Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Biblioteca Universitaria 'Casa do Patín'

Historia

A Casa do Patín é un dos escasos edificios que sobreviviron ao que foi a área central do xa desaparecido barrio histórico de Esteiro, considerado como o primeiro barrio obreiro que naceu en Galicia.

A primeira noticia que coñecemos desta edificación é que no ano 1758 Matías Abadiano era propietario dunha vivenda que ocupaba tres predios do desaparecido barrio –un cuarto predio, propiedade da Armada, completaba o solar–, formando un único bloque limitado por un muro de sillería, único caso da barriada.

Consta de planta terrea e dous andares, aproveitándose a primeira para tendas, e as restantes con fins residenciais; aínda que existen referencias ao seu destino militar no pasado, ben sexa na súa totalidade ou en parte.

Aínda mantendo unha volumetría uniforme como corpo arquitectónico único, a súa estrutura interior estaba dividida en catro edificios, mediante muros de carga que definían perfectamente as dimensións dos catro predios ocupados polo edificio.

Un Plan Parcial Reformado do ano 1977 para o novo polígono residencial permitiu salvar o deteriorado conxunto coa intención inicial de rehabilitalo para destinalo a museo municipal.

Finalmente, no 1996 o Concello de Ferrol e a Universidade de A Coruña ratificaron a súa incorporación ao conxunto universitario do Campus de Esteiro.

Memoria

O obxectivo xeral da actuación era consolidar e limpar a totalidade do edificio, adaptándollo a novos usos que fixesen posible o seu mantemento actual como biblioteca do campus universitario, conservando os valores propios dunha construción histórica.

Con esta finalidade liberouse o interior da edificación, respectando os muros de carga que dividían estruturalmente o espazo (…). Recuperouse o patio interior como elemento organizador, e potenciouse a súa existencia mediante a colocación dun lucernario que xera unha gran entrada de luz natural.

(M.A. CRESPO)

Bibliografía

  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; La Casa del Patín en el contexto histórico del barrio de Esteiro. Ferrol 1995.
  • DALDA ESCUDERO, José Luis + DÍAZ SOTELO, José; Plan Especial de acondicionamiento y ordenación para usos universitarios del Antiguo Hospital de Esteiro. Documento consultado na Oficina de Planeamento do Concello de Ferrol. Ferrol 1991.
  • FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé + SORALUCE BLOND, José Ramón; “Casa do Patín”, Ferrol. Colección Arquitecturas da Provincia da Coruña, tomo XIV. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña 2001. Páx.122-123.
  • MIRAZ FERNÁNDEZ, Federico; “Memorias del viejo Esteiro. La Casa del Patín”, Fiestas Patronales de Esteiro 1993. Concello de Ferrol. Ferrol 1993.
  • SORALUCE BLOND, José Ramón; “A Casa do Patín”, O Antigo Hospital de Esteiro: Campus Universitario de Ferrol. Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Universidade de A Coruña. A Coruña 1996. Páx.164-172.
  • VV.AA.; Historia del Santo Hospital de la Caridad ferrolano. Ferrol 1982.