Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Pousada Torre Lombarda

Historia

A Torre Lombarda foi levantada a finais do século XII para protexer a Porta de San Lázaro e reforzar un dos puntos máis débiles da muralla da vila de Allariz. O seu nome obedece ao seu carácter defensivo e ao feito de estar dotada de lombardas, armas de fogo empregadas no século XV.

Entre os séculos XVI e XVII, a torre remodelouse transformándose en Casa Grande; e a principios do XIX converteuse nunha fábrica de curtidos de coiro, da que era titular Domingo Antonio Rumbao Conde.

Mediante venda posterior, a súa propiedade pasou ás irmás Parada –últimas propietarias particulares– que pouco tempo despois, e á mercé dun convenio urbanístico, cederon a fábrica ao Concello, actual dono.

Memoria

A intervención que aquí se propón foi guiada polos seguintes principios:

  • Respectar, conservando, os valores de todo tipo –históricos, etnográficos, tipolóxicos, espaciais, formais e construtivos– que o edificio e o seu entorno conteñen.
  • Recuperar certos valores do tipo dos anteriormente descritos, que existiron noutras épocas e hoxe desapareceron, ou se atopan danados ou desvirtuados.
  • Introducir novos valores, compatibles cos anteriores, como consecuencia das novas necesidades que se han de acoller no edificio e que requiren un certo nivel de confort.

En resumo, a proposta coidou con agarimo o tipo e a cuantía das intervencións para acadar harmonizar a Historia co presente, forzando ao máximo as posibilidades que este ofrece para conservar, revalorizar, potenciar e gozar da riqueza e dos valores contidos no conxunto edificatorio.

A concreción destes principios supón o absoluto respecto dos muros e dos ocos de tódalas fachadas, así como dos elementos estruturais do mesmo (…) restaurando ou repoñendo as pezas de madeira ou de pedra que polo seu mal estado de conservación o requiren, pero conservando en todo caso a riqueza espacial interior.

Na Planta Baixa, na que se aloxarán os servizos comúns (…) optouse por situalos nos espazos máis axeitados para cada caso, logrando a mínima intervención e que esta non deteriore ou oculte ningún dos valores significativos do edificio.

(…) Na planta superior localizáronse as habitacións (…), para o que se tiveron que acoutar e pechar unha serie de espazos seguindo a pauta que no seu día fora empregada no edificio da fábrica para dar intimidade ás oficinas e outras dependencias, con respecto ao espazo máis xeral e que consiste en construír unha serie de cerramentos de madeira, de menor altura que o nivel das tesoiras, e que se comportan como caixas ou contedores autónomos. Estes, situados dentro dun contedor espacial máis amplo, formado polos muros exteriores, o solado e a cuberta do edificio.

(…) En xeral seguiuse o criterio de respectar escrupulosamente –restaurando ou repoñendo– os materiais actuais do edificio existente. E no referente aos novos materiais e técnicas escollidas para dar resposta ás novas demandas construtivas, elixíronse pensando en satisfacer catro parámetros: estética, confort, duración e conservación.

(PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN)

Premios

  • Premio Europeo de Urbanismo 1994 (i/ dentro da intervención do Parque Etnográfico do río Arnoia)

Bibliografía

  • CARMONA BADÍA, Xoán + FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, María Teresa; “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal. Deputación Provincial de Ourense. Ourense 1997. Páx.63-79.
  • GARCÍA OTERO, Juan María + PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Allariz: un antes y un después”, Restauración & Rehabilitación, número 81. 2003. Páx.34-41.
  • LARA COIRA, Manuel; “Torre Lombarda”, Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. Ames 2012.
  • LORENZO ASPRES, Alberta; "Fábrica Torre Lombarda", Intervencións no Patrimonio Galego para a industria hostaleira. A Coruña 2014. Páx. 621-650.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Rehabilitación de la antigua fábrica de cueros ‘A Lombarda’”; documento consultado na Oficina Municipal de Rehabilitación de Allariz. Allariz 1994.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Rehabilitación da antiga fábrica de coiros ‘A Lombarda’”, Obradoiro, número 26. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1997. Páx.41-45.
  • PUGA BRAU, Xosé; Allariz. Recupera-lo pasado para proxecta-lo futuro. Deputación Provincial de Ourense. Ourense 2003.
  • VV.AA.; Allariz: rehabilitación integral e evolución do casco histórico. Oficina Municipal de Rehabilitación de Allariz. Allariz 2006.