Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Casa Museo Manuel María

Historia

A casa natal do poeta Manuel María Fernández Teixeiro (nado o 6 de outubro de 1929) coñécese co nome de Casa de Hortas e foi construída polos seus avós no 1891, sendo unha típica casa de labregos da Terra Chá.

En torno ao ano 1935 levantouse unha palleira pegada á casa para gardar o carro, os arados e diversos utensilios agrícolas, ademais da palla e da herba seca. No ano 1961, os pais fixeron outra alteración na vivenda: construíron un anexo –para uns caseiros– pegado á casa matriz pola fachada leste, cortando parte do corredor exterior. A adición –que cambiou substancialmente o aspecto da edificación– foi un fracaso; pois os caseiros apenas viviron algúns meses no lugar e o anexo quedou abandonado.

A última reforma que se fixo na vivenda foi nos anos setenta –Manuel María xa non vivía aquí–, e consistiu en poñer un novo forxado de formigón, que non alterou a disposición xeral dos cuartos da planta alta. Aproveitouse para facer un cuarto de baño no andar superior e agrandouse o comedor de verán da planta baixa. Tamén se anulou o corredor que existía entre a zona central e a porta de saída cara á fachada norte. A cociña ampliouse a costa dun paso que comunicaba coa palleira. Finalmente, esta reforma anulou a corte, destinando o espazo a almacén de ferramentas e produtos.

Memoria

(…) A intervención consiste en poñer en valor unha edificación tradicional da Terra Chá, pero en transformación constante, rescatando o esencial dos espazos onde viviu o poeta, e creando un marco axeitado para custodiar a súa obra e entender a súa relación co contexto que a motivou.

(…) Preténdese recuperar o aspecto orixinal, sen perder de vista as necesidades que require o seu novo uso, no sentido de adoptar medidas de seguridade, favorecer e sinalizar os canais de circulación e evacuación en caso de incendio, e posibilitar o acceso a persoas discapacitadas. Afortunadamente a casa é moi xenerosa nas súas medidas e comunicacións, polo que foi posible acometer as obras necesarias.

(…) Decídese: manter a disposición dos espazos interiores, pois correspóndense, máis ou menos, cos que existían cando o poeta naceu e habitou a casa; acondicionar toda a planta baixa para usos públicos, agás a cociña, que se reserva para uso privado; considerar a planta piso como núcleo da Casa-Museo con preparación de espazos relacionados coa vida do poeta e coa elaboración da súa obra; e rehabilitar a escaleira facéndoa practicable.

A Casa-Museo intégrase nun percorrido que comeza no curral, espazo exterior previo, para visitar a continuación as diferentes dependencias das edificacións e das hortas. Pódese acceder independentemente á Biblioteca, ao Auditorio e ás Hortas. Faise compatible o uso da casa por un público maioritario, e a reserva de algunhas estancias para uso exclusivo de investigadores ou invitados da Fundación.

(CASABELLA LÓPEZ + DÍAZ VIEITES)

Bibliografía

  • CASABELLA LÓPEZ, Xan + DÍAZ VIEITES, Xosé; “Casa-Museo Manuel María”, XVI Premios COAG: Candidaturas. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2015.