Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón

Historia

Nun pequeno illote en medio da baía coruñesa edificouse a finais da Idade Media unha capela dedicada a Santo Antón na que se atendía aos navegantes apestados do mal gangrenoso Lume de Santo Antón. Máis tarde, o lugar foi empregado como lazareto para confinar temporalmente aos viaxeiros sospeitosos de padecer algunha enfermidade contaxiosa, especialmente a lepra.

O século XVI caracterizouse polo progresivo aumento das viaxes e transaccións económicas ao longo e ancho do Atlántico, esixíndose a defensa do porto de A Coruña, constantemente asediado por piratas. Así, no 1520 o Consello de A Coruña propúxolle ao monarca Carlos I –aproveitando a súa visita– instalar na cidade a Casa de Contratación da Especieira, para o que sería necesario reiniciar a fortificación das debilitadas murallas medievais así como a construción doutros baluartes defensivos que mantivesen protexida á cidade, entre os que se había de contar con este illote.

As obras do castelo comezaron no 1587, seguindo o modelo renacentista do forte de San Telmo –obra realizada polo arquitecto militar Escrivá para o vicerrei de Nápoles: planta xeométrica de estrela con baluartes troncocónicos e abertos en merlóns para deixar libres as pezas da artillería. Para devanditas obras, transportáronse ata o vello lazareto sillares da destruída rampla e das paredes do antigo faro de Hércules.

Debido ao ataque e cerco que sufriu a cidade no 1589 por parte da escuadra de Francis Drake, o monarca Filipe II ordenaría o remate do castelo enviando ao enxeñeiro militar Tiburcio Spanochi e ao alférez Pedro Rodríguez Muñiz –destinado en Galicia ao servizo do Marqués de Cerralbo, Capitán Xeral de Galicia–, para que ambos realizasen tan necesitadas obras. Este proxecto estaría dentro doutro máis amplo e que afectaría ás rías galegas: fortíns dispostos á defensiva e ofensivamente á potencia e ao alcance da nova artillería.

Durante o ataque dunha escuadra francesa á cidade no 1639, a baía coruñesa quedou protexida polos fogos cruzados da batería de Santa Cruz, do castelo de Santo Antón e a fortaleza de San Diego –hoxe desaparecida, e dende a que se tendía unha cadea ata o castelo–. Trala contenda, o Marqués de Valparaíso propuxo a reforma e restauración da fortificación, sendo aceptada por Filipe IV. Construíuse daquela un bonete, repasáronse as casamatas, substituíronse algúns solos por cantería e canalizouse a auga da choiva dende a cuberta ata a cisterna.

Cando no 1777 o Corpo de Enxeñeiros do Exército se estableceu na cidade, propuxéronse novas intervencións acordes cos avances propiciados pola Ilustración; incluso algúns para unir mediante un pontillón a illa con terra firme –pero non chegou a realizarse–. Montaigú trazou a batería baixa e un pequeno porto; Marín proxectou un ameado para a illa e Ricaud deseñou a parte superior para Casa do capelán, a capela e a Casa do Gobernador. Estas últimas serían realizadas polo enxeñeiro militar López Sopeña.

Nos anos corenta do século XX realizouse un pequeno corredor que unía a histórica Porta de San Miguel coa Casa do Boteiro, punto dende o cal, e ata entón, partía unha barca que facilitaba o avituallamento, transportaba o relevo e ata aos mesmos presos.

No 1960, o Ministerio do Exército cedía o castelo ao Concello de A Coruña, estudándose a súa futura utilidade: acuario, hotel, casino, residencia para personalidades ou museo. Finalmente, a Comisión de Monumentos propuxo esta fortificación para Museo Arqueolóxico Provincial baixo o decreto do 24 de setembro de 1964.

Memoria

A actuación revístese de carácter monumental para potenciar visualmente a edificación e organizar, no seu interior, os espazos destinados ás pezas de colección. A dimensión expositiva determina que –tanto o conxunto como cada un dos seus elementos– se acondicione para ser visto polo público.

(…) O carácter dos traballos baséase en conservar e manter a esencia da fortaleza retirando e modificando os elementos que alteraban a súa harmonía.

(PONS-SOROLLA Y ARNAU)

Bibliografía

  • CASABELLA LÓPEZ, Xan; Castillo San Antón. Concello de A Coruña. A Coruña 1989.
  • CASTRO FERNÁNDEZ, Belén María; “Castillo de San Antón”, Francisco Pons-Sorolla y Arnau. Arquitecto y restaurador: sus intervenciones en Galicia (1945-1985). Tese de doutoramento presentada na Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela 2008. Páx.577-581.
  • FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé + SORALUCE BLOND, José Ramón; “Castelo de San Antón”, A Coruña. Colección Arquitecturas da Provincia de A Coruña, tomo VI. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña 1997. Páx.98-99.
  • LÓPEZ GÓMEZ, Felipe Senén; Guía general del Museo Arqueológico e Histórico ‘Castelo de San Antón’. Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña. A Coruña 1994.
  • RIVEIRA BULLÓN, Adelaida; “Reconstrucción infográfica y volumétrica de la etapas constructivas del castillo de san Antón”, Patrimonio de Galicia: fortificaciones y arquitectura militar. Universidade de A Coruña. A Coruña 2013.
  • SORALUCE BLOND, José Ramón; O Castelo de San Antón. Museo Arqueolóxico Provincial de A Coruña. A Coruña 1984.
  • VÁZQUEZ NAVEIRAS, Fernando; Análisis constructivo del Castillo de San Antón. Traballo final de carreira presentado na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica. Universidade de A Coruña. A Coruña 1999.