Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Casa da Cultura de Chantada

Historia

A Casona dos Lemos data do ano 1551, sendo a casa máis antiga de Chantada. Sen embargo, orixinariamente foi unha cuadra de cabalos á que se lle foron engadindo con posterioridade diversas estancias.

Foi motivo de diversos preitos, chegando a intervir a marquesa de Astorga cunha carta-orde.

No muro occidental conserva unha pedra de armas partida que se cre anterior ao ano 1668. Correspondería a don Pedro de Moure Ulloa, párroco da igrexa de Chantada.

No último cuarto do século XX, a propiedade da casona foi doada ao Concello por Faustino Vilaseco.

Memoria

A Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia encárgame rehabilitar a Casa dos Lemos situada no mesmo casco histórico.

A Casa da Cultura é un lugar de encontro, un espazo público polivalente. Aquí a idea é crear un espazo prolongación da praza adxacente.

O estado da casa era case de ruína, non entanto a súa presenza e situación no centro convertíana nun edificio importante na paisaxe urbana, unha referencia cidadá. Tras unha valoración moi complexa da envolvente optei por conservar a pel do edificio como se se restaurase un cadro e construír un esqueleto metálico que a sostivese.

As pautas para organizar a nova construción atopeinas no núcleo da primitiva casa, así apareceron dúas tramas non coincidentes, a dos edificios e a da cuberta refeita cos seus ocos. No interior é xa un espazo novo e distinto. A luz vertical é agora a protagonista.

(GALLEGO JORRETO)


Pode resumirse como unha proposta de lugar nun lugar, de forma inclusiva, mantendo a obra no tempo, coas relacións establecidas no proxecto. A continuidade que deste xeito se produce outorga unha estraña vitalidade que alude á memoria (…).

A luz como elemento definidor (…). Como elemento fugaz, ligado ao transcorrer, como a súa ausencia, a sombra, asume unha importancia decisiva na evolución das ideas (…).

O volume como peza interior dentro doutro volume, como altar sagrado, como lugar de paso e de ascenso, produciu pezas interiores magníficas (…). A liña que conduce a mirada e establece as relacións espaciais, tensando os baleiros e cribando os planos en que se instala, dando continuidade ao percorrido, materialízase nas fabulosas varandas (…). Tamén os piares exentos que articulan os planos (…), como elemento totémico-tecnolóxicos, resumo da memoria e do futuro.

(BALDELLOU SANTOLARIA)

Bibliografía

  • BALDELLOU SANTOLARIA, Miguel Ángel; “Manuel Gallego Jorreto”, Artistas Galegos. Arquitectos, tomo VI: Da modernidade ó século XXI. Nova Galicia Edicións. Vigo 2003. Páx.81-113.
  • CIDRE BARDELÁS, José Antonio; “A Casa da Cultura de Chantada”, Arquitectura Galega. Lugo 2004. Páx.25-42.
  • GALLEGO JORRETO, José Manuel; “Casa da Cultura de Chantada”, Obradoiro, número 16. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1990. Páx.40-45.
  • GALLEGO JORRETO, José Manuel; Manuel Gallego Jorreto. Works 1982-1995. T6 Editorial. Pamplona 1997.
  • GALLEGO JORRETO, José Manuel; Manuel Gallego: espacios para actividades culturales. Colexio Oficial de Arquitectos de Almería. Almería 1994.
  • GALLEGO JORRETO, José Manuel; Manuel Gallego. Arquitectura 1967-2015.. Catálogo de exposición. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 2015.
  • VV.AA.; “Casa da Cultura”, Galicia: Arquitectura Recente. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1992. Páx.160-163.