Museo das Peregrinacións e de Santiago
Historia
A entidade Banco de España iniciou a súa actividade en Compostela no ano 1886, contando cun local arrendado na Praza da Universidade. Ante a aspiración de contar cun edificio propio na cidade, procurou facerse cun solar ben situado –a ser posible no centro histórico e económico da urbe– para poder levantar nel un edificio de nova planta. Con tal fin o Concello facilitaría –dende maio de 1934– á entidade varias opcións de solares existentes na zona do ensanche, enxalzando as posibilidades e boas situacións fronte a unha hipotética localización no casco histórico.
Despois de varios intentos infrutuosos, en outubro de 1936, os directivos do banco e a corporación municipal –presidida por Juan Varela de Limia– chegaban a un acordo para adquirir un conxunto de vivendas situadas na Praza de Praterías, propiedade de Antonio Facal Varela, Alfredo Espinosa Orrea e Juan Carreira Pintos.
O permiso de demolición das seis vivendas afectadas concedeuse o 30 de novembro, tras un informe do arquitecto municipal no que se indicaban as normas a seguir e as liñas ás que debía axustarse a construción –practicamente as mesmas que tiñan as casas derrubadas, minimamente rectificadas nas rúas Xelmírez e Conga–.
O proxecto aprobado para levantar o Banco de España foi presentado a comezos de xullo de 1939, e asinado polo arquitecto Romualdo de Madariaga Céspedes.
Durante a seguinte década tivo lugar un longo proceso construtivo –non exento de polémica–, caracterizado por continuas modificacións e diversos condicionantes que foron impoñendo, por unha banda, unha parte da poboación compostelá; pola outra, José María Banet –o arquitecto municipal durante o período no que se adquiriron os terreos e se construíu o banco; e por último a Academia de Belas Artes de San Fernando.
Entre outros requirimentos, ao final modificouse o acceso en chaflán inicialmente previsto e diminuíuse a altura do inmoble ata igualala coas dos edificios adxacentes. Con todo, foron desatendidos os informes que aconsellaban un retranqueo da fachada principal –acorde coa aliñación da Casa da Quintana–, se ben esta pretensión permutouse por un soportal que non se integrou plenamente no espazo público pola diferenza de cotas.
Finalmente, o novo Banco de España foi inaugurado no 1949.
Tras unhas fachadas de aparente monumentalidade, o edificio escondía unha sucursal bancaria organizada nas plantas baixa e soto, unha distribución convencional de vivendas nos dous niveis superiores e un reducido patio na linde coa rúa da Conga.
Tras máis de cinco décadas en funcionamento, en decembro de 2004 o Banco de España pechaba as súas portas.
Memoria
Trátase de facer a nova sede do
Museo de Peregrinacións rehabilitando o antigo edificio do Banco de España. Situado na Praza das Praterías no concurso imponse a condición de conservalo e rehabilitalo.O mal estado da súa estrutura e da súa inadecuación para uso público obrigou a demoler piares e forxados. A súa insuficiente superficie para acoller o programa motivou repartir o Museo en varios edificios da cidade. No Banco sitúase soamente o espazo expositivo e os mínimos espazos complementarios: cafetería e salón de actos, entre outros.
Construír nun centro histórico é complexo. Para minimizar o tránsito de camións proxectei a estrutura maioritariamente metálica, fraccionada en elementos que se puidesen soldar en obra. A construción en grandes pezas realizadas en obradoiro condicionou e orientou en parte a súa expresión plástica.
O Museo conserva a fachada existente agás na parte ampliada. Aquí, é xa outro edificio. A nova fachada é lixeira, construída por peles de vidro formando un espazo protector. Constitúe unha pel tensa que vibra cos desaugadoiros ao percorrer a estreita rúa da Conga.
O edificio non é indiferente á súa proximidade á torre da Berenguela. O percorrido expositivo é tamén un camiño cara á visión de Santiago e a súa Catedral. Na última planta está a cafetería, a escaleira culmina cun lucernario e un miradoiro.
O soto modificouse sen a miña participación.
