Escola Politécnica Superior de Ferrol
Historia
O incendio ocorrido o 7 de febreiro de 1891 destruíu en gran parte o vello Real Hospital de Mariña de Nosa Señora de Dolores –construído para cuartel e transformado en centro sanitario cara ao 1767– acelerou o lento proceso da construción dun novo hospital militar que substituíse ao existente e que dese resposta ao incremento das necesidades hospitalarias da cidade.
Tras dito incendio, o Ministerio de Mariña contratou coa sociedade francesa Tollet a construción do Hospital de Mariña do Departamento de Ferrol. Esta sociedade encargaríase de redactalos planos e construír o novo Hospital de Esteiro, pero baixo a co-dirección dun enxeñeiro da base naval designado como inspector das obras pola propia Capitanía de Ferrol e co asesoramento do Xefe de Sanidade.
Conseguida a propiedade dos terreos, a parcela resultante pechouse cun amurallamento de cachotería. Entre 1896 e a inauguración do recinto o 16 de xullo de 1902 levantáronse os catro grandes pavillóns hospitalarios –Servizos Xerais, Medicina, Cirurxía e Venéreos–, dous medianos –Contaxiosos e Presos– e cinco pequenos destinados a dependencias de servizos, como a farmacia, o local para os presos, as cociñas e o pavillón de infecciosos –estes dous últimos hoxe desaparecidos–.
Seis meses despois de que a Xunta de Galicia crease a Universidade de A Coruña, o Concello de Ferrol aprobaba –na sesión plenaria do 10 de xuño de 1990 o convenio coa Xerencia de Infraestrutura do Ministerio de Defensa– a entrega polo Ministerio ao Concello do antigo Hospital de Mariña para o seu destino a usos universitarios da Universidade. Trala sinatura do documento de cesión o 21 de xuño, houbo que agardar uns meses a que se producira o desaloxo dos edificios militares, facéndose cargo formalmente das instalacións o Concello o día 3 de outubro dese mesmo ano.
Construído ao redor do 1945 polo Consello ordenador das construcións navais militares, o antigo pavillón principal de hospitalización tiña unha capacidade de trescentas camas para suboficiais. Albergaba tamén unha policlínica e os servizos xerais.
Memoria
A adaptación do edificio hospitalario (…) permitiu comprobala sólida construción dos seus sotos cunha estrutura fortemente reforzada e un orixinal sistema de ventilación. (…) O acondicionamento destas zonas, para laboratorios e talleres, foi un dos aspectos máis destacados da recuperación deste edificio, que no relativo a cerramentos, carpinterías, forxados e cuberta tivo que ser completamente reconstruído.
Instaláronselle dúas amplas escaleiras interiores, incorporando os dous patios orixinais aos espazos de comunicación mediante cadansúas pantallas acristaladas.
SORALUCE BLOND
Bibliografía
- CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Desde el Santo Hospital de Caridad al Centro Cultural Carlos III”, Ferrol Análisis, 2. Ferrol 1991.
- CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Rehabilitación, reconstrucción e intervención en el Santo Hospital de la Caridad para su reconversión en Centro Cultural”, Actas V Jornadas de rehabilitación de edificios antiguos. Almendralejo 1996.
- DALDA ESCUDERO, José Luis + DÍAZ SOTELO, José; Plan Especial de acondicionamiento y ordenación para usos universitarios del Antiguo Hospital de Esteiro. Documento consultado na Oficina de Planeamento do Concello de Ferrol. Ferrol 1991.
- INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria. Tese de doutoramento defendida na Universidade de A Coruña, no Departamento de Enxeñaría Industrial. A Coruña 2000.
- INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria gallega de pabellones. Universidade de A Coruña, Servizo de Publicacións. A Coruña 2002.
- INSUA CABANAS, Mercedes; “Arquitectura hospitalaria militar: la rehabilitación del Hospital Naval de Ferrol”, Arquitectura, defensa y patrimonio. Universidade de A Coruña. A Coruña 2002. Páx.67-92.
- SORALUCE BLOND, José Ramón; O antigo Hospital de Esteiro: Campus Universitario de Ferrol. Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Universidade de A Coruña. A Coruña 1996.