Centro de Interpretación da Torre do Bolo
Historia
Segundo referencias documentais, o castelo de O Bolo data do século XII. A súa posición dominante nun outeiro alenta a idea de que posiblemente teña a súa orixe nun castro galaico-romano.
Pedro I de Castela outorgou foro á vila pola gallarda defensa da fortaleza nas contendas civís do século XIV, que o enfrontaron con Henrique de Trastámara. Na seguinte centuria, o rei Xoán II de Castela confirmou os privilexios da vila e concedeu a fortaleza aos Condes de Benavente. Tamén os Condes de Lemos tiveron a xurisdición sobre o castelo, chegando a posuír o título de Condes de O Bolo.
Ao redor do 1498 o castelo foi reconstruído por Xoán Pimentel tralos danos sufridos durante as guerras irmandiñas. Esta edificación posuía planta rectangular con sete cubos e unha torre da homenaxe –reconstruída en estilo oxival–. Ademais desta torre conservouse outra con arco apuntado que permite o acceso ao patio de armas. E tamén se conservaron o alxibe e as murallas co adarve.
O castelo foi languidecendo ata finais do século XVIII, época na que os veciños comezaron a empregalo como canteira –principalmente as súas murallas–. Posteriormente, fóronselle acaroando vivendas que transformaron o recinto.
Memoria
A actuación arquitectónica sobre o edificio será o primeiro paso para devolver ao Castelo e á vila parte da súa historia como centro cultural que englobe á comarca nun proxecto común de desenvolvemento. (…) Por unha banda, a torre –con entrada pola planta baixa dende o Centro de Interpretación– consta de tres plantas que se dedicarán a exposición permanente. (…) O Centro de Interpretación consta de dúas plantas. A planta baixa divídese nas seguintes estancias: unha oficina, un aula de audiovisuais e un aseo-vestiario mixto. (…) A planta alta constará dun aula, unha sala de exposición e os seus correspondentes pasos. Esta planta ábrese a un balcón de onde arrincan unhas escaleiras que levan ao Patio de Armas e tamén conecta coa muralla.
(…) Necesítanse as seguintes obras de adecuación-restauración: zonas superiores de murallas e torre, reposición de elementos, remates e limpeza xeral (…); restauración, reforzo e adecuación de ocos (…); colocación de carpinterías (…); restauración dos elementos do pozo (…); preparación e adecuación de accesos (…); iluminación (…); adecuación de cubertas e fachadas (…); sinalizacións (…); levantado e reposición de pavimentos (…); tratamento e adecuación dos espazos interiores (…); consolidación de edificación anexa e nova cubrición.
(RODRÍGUEZ GONZÁLEZ)
Premios
- Primeiro Premio do concurso de obras de restauración do Castelo de O Bolo.
Bibliografía
- BOGA MOSCOSO, Ramón; “Torre de Viana do Bolo”, Guía dos castelos medievais de Galicia. Edicións Xerais de Galicia. Vigo 2003. Páx.69-78.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Xan; “Proxecto Básico e de Execución de Rehabilitación do Castelo do Bolo”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1999/176. Ourense 1999.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Xan; “Proxecto Básico e de Execución de Rehabilitación do Castelo do Bolo”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1999/176. Ourense 1999.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Xan; “Proxecto Básico e de Execución de Rehabilitación do Castelo do Bolo. II Fase”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2002/204. Ourense 2002.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Xan; “Proxecto complementario ó de musealización e posta en Valor da Torre do Bolo - Anta de Moura SL”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2004/207. Ourense 2004.
- VV.AA.; “Castillo de Viana do Bolo”, Ourense Siglo XX, ano 3, número 17. Ourense 2009. Páx.28-33.