Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO)
Historia
O 16 de maio de 1861 aprobouse a Real Orde para a construción dunha prisión que substituíse ao atroz réxime penitenciario existente ata o momento. O proxecto foi redactado polo arquitecto José María Ortiz y Sánchez, e tras moitas e diversas modificacións, o que nun principio ía ser un simple cárcere, acabou converténdose nun Palacio de Xustiza –denominación que presidiría o frontispicio– con xulgados, prisións e un pequeno albergue para os gardas. Finalmente o conxunto foi inaugurado no 1880, dezanove anos despois.
A edificación, de planta hexagonal irregular, responde á tipoloxía arquitectónica de panóptico, desenvolvida polo filósofo británico Jeremy Bentham. Constituída por tres galerías –mulleres, homes e menores–, estas confluían nunha rotonda con capela na planta superior e centro de control e vixilancia na inferior. Este esquema penitenciario estaba moi en uso no século XIX e representaba un notable avance no campo humanitario, xa que cada galería tiña cadanseu patio de recreo e as celas dispoñían de boa iluminación e ventilación.
A época máis escura do cárcere produciuse tralo golpe de estado franquista. Durante máis dunha década foi tan alto o número de presos que o edificio quedouse pequeno, tendo que instalar dependencias anexas nun frontón –hoxe desaparecido–. Entre as súas reixas estiveron membros da Unión de Intelectuais Libres como Valentín Paz Andrade, Darío Álvarez Blázquez, Jorge Seoane, Alejandro Otero, Antonio Ocampo ou Francisco Fernández del Riego.
O cárcere deixou de funcionar como tal cando entrou en funcionamento a prisión preventiva da cidade, e os servizos municipais alí instalados foron trasladados a partir do 1976, data da inauguración do actual Pazo Consistorial.
E finalmente, co traslado dos xulgados, o conxunto arquitectónico enfrontouse no 1980 á súa derruba para a construción dunha praza arborada. Pero tralo forte rexeitamento deste novo proxecto por parte de iniciativas populares que contaron co apoio de prestixiosos arquitectos como Álvaro Siza Vieira e Javier Sáenz de Oíza, e de importantes historiadores, como o catedrático de Historia da Arte da Escola Superior de Madrid, Pedro Navascués Palacio; conseguiuse que o 6 de outubro de 199o a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia declarase o edificio como Ben de Interese Cultural.
Memoria
A intervención interésase pola tipoloxía do edificio e a súa integración na estrutura urbana; constitúe unha relectura contemporánea da súa arquitectura e as súas leis xeométricas e de composición.
A utilización do granito, en sillería e en aplacado, reforza a dobre lectura do material, a tradicional, vinculada ao concepto de masa e a contemporánea, como elemento epidérmico.
O panóptico central, cilindro de sillería granítica, é a entrada real ao Museo, desprazando esta da fachada ao centro do edificio. A centralidade enfatízase co baleirado do primeiro cilindro e o seu remate cunha cúpula. Devandita cúpula está formada exteriormente por chapas cilíndricas de aceiro inoxidable, e interiormente por aros de madeira.
As galerías convértense en espazos diáfanos, iluminados axialmente por luz cenital. Os antigos muros baléiranse de materia, transformándose en muros de luz natural filtrada dende a súa coroación. Os patios cóbrense con dúas follas acristaladas, unha como cuberta e outra interior formando un plano curvado a modo de lona colgada sobre un espazo exterior.
(FQP ARQUITECTOS)
Bibliografía
- FRAGA RIVAS, Salvador + GARCÍA-QUIJADA ROMERO, Francisco Javier + PORTOLÉS SANJUÁN, Manuel; “Proyecto Básico para Museo de Arte Contemporáneo de Vigo en la Antigua Cárcel y Juzgados”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural - Xunta de Galicia, coa signatura 1997/204. Vigo 1995.
- FRAGA RIVAS, Salvador + GARCÍA-QUIJADA ROMERO, Francisco Javier + PORTOLÉS SANJUÁN, Manuel; “Proyecto Básico y de Ejecución para Museo de Arte Contemporáneo de Vigo en la Antigua Cárcel y Juzgados”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural - Xunta de Galicia, coa signatura 1999/113. Vigo 1998.
- GARRIDO RODRÍGUEZ, Jaime; Vigo, la ciudad que se perdió. Arquitectura desaparecida. Arquitectura no realizada. Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra 1992. Páx.55-63.
- GONZÁLEZ LÓPEZ, Olga; El MARCO de Vigo: de Cárcel y Palacio de Justicia a Museo de Arte Contemporáneo. MUPART, Memoria, Uso, Pasado e Arte. Ministerio de Economía e Competitividade. Vigo 2012.
- VV.AA.; “MARCO, Museo de arte contemporánea de Vigo, FQP Arquitectos”, Arquitectura en granito = Architecture in granite. Clúster do granito. Porriño 2012. Páx.122-147.
- VV.AA.; “MARCO. Museo de Arte Contemporáneo de Vigo”, Vigocultura. Vigo 2009. Páx.32-35.