Colexio de Farmacéuticos e Médicos de A Coruña
Historia
O edificio, cuxa construción data do ano 1870 baixo a dirección de Juan de Ciórraga, presenta un deseño arquitectónico caracterizado pola gran nobreza dos seus elementos ornamentais: cornixas, soportais, galerías de madeira, impostas, molduras...
Na planta baixa sitúanse o portal e o baixo accesible dende a rúa Rego de Auga e dende o soportal da avenida da Mariña. As plantas superiores –primeira, segunda, terceira e baixocuberta– posúen unha estrutura similar, con galería ou balcóns nos seus extremos –exceptuando as plantas primeira e segunda no alzado cara á rúa Rego de Auga–.
No 1959 produciuse un primeiro cambio de uso e a ampliación –andares cuarto, quinto e baixocuberta– do edificio, para oficinas e sede do daquela Colexio Provincial de Médicos e de Farmacéuticos, posteriormente segregado nos dous colexios actuais.
Memoria
A intervención sobre o edificio propón a rehabilitación integral da totalidade da edificación, actuando nunha primeira fase con tarefas de recuperación en zonas comúns como o portal, a caixa de escaleiras-ascensor, a cuberta, os forxados de madeira e de cerámica, as fachadas e o patio do inmoble –desaparecido e cegado nas sucesivas intervencións que tiveron lugar ao longo da vida útil do edificio–, ao tempo que se eliminan aquelas actuacións executadas que desvirtuaban as características da edificación. A reapertura do patio orixinal, busca desconxestionar e iluminar con luz natural os espazos centrais das plantas, ao tempo que se introduce un novo foco de interese visual no seu interior. Respéctanse e recupéranse aqueles elementos de relevancia patrimonial –escaleira, mosaicos, vidreiras–, integrándollos nas actuacións e operacións de recuperación dos espazos interiores. O proxecto esténdese particularmente á renovación de elementos estruturais, como son o reforzo e a nova execución de elementos da estrutura horizontal do inmoble, nas zonas en estado ruinoso.
As seguintes fases da obra habilitan dependencias do
Colexio de Médicos organizadas nas dúas primeiras plantas do edificio, destinadas a usos expositivos, de reunión e ocio. O resto de alturas corresponde á sede do Colexio de Farmacéuticos, con usos de formación, administración, secretaría, recepción de colexiados, presidencia, sala de xuntas, laboratorio, centro de información do medicamento, arquivos e oficinas do colexio.O aspecto más significativo das plantas do edificio é a notoria desproporción entre a fronte –6,50 m– e o fondo da parcela –38,00 m–. Este feito é moi relevante á hora de definir as dependencias do programa, posto que se considera moi importante evitar a presenza de elementos opacos que obstaculicen o paso da luz natural cara ao interior da edificación. Esta cuestión pode considerarse como o
leit motiv da proposta, que organiza as plantas con elementos construtivos ou de mobiliario, permitindo o paso da luz natural sen construír tabiques opacos –á diferenza da actuación do ano 1959, que organizaba e distribuía as plantas quedando moi escuras as zonas interiores–. La recuperación do patio orixinal da edificación contribúe a iluminar áreas que doutra maneira presentarían un deseño máis lóbrego.Deste xeito xurde a idea de encerrar en volumes de vidro os elementos que requiren representación, compacidade ou segregación, impedindo a súa lectura como elementos cegos. Estas caixas teñen unha definición de materiais que as singulariza do resto. Tamén se logra unha mellor eficacia no tendido das instalacións. O resto das áreas organízase como unha oficina aberta, con zonas de traballo separadas por estanterías con baldas abertas que contribúen a unha lectura espacial conxunta.
(…) En canto á intervención interior, vén precisada por actuacións de retirada de revestimentos nos muros medianeiros, deixando descuberta a cachotería de pedra, con operacións de consolidación, e limpeza (…). Nos falsos teitos, óptase por deixar vista a estrutura de madeira dos forxados en algunhas zonas, composta por vigas e pontóns de castiñeiro, moi expresiva, e en moi bo estado (…). A convivencia e o contraste das texturas irregulares da madeira e a pedra cos novos materiais contribúe a outorgar carácter á actuación, facendo convivir elementos actuais coas preexistencias (…).
En resumo, a intervención pretende resolver a organización e os requisitos de uso e actividade colexial aunando o funcional e o representativo. Os materiais, sistemas e acabados dispostos respectan a nobreza do inmoble e favorecen a súa luminosidade interior, eliminando no posible as compartimentacións e opacidades de intervencións anteriores.
(GALLEGO FERNÁNDEZ + PATIÑO EIRÍN)
Premios
- Obra candidata aos XVI Premios COAG.
Bibliografía
- GALLEGO FERNÁNDEZ, José Manuel + PATIÑO EIRÍN, Andrés; “Rehabilitación integral de edificio para sede del Colegio de Farmacéuticos y Médicos de A Coruña”, XVI Premios COAG. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. 2014.
- VV.AA.; “Edificio de los Colegios de Médicos y Farmacéuticos de A Coruña”, Grupo AlForo.