou entre os anos 1795 e 1798 unha curtidoría que se mantería en funcionamento durante noventa anos.

A traxectoria favorable desta industria non só se mantivo senón que se viu incrementada, e durante as décadas dos anos corenta e cincuenta do século XIX converteuse na principal tinería de Compostela, dedicándose á produción dos chamados coiros fortes destinados á confección de solas e outros obxectos ríxidos, que se empregaban tal e como saen da man do curtidor.

Tralo retiro e defunción de Eleizegui fíxose cargo da tinería o seu xenro –Juan Barcia Caballero–, quen se encargou da súa venda en 1885 á familia Harguindey. Esta mantívoa en funcionamento ata o 1922.

Pero o sector meridional xa se escindira da propiedade a finais de 1880. En devandito sector instalaríase tres anos máis tarde a orde das Irmás Oblatas, reutilizando parte das infraestruturas da curtidoría como lavadoiros do convento.

Trala súa fundación, o convento non sufriu ampliacións nin modificacións documentadas ata principios do século XX, cando en 1903 a superiora lle pediu ao concello compostelán a concesión de licenza para reparar un muro de cerre do convento.

Memoria

Á hora de abordar o proxecto, a estratexia escollida polos arquitectos para a colocación dos elementos hoteleiros consistiu en concentrar o groso das habitacións, os seus distribuidores, os recorridos horizontais e verticais de instalacións, e demais dependencias no novo edificio a construír, en substitución do que se derrubaba:

Esta opción minora as dificultades de adaptación da construción tradicional (a empregar na parte que se conserva) ás necesidades dos usos hoteleiros previstos.

Como concepto global, o edificio novo é unha construción máis baixa (…) que o edificio que se conserva, ao que abraza / rodea, e co que se une mediante elementos o máis lixeiros posibles (…). A opción de composición e materiais deste edificio novo é a dunha arquitectura contemporánea, aínda que con referentes á tradicional.

(BRIONES DEVESA et al, 1999)

Bibliografía

  • BRIONES DEVESA, Manuel et al.; “Proyecto de demolición del Convento de las Oblatas - Santiago”; documento consultado no Arquivo Municipal de Santiago de Compostela, coa signatura 1999/858-1. Carpeta I. Santiago de Compostela 1998.
  • BRIONES DEVESA, Manuel et al.; “Proyecto de ejecución para la reforma del antiguo convento de las Oblatas para hotel de cinco estrellas y equipamiento sociocultural”; documento consultado no Arquivo Histórico Municipal de Santiago de Compostela, coa signatura 1999/858-1. Carpeta II. Santiago de Compostela 1999.
  • BRIONES DEVESA, Manuel et al.; “Estudio volumétrico de reforma del antiguo convento de las Oblatas para hotel de cinco estrellas y equipamiento sociocultural”; documento consultado no Arquivo Histórico Municipal de Santiago de Compostela, coa signatura 1999/858-1. Carpeta III. Santiago de Compostela 2000.
  • BRIONES DEVESA, Manuel et al.; “Proyecto de reforma del antiguo convento de las Oblatas para hotel de cinco estrellas y equipamiento sociocultural”; documento consultado no Arquivo Histórico Municipal de Santiago de Compostela, coa signatura 1999/858-1. Carpetas IV-VII. Santiago de Compostela 2001.
  • CABANAS PIÑEIROA, Justo; “Conventos de Santiago”, Galicia: revista gráfica mensual; Ano 4, número 19. Santiago de Compostela 1935. Páx. 67-68.
  • CORRAL FERNÁNDEZ, Jacinto; “Los conventos de la Provincia de Santiago y la Inmaculada”, Liceo franciscano; ano 7, números 19-21. Santiago de Compostela 1955. Páx. 303-325.
  • DEL CASTILLO LÓPEZ, Ángel; “Santiago de Compostela. Convento del Carmen”, Inventario de la Riqueza Monumental y Artística de Galicia. Reprodución facsímile da edición de 1987, Ed. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 2008. Páx. 627.
  • LORENZO ASPRES, Alberta; "Carme de Abaixo ou as Oblatas", Intervencións no Patrimonio Galego para a industria hostaleira. A Coruña 2014. Páx.485-524.