Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade de Medelo

Historia

A preexistencia sobre a cal debiamos actuar era unha casa singular con certa presenza, constituída por varias edificacións tradicionais con fachadas aos catro ventos que formaban unha unidade de produción agrícola e gandeira. O conxunto atopábase en estado de abandono dende facía máis de 25 anos, co consecuente deterioro dos seus elementos construtivos. Non obstante, non sufrira alteracións tipolóxicas importantes á marxe dun pequeno engadido de fábrica de ladrillo acaroado á fachada cega do alprende. Tanto polas súas características construtivas como pola súa implantación constitúe un exemplo de arquitectura popular de indubidable calidade que precisaba ser conservado e potenciado.

(ARROKABE: Andrés Quintela, I+O)

Memoria

O conxunto edificatorio preexistente constituía un exemplo de arquitectura popular de indubidable calidade, tanto polas súas características construtivas como pola súa implantación. En consecuencia, partimos da necesidade de manter integramente a súa volumetría e a características tipolóxicas.

O programa esixía, non obstante, ampliar a superficie construída e que as diferentes pezas funcionaran como un único edificio accesible. A nova ampliación conecta as diferentes pezas servíndose dunha xeometría máis orgánica e adaptando os diferentes niveis de piso e os planos de cuberta ás soleiras, forxados e cornixas das edificacións existentes e á altura mínima esixida para o oco do ascensor.

Con esta solución conséguese certa expresividade formal que resulta eficaz como estratexia de intervención e que responde a suxerencias tales como a topografía e a forma na que a vexetación colonizara o exterior das edificacións.

(ARROKABE: Andrés Quintela, I+O)

Premios

  • Primeiro premio Gran de Area, ano 2014.
  • Primeiro premio Manuel Goméz Román, ano 2013.
  • Premio VETECO/ASEFAVE 2012. Premio á actuación en rehabilitación.
  • Finalista premio A-PLUS como mellor edificio para a educación.
  • Finalista XV Premios COAG, ano 2012. Sección Equipamento.

Bibliografía

  • ANDRÉS QUINTELA, Iván + ANDRÉS QUINTELA, Óscar; "Centro de Recursos para personas con discapacidad de Medelo (Silleda)", Arrokabe Arquitectos.
  • VV.AA.; "Centro Silleda - Arrokabe arquitectos", Plataforma Arquitectura.