Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Fundación Neira Vilas

Historia

Esta edificación foi construída a finais do século XVII ou comezos do XVIII, e foi albergue de peregrinos durante os séculos XVIII e XIX. Coñécese co nome de Casa do Romano porque nela viviu durante uns quince anos –a finais do século XIX e comezos do XX– un italiano que fuxira do seu país. Cando regresou a Roma, vendeulle a vivenda a Rosa Brea, que á súa vez lla vendería no 1925 a Santiago Vilas e Maripepa Arteaga. Foi a primeira vivenda que tiveron de seu, pois ata entón foran caseiros dos señores da Torre.

Tratábase dunha edificación que amosaba a tipoloxía típica das terras do Ulla, dunha casa labrega dunha familia pouco podente: planta rectangular, muros de cachotería e cuberta de tella a dúas augas deitada por riba dun entramado de madeira. O interior organizábase en tres espazos relacionados entre si –que correspondían a tres niveis– nos que se aloxaban outros tantos usos claramente diferenciados. O primeiro destes espazos era unha corte, situada a un metro e medio por debaixo da cota do acceso principal. O segundo nivel –á cota do terreo– acollía a lareira e o forno, e ao redor destas pezas estaba a estancia familiar. O terceiro espazo –tamén a metro e medio por riba do anterior– era un sobrado corrido no que durmía a totalidade da familia.

Trasladáronse a esta casa con Manuela –a súa única filla– de vinte anos. Esta casou en 1927 con Xosé Neira Silva. E aquí nacería –o 3 de novembro de 1928– Xosé Neira Vilas, autor do libro máis lido da historia da literatura galega. Sucesivamente nacerían tamén entre estas paredes os seus irmáns: María, Xesús e Mercedes. E no 1935 a familia foise vivir a unha nova casa.

Durante anos, a vivenda foi cedida a diversas persoas sen recursos, que a ocuparon temporalmente.

Neira Vilas herdou esta edificación de seus pais, e xunto a súa muller –Anisia Miranda– decidiu doala á Xunta de Galicia coa condición de que fose recuperada como biblioteca pública.

Memoria

A proposta pretende, respectando no posible tanto os ricos espazos interiores como o seu singular aspecto exterior –o que implica o respecto pola tipoloxía e a morfoloxía orixinais do edificio– permitir uns usos novos de tipo cultural.

O conxunto formado por ámbalas dúas edificacións define un espazo exterior, abrigado, que se acolle baixo unha parra de grande significado simbólico. A través deste lugar –lugar de reunión e encontro– accédese mediante un cuberto acristalado aos ámbitos culturais que se aloxan en ámbolos dous edificios e á pequena vivenda do escritor, situada na planta primeira da nova construción.

O ateigado conxunto ven sendo unha mestura de arquitectura popular e culta, de tradición e de modernidade, todo materializado en pedra, madeira, barro e vidro.

(PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN)

Bibliografía

  • DÍAZ PARDO, Isaac; “A Casa Lusguía de Neira Vilas, obra de César Portela”, Obradoiro, 23. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1994. Páx.84.
  • NEIRA VILAS, Xosé; “Estamos en Gres”, Obradoiro, 23. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1994. Páx.85.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Fundación e Casa da Cultura Neira Vilas”, Obradoiro, 23. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1994. Páx.78-83.