Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Museo de Belas Artes de A Coruña

Historia

A construción do convento coruñés das Capuchinas iniciouse no ano 1675 e nela poden distinguirse dúas etapas: a primeira, de 1675 a 1680, vinculada á figura de dona Catalina de Estrada; e a segunda, de 1680 a 1683, na que o pulo fundacional deriva do convento madrileño da Purísima Concepción das Capuchinas.

Dona Catalina de Estrada y Salazar, tras enviuvar, decidiu construír un cenobio co obxectivo de acoller mulleres –principalmente da súa liñaxe– de categoría social elevada pero sen bens de fortuna. Desaparecida esta, a empresa fundacional pasou a depender das capuchinas madrileñas baixo a dirección da Madre Sor Clara Isabel de Rivera. Sen embargo, a súa actuación non foi inmediata debido a unha serie de dificultades que retrasaron a posta en marcha do proxecto ata o ano 1683.

Tres décadas máis tarde, a construción sería contratada a Casas y Novoa.

A maior parte do templo foi sufragado polo arcebispo de Santiago frei Antonio Monroy, quen donou vinte e oito mil cincocentos ducados para a mencionada construción, á cal tamén contribuíron os vecinos.

Memoria

O Ministerio de Cultura encárgame a construción do Museo Provincial de Belas Artes no antigo Convento das Capuchinas. Situado entre dúas estruturas urbanas: a histórica –antigo barrio da Pescadería–, con calidade espacial, e a nova, sen calidade.

O proxecto consiste na rehabilitación de parte do antigo edificio, que só conservaba a súa fachada principal e a primeira coxía, e unha nova construción. A complexidade do programa do Museo suxire utilizar unha retícula como orde e estrutura básica. Esta xérase a través de relacións co antigo edificio e da idoneidade da dimensión dos espazos que vai acoller. Sobre elas irei configurando os diferentes usos e baleiros públicos sobre os que flota por riba o espazo expositivo, máis íntimo.

Entre as dúas actuacións, o vello e o novo, créase unha rúa acristalada onde se sitúa o acceso público principal, espazo de referencia visual que coa luz cambiante do solo nos achega á realidade.

A convivencia co antigo edificio realiceina utilizando referencias deste –a cor, a escala, o material– e sobre todo a súa presenza constante coas dúas sutís imposicións. Así constrúo en pedra ata a cornixa do convento, definíndoo como un zócalo que enlaza co antigo. O resto son paneis sándwich de aluminio, elementos lixeiros e vidro.

A miña proposta non renuncia á importancia do edificio como referencia e estrutura urbana, prolongación do espazo público.

(GALLEGO JORRETO)


A fachada principal e o espazo que esta define conserváronse e restauráronse. O resto derrubouse para construír o novo museo.

A complexidade actual do concepto de museo e das súas funcións suxire a procura dun espazo integrador con carácter público. Un espazo con percepción do exterior, con posibilidade de asollamento, eixo xerador e elemento orientador do edificio. Este eixo concrétase no espazo entre o vello edificio e o novo como unha rúa que enlaza, a entrada actual, coa primitiva, aínda de posible utilización hoxe para a igrexa e o salón de actos.

O museo, de exposición permanente, nace a partir da planta primeira, como unha caixa reticular, flexible e múltiple nas súas posibilidades. Este é un espazo neutro, rodeado por todo o edificio, onde a luz natural non trata de iluminar os cadros, só de axudar a articular o espazo.

A planta baixa, pétrea, é prolongación da praza e enlaza coa rúa interior, que será de uso vario, alterno e intermitente. A rúa abren as tendas, bar, servizos. No solo da planta baixa prodúcense ocos e vultos. Enriba deles e neles expoñerase. (…)

Unha sala de exposicións temporais, como se dunha caixa negra se tratase, semientérrase neste espazo. Acollerá aquelas mostras que esixan a total independencia do exterior.

O museo estrutúrase nunha retícula: abstracción de estrutura flexible. A retícula será o elemento estético. El módulo escollido (6 x 6) vén da súa idoneidade coa modulación do edificio existente.

Na planta baixa do edificio existente ábrense ocos a modo de soportais. Neles sitúanse os elementos de atención ao público (…) a modo de elementos soltos, exentos e lixeiros que ofrecen o seu propio ritmo, a súa propia diversión e lixeireza no conxunto rixidamente ordenado.

No exterior preténdese definir o espazo do museo. A orde da retícula e das columnas do interior percorre o perímetro exterior. Trátase de dar un significado a este espazo, hoxe anodino. De definir un baleiro contra o ruído existente, ruído da desorde das estridencias das construcións próximas. Un espazo público no museo.

O edificio vello aporta a escala pétrea que producen a súa fachada e a súa esquina (…).

No enlace dos espazos definidos polo novo edificio e o vello, onde está o intercambio das tramas de dous edificios, producirase a penetración da esquina cara á rúa interior.

A proposta debe integrarse con claridade na orde urbana, impoñendo as súas propias leis e non marxinándollas ao ditado dos propios condicionantes e miserias do lugar; en lugar de diluíla no cotiá, perdendo o seu valor referencial, que se hoxe non é tanto de monumentalidade.

(GALLEGO JORRETO)

Premios

  • Premio Nacional de Arquitectura 1997.
  • Premio Dragados y Construcciones de Arquitectura Española en 1995.
  • Primeiro Premio nos VII Premios COAG. Ano 1996.

Bibliografía

  • BALDELLOU SANTOLARIA, Miguel Ángel; “Manuel Gallego Jorreto”, Artistas Galegos. Arquitectos, tomo VI: Da modernidade ó século XXI. Nova Galicia Edicións. Vigo 2003. Páx.81-113.
  • ESTRADA CATOIRA, Félix; “Fundación del Convento de Capuchinas de la Coruña. Año 1676 a 1683”, Boletín de la Academia Gallega. A Coruña 1931. Páx.29-46.
  • GALLEGO JORRETO, Manuel; “Museo de Belas Artes de A Coruña”, Obradoiro, número 23. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1994. Páx.94-113.
  • GALLEGO JORRETO, Manuel; “Museo de Belas Artes de A Coruña (2)”, Obradoiro, número 24. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1995. Páx.80-87.
  • GALLEGO JORRETO, Manuel; “Museo de Bellas Artes de La Coruña”, Manuel Gallego Jorreto. Works 1982-1995. Arquitecturas de autor 4. T6 ediciones. Pamplona 1997. Páx.37-43.
  • GALLEGO JORRETO, José Manuel; Manuel Gallego. Arquitectura 1967-2015.. Catálogo de exposición. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 2015.
  • ISASI, Justo; “Vistas cruzadas. Museo de Bellas Artes de La Coruña”, Arquitectura Viva, número 43. Madrid 1995. Páx.30-37.
  • LÓPEZ PICHER, Mercedes; “Una fundación del siglo XVII en el reino de Galicia. El Convento de religiosas Capuchinas de La Coruña”, Capuchinas. A Coruña 2012.
  • QUINTÁNS EIRAS, Carlos; “Museo de Bellas Artes en La Coruña”, Tectónica, número 1: Envolventes (I) - Fachadas ligeras. ATC ediciones. Madrid 1995. Páx.50-69.
  • VV.AA.; José Manuel Gallego Jorreto: Museo de Bellas Artes da Coruña. Ministerio de Fomento. Madrid 1999.