Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Restaurante 'O Muíño' en Meira

Historia

O muíño atópase nun espazo no que o gran protagonista é o cauce do río Miño a escasa distancia do seu nacemento. A edificación orixinal compoñíase dunha planta baixa na que se situábanse os muíños e unha planta alta na que se distribuía a vivenda da familia propietaria.

A comezos do presente século, o Concello adquiriu o inmoble coa fin de dar forma a un plan de desenrolo urbanístico que pretendía converter á contorna nun dos parques periurbanos máis atractivos do municipio.

Memoria

Entre os traballos levados a cabo no parque realizáronse diferentes obras no edificio do Muíño, as últimas executadas pola Escola Obradoiro, e que se viron interrompidas co remate do ciclo de formación, deixando os traballos encauzados, aínda que sen unha definición precisa para a súa finalización (…). Entre os traballos que se foron realizando, resumimos os seguintes: Demoleuse completamente a planta alta destinada á vivenda manténdose os muros perimetrais de pedra, proxectando unha cuberta a dúas augas na que no faldón oeste se deixa un gran oco para a interconexión co novo volume acaroado por este costado ao muíño. No corpo principal mantéñense os muíños, aínda que certas pezas se retiraron para a súa mellor conservación (…).

O novo programa (…) concrétase na definición dun pequeno edificio multiusos no parque que cubra as necesidades dos cidadáns cando o gocen nos días en que a climatoloxía resulta favorable, aumentando o espectro de uso aos días de climatoloxía máis adversa. O último fin do edificio sería a recuperación e posta en valor dos muíños, o que contribuirá a enriquecer o patrimonio do parque municipal.

(…) As funcións que deberá absorber a instalación que se quere rehabilitar e finalizar son de diversas ordes. No ámbito de servizo, dotar ao parque municipal dun equipamento básico; mentres que dende o ámbito etnográfico se pretende recuperar a maquinaria dos muíños para explicar o seu funcionamento (…).

Sería necesario coidar especialmente o trazado da cuberta do volume acaroado polo oeste, para conseguir unha integración co complicado entramado existente, dignificando deste xeito a súa imaxe e adquirindo a representatividade que lle corresponde no parque.

Comezaremos desmontando os elementos de madeira do corpo ampliado, para pasar a demoler os catro piares de formigón armado e os tabiques de ladrillo da planta alta. Na planta baixa desprézanse certas divisións que condicionarían a resolución do edificio, destacando a eliminación dos aseos exteriores e as divisións de almacén e do cuarto de instalacións.

(…) Seguiuse o criterio, tanto no deseño como no proxecto construtivo, de empregar técnicas usuais e materiais duradeiros resistentes ao paso do tempo e de escaso mantemento, aínda que sen esquecer os mínimos de calidade que temos que esixir a todo edificio público situado nun espazo natural.

(BOUZA FERNÁNDEZ)

Bibliografía

  • BOUZA FERNÁNDEZ, Jesús; “Proyecto básico y de ejecución de Rehabilitación de Molino en Meira (Lugo)”. Documento consultado no Arquivo Municipal do Concello de Meira. Lugo 2005.