(GALLEGO JORRETO)
De acordo coas propostas do
Consorcio, o museo organízase en torno a unha función basicamente expositiva, que afecta á maior parte dos seus máis de tres mil metros cadrados. Por iso o proxecto contempla diferentes espazos de certa amplitude e nula especialización, evitando no posible a súa compartimentación con obxecto de favorecer a flexibilidade de uso.A intervención incorpora o patio aberto, creado co edificio bancario, á nova envolvente, recuperando así o carácter de mazá pechada preexistente. A fracción engadida resólvese mediante unha pel vítrea, distinguíndose plenamente das fachadas pétreas adxacentes, pero relacionándose con elas mediante aspectos xeométricos como a localización de cornixas. Este ámbito comprende tres alturas cunha certa complexidade espacial, serve de complemento ao programa museístico, e adicionalmente facilita un acceso secundario á cafetería.
Con estas consideracións, o conxunto desenrólase nunha planta sensiblemente rectangular. É posible distinguir un primeiro bloque formado polos dous vans máis próximos á Praza de Praterías. O primeiro comprende o soportal da planta baixa, e aloxa servizos e instalacións a nivel de soto e diferentes áreas expositivas nos pisos superiores. A segunda cruxía concíbese como un núcleo organizativo, toda vez que comprende os elementos principais de circulación e os sucesivos vestíbulos de distribución.
O resto do volume fracciónase segundo a súa dirección lonxitudinal mediante un baleiro central de catro alturas, cuxo cometido é introducir iluminación cenital no interior das salas. Este ámbito concíbese así como eixo compositivo da intervención, definindo, a través da luz, suxerentes relacións entre as distintas pezas que se abren a ambos lados do mesmo.
Por último, na banda máis próxima ás medianeiras distribúense diferentes locais de carácter interno (xestión, almacén, instalacións e elementos privativos de circulación).
(ESTÉVEZ CIMADEVILA + MARTÍN GUTIÉRREZ + OTERO CHAN)
Premios
- Premio na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, dentro da modalidade de ‘Reconversión e Reutilización de Edificios e Recursos Existentes’. Madrid 2013.
Bibliografía
- CORRAL VARELA, Juan Manuel; “La polémica construcción del edificio del Banco de España en Santiago: peripecias de postguerra”, Cuaderno de Estudios Gallegos, vol 42, n 107. Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Santiago de Compostela 1995. Páx.339-369.
- ENGROBA CABANA, Sonia; “Crear y recrear un museo: el Museo de las Peregrinaciones de Santiago”, Museo, 13. Asociación Profesional de Museólogos de España. 2008. Páx.344-353.
- ESTÉVEZ CIMADEVILA, Francisco Javier + MARTÍN GUTIÉRREZ, Emilio + OTERO CHAN, María Dolores; “El proyecto de estructuras en el Museo de las Peregrinaciones (Santiago de Compostela)”, Informes de la Construcción, vol 67, n 537. Instituto de Ciencias de la Construcción Eduardo Torroja. Madrid 2015.
- GALLEGO JORRETO, José Manuel; Remodelación do antigo Banco de España para a súa adecuación como sede do Museo Nacional das Peregrinacións e de Santiago. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2010/065. A Coruña 2009.
- GALLEGO JORRETO, José Manuel; Manuel Gallego. Arquitectura 1967-2015. Catálogo de exposición. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 2015.
- VV.AA.; Banco de España 1939-1949. Documento (carpeta) consultado no Arquivo Municipal de Santiago de Compostela.
- VV.AA.; “Museo de las Peregrinaciones, Santiago de Compostela”, Tectónica. Monografías de Arquitectura, Tecnología y Construcción, 39: Interiores: Revestimientos. Madrid 2012. Páx.60-81.
- VV.AA.; “Museo de las Peregrinaciones y de la Ciudad”, XII Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo. Madrid 2013.
- VV.AA.; “Museo de las Peregrinaciones y de Santiago”, Manuel Gallego Jorreto. Arquitectura 1998-2015. Editorial ‘TC Cuadernos de Construcción’, Monografía n 118. Valencia 2015.