Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Museo Pazo de Tor

Historia

As orixes do Pazo de Tor están ligadas á liñaxe dos Garza no século XIV. A súa posesión mantívose en mans dos seus descendentes directos ata a súa derradeira propietaria: María Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, que fixo doazón da propiedade á Deputación Provincial de Lugo.

O edificio foi construído no último terzo do século XVIII, aínda que conserva algún vestixio anterior. Dentro do estilo barroco, presenta ornamentación neoclásica, visible na súa sobriedade, simetría e emprego das ordes clásicas. A súa organización interna diferenciaba claramente un baixo de servizo que albergaba as dependencias necesarias en toda facenda agropecuaria –cocheiras, adegas, cortes, vivenda dos criados e dos caseiros...– e un primeiro andar reservado á residencia dos propietarios do pazo.

Tralo incendio causado polas tropas napoleónicas, a edificación perdeu parte da ala na que se emprazaba unha torre.

Memoria

No pazo acometeranse unha serie de obras de acondicionamento e mellora do edificio –que comezarán pola substitución da cuberta–, respectando escrupulosamente a súa estrutura e distribución.

En canto ao novo uso, a asignación non significa cambios substanciais na configuración actual do edificio. As actuacións consistirán en asignar un espazo propio aos actuais caseiros do edificio, que actualmente utilizan distintas estancias repartidas por todo o inmoble. Proponse a restauración da ala sur para vivenda dos caseiros, permitindo a utilización da actual cociña (…) dende onde se domina e controla a entrada. (...) Proponse tamén a localización duns aseos para público na planta baixa e un local de recepción (…) nunha das antigas cabalarías, nun lateral da entrada principal cara ao patio.

(TRIGO MAYOR)

Bibliografía

  • LAGO GONZÁLEZ, Encarnación; “O pazo-museo de Tor en Monforte: rede museística da Deputación de Lugo”, Lucensia: miscelánea de cultura e investigación, volume 21, número 42. Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo. Lugo 2011. Páx.111-120.
  • POZO GARZA, Luz; “Pazo de Tor”, Grial: revista galega de cultura, 182. Editorial Galaxia. Vigo 2009. Páx.93-95.
  • TRIGO MAYOR, Gloria; “Proxecto básico e de execución de Rehabilitación do Pazo de Tor. 1ª Fase. Monforte de Lemos”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2000/201. Lugo 1999.
  • TRIGO MAYOR, Gloria; “Proxecto básico e de execución de Rehabilitación do Pazo de Tor. 2ª Fase. Monforte de Lemos”, documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2003/339. Lugo 2003.
  • TRIGO MAYOR, Gloria; “Proyecto de Rehabilitación de Alprendes en el Pazo de Tor para su musealización. Monforte”. Gloria Trigo Arquitecto. Lugo 2007.
  • TRIGO MAYOR, Gloria; “Proyecto de Rehabilitación de antigua vivienda para restaurante en el Pazo de Tor para su musealización. Monforte”. Gloria Trigo Arquitecto. Lugo 2007.