Casa Museo María Pita
Historia
Edificación na que viviu María Mayor Fernández de Cámara y Pita (Sigrás, 1565 - 1643), máis coñecida como María Pita, heroína da defensa de A Coruña no 1589 contra a Armada Inglesa dirixida polo pirata Francis Drake.
Memoria
Proxéctase a construción dun
plató adecuado para a posta en escena da historia da cidade nunha época determinada –séculos XVI e XVII–, un escenario arquitectónico que non intenta reinventar a historia, senón expoñela dunha forma dinámica nun contedor actualizado que conformará un espazo vivo e cambiante.Establécese unha circulación unidireccional de paso obrigado de entrada e saída pola rúa Herrerías. As funcións resólvense en base a volumes depositados no seu interior, separándose das paredes e respectando a cáscara orixinal das dúas casas, coa intención de poñelas en valor. Este conxunto de paralelepípedos de disposición aparentemente aleatoria funciona como columnas de circulación e de espazos expositores. Os espazos sobre cuberta prolongan as visións do museo enfocando a mirada do observador cara ás pegadas históricas reais que permanecen na contorna.
As limitadas referencias superviventes nas dúas vivendas, antiga propiedade da heroína, parcelario, paredes medianeiras e con máis incerteza fachadas, suxiren a recreación e a potenciación do valor do lugar, única referencia certa e a creación dunha arquitectura capaz de
narrar o discorrer do proceso temporal que nos ocupa. A singularidade construtiva das paredes medianeiras perforadas coa aleatoriedade do tempo e da propia vida dos seus ocupantes, serven, ao noso xuízo, de fiestras abertas ao pasado, ollos que miran con curiosidade á historia a través deses ocos suxestivos flotando no espazo interior e dos novos ollos abertos ao exterior.O manexo da luz dende espazos cenitais, resolvendo os volumes de cobertura para a explotación deste escaso recurso natural, perfila e condiciona as aptitudes do edificio para a descrición dun programa de mostras expositivas e cambiantes que os converterán nun obxecto vivo e animado. Neste sentido, proponse a solución cenital a base de tres grandes ocos que intentarán dirixir a luz cara ao centro e cara ao perímetro dos tres espazos fundamentais.
(FRANCO TABOADA + FRANCO DÍAZ)
Premios
- Primeiro premio no concurso convocado polo Concello de A Coruña para a creación do museo.
- Obra seleccionada para a exposición Arquitectura recente española polo Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid no 2003.
Bibliografía
- FRANCO TABOADA, Arturo; “Rehabilitación para Casa-Museo da heroína María Pita”, Arqdis Arquitectura. A Coruña 2003.