Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Illas S. Simón e Sto. Antón: Edificio de Cursos e Seminarios

Historia

Cara ao 1838, ante a proliferación de brotes epidémicos e a súa elevada mortalidade, a Xunta de Sanidade do Reino decidiu a construción dun lazareto –o segundo de España– nas illas. O proxecto encargóuselle ao enxeñeiro Andrade Yáñez e as obras foron adxudicadas ao comerciante Velázquez Moreno, sendo a súa inauguración o 1 de xuño de 1842. Con este período construtivo as illas adquiriron a súa fisionomía definitiva que, con pequenas modificacións, conservouse ata os nosos días.

Poucos anos despois de entrar en funcionamento o lazareto foi clasificado como sucio, é dicir, destinouse especificamente ao tratamento de enfermidades epidémico-contaxiosas e no que se ingresaba aos enfermos irrecuperables e desfiuzados. Esta recualificación levou á división do recinto en dous sectores diferenciados: a illa de San Simón quedaba destinada ao servizo dos buques e da súa pasaxe, así como a labores administrativos e de cabotaxe; mentres que a illa de Santo Antón –separada por dous portóns instalados na ponte– pasaba a albergar aos enfermos infecciosos e a unha pequena comunidade de monxas encargadas do seu coidado.

Trala clausura do lazareto no 1927 realizáronse diversas propostas para a súa reutilización, pero todas quedaron paradas co comezo da Guerra Civil.

Durante os primeiros meses do conflito, os edificios da illa de San Simón foron acondicionados como colonia penitenciaria, función que desempeñou dende outubro de 1939 ata o ano 1944. Durante esta etapa realizáronse poucas obras no conxunto: acondicionamento dos principais edificios do lazareto e construción de pequenas torretas de vixilancia. E mentres San Simón quedaba destinada a albergar os reclusos e os servizos administrativos, Santo Antón pasou a aloxar ao destacamento militar.

Tralo peche da colonia penitenciaria, as illas volveron sufrir un período de abandono; sendo no 1948 cando se recuperaron como lugar de veraneo para os membros da Garda de Franco. Pero un tráxico naufraxio no 1950 –no que morreron corenta e tres dos seus membros– precipitou a clausura da colonia e un novo abandono.

Entre 1955 e 1963 creouse o Fogar Méndez Núñez para a formación de Orfos de Mariñeiros. E a partir da década dos sesenta baralláronse propostas do máis diverso para a súa rehabilitación.

Edificio destinado a acoller os dormitorios do lazareto. Foi tamén usado polos reclusos na época da colonia penitenciaria. Na época do Fogar Méndez Núñez o edificio dividiuse en departamentos destinados a talleres, almacéns e dormitorios colectivos.

Memoria

Os principios orientadores do Plano Director das illas de San Simón e San Antonio –que vai conter as directrices de futuras actuacións– son:

  • A restauración, conservación e rehabilitación dos valores existentes na actualidade.
  • A recuperación de valores existentes noutras épocas e hoxe desaparecidos.
  • A introdución de novos valores, compatibles cos xa mencionados, que as novas funcións demandan, buscando un equilibrio medioambiental análogo ao existente noutras épocas.

O edificio actual é un prisma de planta rectangular organizado en dúas alturas cun espazo central de acceso e comunicación e dúas alas, cada unha das cales se divide á súa vez en dous grandes espazos, que se remodelaron para permitir o seu uso como edificio docente: cursos, seminarios, etc… Estes espazos acóllense na planta baixa e na primeira. O baixocuberta é ocupado por un eventual albergue de estudantes.

(PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN)

Bibliografía

  • GUITIÁN CASTROMIL, José; “Estudio Histórico de las Islas de San Simón y San Antón”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural - Xunta de Galicia, coa signatura 2000/279. Pontevedra 2000.
  • MARTÍ ARIS, Carlos; “Plan Director de las islas de San Simón y San Antonio”, César Portela. Colexio Oficial de Arquitectos de Almería. Almería 2008. Páx.36-42.
  • ORGE QUINTEIRO, José Antonio; Las Islas de San Simón: aproximación a su historia. Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra 1995.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Project in San Simon and San Antonio Islands”, Emotion and reason in Architecture. La emoción y la razón en la Arquitectura. LOFT Publications. Barcelona 2013. Páx.74-83.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Plan director de las Islas de San Simón e San Antonio”, La emoción en la Arquitectura. Círculo de Bellas Artes. Madrid 2006. Páx.96-102.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; Plano Director das Illas de San Simón e San Antonio. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo + Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela 1998.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Plan Director de las Islas de San Simón y San Antonio”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural - Xunta de Galicia, coa signatura 1998/212. Pontevedra 1998.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Proyecto Básico de Rehabilitación de inmuebles existentes en las islas de San Simón y San Antón”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural - Xunta de Galicia, coa signatura 1999/13o. Pontevedra 1999.
  • VV.AA.; Illas de San Simón e San Antonio. Lugar de encontro. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo + Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela 2005.
  • VV.AA:; “César Portela. Plan Director y proyecto de rehabilitación de las Islas de San Simón y San Antonio. Redondela (Pontevedra)”, Spain architects. Rehabilitation, 2 tomos. Manel Padura. Barcelona 2005. Páx.154-181.
  • VV.AA.; Illas de San Simón e San Antón: a recuperación dun sitio histórico. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo + Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela 2008.