Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Vivendas para Mozos en Monforte de Lemos

Historia

O antigo Hotel Comercio daba hospedaxe á flor e nata dos foráneos que visitaban Monforte de Lemos a finais do século XIX e primeiras décadas do XX.

No mesmo, existiu o primeiro cinematógrafo da poboación; e dende 1909 ata 1911 albergou as oficinas da Sociedade Liceo Artístico mentres non se poñía en marcha a nova sede desta emblemática sociedade local.

Memoria

O lema orixinal do concurso de ideas: de60en60, definía xa a estratexia de proxecto: inserir bloques onde se concentren as instalacións e servizos para liberar o maior espazo posible; definir un sistema, onde de 60 en 60, insíranse armarios, aseos, cociñas… e se acouten as vivendas. Así, dende o inicio búscase liberar o perímetro pétreo de servidumes, xerando a maior cantidade de espazo libre en contacto coa fachada e buscando un contrapunto entre a fábrica orixinal e a nova arquitectura de xunta seca.

Rehabilitar, Reempregar, Recuperar.

O espazo xa estaba, a escala xa estaba, o tempo xa estaba… tan só tivemos que volver poñelo en valor.

Toda a rehabilitación fundaméntase en xerar estratexias que non eliminen o tempo e a atmosfera herdada. Dalgunha maneira o novo uso, os novos materiais, as novas cores teñen que rehabilitar a esencia do que foi. A rehabilitación non como ruptura senón como continuación.

Uno dos alicerces fundamentais do deseño foi a recuperación das magníficas carpintarías orixinais e a súa inserción nas vivendas e no sistema construtivo. Recuperar estes elementos parecía evidente e é a clave para conservar a esencia do edificio orixinal. Parte da estrutura de madeira orixinal foi reempregada. Empregando un sistema estrutural mixto madeira-metal reducíronse as luces e puidéronse reempregar as vigas de madeira aserrada existentes, cumprindo coas normativas actuais de estrutura e incendios. Tamén se recuperou a excepcional escaleira culminándoa cun lucernario completo na cuberta.

Optimización, flexibilidade e diversidade.

O proxecto reflexiona sobre modelos de vivendas de transición: proponse unha arquitectura de sistemas que permite crear espazos diversos pensando en diferentes tipos de usuarios e familias. Xeráronse vivendas dun, dous e tres dormitorios. Inicialmente proxectáronse once vivendas, aínda que durante a fase de desenvolvemento do proxecto a propiedade decidiu reducir o seu número a oito. O problema cuantitativo, o poder chegar a un maior número de usuarios é aquí importante, explorando os límites da vivenda mínima pero xerando espazo de calidade.

Arquitectura branca con toques de cor e madeira natural, onde os baños e dormitorios se converten en caixas de luz. Arquitectura flexible, que favorece a vida e o encontro, vivendas con espazos diáfanos e continuos que se poden dividir e non como suma de estancias estancas. A luz e o espazo son os protagonistas.

(COUTO TOUCEDO + LÓPEZ ALBA)

Premios

  • Primeiro premio no concurso de ideas convocado por Xestur no ano 2006 para a rehabilitación do antigo Hotel Comercio en Monforte para vivendas para menores de 35 anos en réxime de aluguer.

Bibliografía

  • BARAHONA, Miguel; “Vivir sin retórica”, Diseño Interior, 238. Madrid 2012. Páx.30.
  • LÓPEZ ALBA, Óscar; “Hotel Comercio: un cofre pétreo para arropar viviendas”, OLA estudio.
  • PENOUCOS, X.R.; “El ejemplo del Hotel Comercio”, La Voz de Galicia. Terras de Lemos (Sarria), 6 de setembro de 2011.
  • RODIL, Ana; “Tras dos años de incógnitas, el bajo del Hotel Comercio será un centro de arte”, El Progreso. Monforte de Lemos, 29 de marzo de 2015.