Museo do Mar de Galicia
Historia
Os irmáns xironeses Francisco e José Barreras de Faus chegaron a Galicia no 1818 para asentarse como fomentadores da pesca na Pobra do Caramiñal, onde estableceron un almacén de salga e prensado de sardiña segundo a técnica mediterránea.
Os tres fillos varóns de José trasladáronse a Vigo a mediados da década de 1860. O primoxénito dedicaríase ao tradicional negocio da salga e ao transporte marítimo, mentres cos seus irmáns –Benigno e Marcelino– centrarían as súas actividades na conserva, sendo pioneiros na introdución desta industria na ría de Vigo.
Deste xeito, en torno ao 1887, ámbolos dous irmáns levantaron unha fábrica na beiramar da ribeira esquerda da enseada de Vigo, nunha zona ben exposta aos ventos, sobre as ruínas –moi probablemente– dun antigo muíño de vento.
A fábrica estivo máis ou menos en funcionamento ata o ano 1929, cando foi adquirida polo concello para destinala a matadoiro municipal. Máis tarde, empregouse como depósito de vehículos, o que supuxo o derrube de varias cruxías das naves.
Memoria
O Museo do Mar de Galicia configúrase como un cabo, metade natureza, metade artificio, neste paradigmático lugar do bordo litoral, próximo á cidade de Vigo, que incorpora a Ría como unha parte máis do proxecto, sen dúbida a máis importante.
O conxunto concíbese como un único e inequívoco ámbito espacial, delimitado en parte por un muro perimetral e en parte polo propio mar, cheo á súa vez de espazos menores dotados de forte personalidade, nos que teñen cabida os máis diversos usos que o programa museístico contempla.
Á vez que estes espazos se percorren, iremos atopando secuencias insólitas e sorprendentes, capaces de transportarnos a través de xardíns, edificios, patios, prazas, paseos, pasarelas, peiraos… dende terra firme ata o mar. Todo iso logrando un continuo harmónico onde os espazos públicos e os privados sucédense os uns aos outros, combínanse e fúndense como partes dun todo no que tempo e espazo ponse ao servizo da cultura, sen perder nunca de vista o mar.
Todo o complexo edificatorio, formado por dúas familias de naves e unha pasarela elevada que as relaciona, pode considerarse un observatorio para contemplar e gozar o mar. Os ocos practicados nos seus muros de pedra son como ollos dotados de xeometría que captan escenas mariñas alí onde estas se producen, enmárcanas, aprópianse delas, achéganllas e móstranllas aos visitantes, coma se dunha colección de estampas se tratase.
(PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN)
Premios
- Mención nos premios europeos Philippe Rotthier, ano 2005.
- Finalista na VII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo na categoría de Rehabilitación e Equipamento cultural. Madrid 2002.
Bibliografía
- AGRASAR QUIROGA, Fernando; “Museo del Mar de Galicia”, Guía de arquitectura de Vigo (1930-2000). Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Vigo 2003.
- LARA COIRA, Manuel; “Conservas Molino de Viento”, Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. Ames 2014.
- MARTÍ ARIS, Carlos; “Museo do Mar de Galicia”, César Portela. Colexio de Arquitectos de Almería. Almería 2008. Páx.28-39.
- PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Museo del Mar de Galicia. Vigo”, César Portela. Arquitecto. Pontevedra.
- PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; Museo do Mar de Galicia. Gráficas Anduriña. Poio 2002.
- PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “El Museo do Mar de Galicia o el paisaje visto desde la Arquitectura”, Restauro. Revista internacional del patrimonio histórico, 4. Valencia 2009. Páx.66-73.
- PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Museo del Mar de Galicia”, César Portela: la emoción y la razón en la arquitectura. Loft Editorial. Barcelona 2013. Páx.100-117.
- PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César + ROSSI, Aldo; Proxecto do Museo do Mar de Galicia. Primeira Fase. Vigo. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1993/052. Pontevedra 1992.
- PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César + ROSSI, Aldo; Proxecto do Museo do Mar de Galicia. Segunda Fase. Vigo. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1993/053. Pontevedra 1993.
- SOBRINO FAGILDE, Iria; Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur). Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Vigo 2008.
- VV.AA.; “Museo del Mar de Galicia”, Bienales de Arquitectura. Madrid.
- VV.AA.; “Museo del Mar. Vigo”, Arquitectura: Revista del Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid, 298. Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid. Madrid 1994. Páx.37-41.
- VV.AA.; “Museo do Mar en Galicia”, Intervencións no Patrimonio Arquitectónico. Ano 1997. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela 1997. Páx.96-97.
- VV.AA.; “Museo do Mar en Galicia”, Intervencións no Patrimonio Arquitectónico. Ano 1998. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela 1998. Páx.138-139.
- VV.AA.; “Museo del Mar de Galicia Aldo Rossi y César Portela. 2002 Vigo”, Ardan. Servizo de Información Empresarial, 47. Consorcio Zona Franca de Vigo. Vigo 2002.
- VV.AA.; “Museo do Mar de Galicia”, Obradoiro: revista de arquitectura y urbanismo, 30. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2004. Páx.20-31.