Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Facultade de Humanidades e Documentación

Historia

O incendio ocorrido o 7 de febreiro de 1891 destruíu en gran parte o vello Real Hospital de Mariña de Nosa Señora de Dolores –construído para cuartel e transformado en centro sanitario cara ao 1767– acelerou o lento proceso da construción dun novo hospital militar que substituíse ao existente e que dese resposta ao incremento das necesidades hospitalarias da cidade.

Tras dito incendio, o Ministerio de Mariña contratou coa sociedade francesa Tollet a construción do Hospital de Mariña do Departamento de Ferrol. Esta sociedade encargaríase de redactalos planos e construír o novo Hospital de Esteiro, pero baixo a co-dirección dun enxeñeiro da base naval designado como inspector das obras pola propia Capitanía de Ferrol e co asesoramento do Xefe de Sanidade.

Conseguida a propiedade dos terreos, a parcela resultante pechouse cun amurallamento de cachotería. Entre 1896 e a inauguración do recinto o 16 de xullo de 1902 levantáronse os catro grandes pavillóns hospitalarios –Servizos Xerais, Medicina, Cirurxía e Venéreos–, dous medianos –Contaxiosos e Presos– e cinco pequenos destinados a dependencias de servizos, como a farmacia, o local para os presos, as cociñas e o pavillón de infecciosos –estes dous últimos hoxe desaparecidos–.

Seis meses despois de que a Xunta de Galicia crease a Universidade de A Coruña, o Concello de Ferrol aprobaba –na sesión plenaria do 10 de xuño de 1990 o convenio coa Xerencia de Infraestrutura do Ministerio de Defensa– a entrega polo Ministerio ao Concello do antigo Hospital de Mariña para o seu destino a usos universitarios. Trala sinatura do documento de cesión o 21 de xuño, houbo que agardar uns meses a que se producira o desaloxo dos edificios militares, facéndose cargo formalmente das instalacións o Concello o día 3 de outubro.

O edificio de Servizos Xerais –corpo principal do conxunto de pavillóns– é a peza central do sistema Tollet, xa que ao redor do mesmo se ordenaban o resto de dependencias.

Na planta baixa do mesmo estaban as cociñas, o roupeiro, o oratorio, as oficinas administrativas do hospital e as dependencias do médico de garda. A planta alta estaba ocupada na súa maioría pola comunidade de monxas que atendían aos hospitalizados, segundo a tradición das ordes caritativas.

Na década dos corenta sufriu unha remodelación que alterou a funcionalidade dos andares. Tamén foi cando se lle engadiron as dúas galerías que transformaron a súa imaxe.

Memoria

A rehabilitación realizada (…) ademais de potenciar a organización simétrica da planta e a disposición dos ocos en fachada (…), liberando o pouco espazo interior do edificio para zonas de comunicación e encontro, como a gran escaleira central, as galerías, etc… ordena as dependencias de forma sinxela e rigorosa cun intenso recurso aos acristalamentos e aos elementos estruturais de modernos materiais e deseño actualizado. A sillería só se ve interrompida no seu desenvolvemento por láminas de cristal, o que fai máis contrastada a intervención resaltando o monolítico corpo orixinal. Soamente a elevación da cuberta sobre a cornixa (…) e a serie de baixantes, transforma a compacta e primitiva volumetría, dando unha sensación de apertura e desencaixe dos espazos interiores.

(SORALUCE BLOND)


O aporte de novas construcións necesarias realizarase con técnicas adecuadas, para que dentro dun conxunto o principal e o engadido amosen unha lectura inmediata de valores (…). A construción engadida realizarase con estruturas metálicas envolventes e tanxentes á edificación primitiva, diferenciando formas e texturas en ocos e macizos, de tal xeito que o carácter permanente dos primitivos quede remarcado cos elementos aportados –formigón, aceiro, cristal, etc…–.

(ALCALÁ NAVARRO)

Bibliografía

  • ALCALÁ NAVARRO, Alfedro; Estudio de detalle proyecto Facultad de Humanidades en Ferrol. Ferrol 1995.
  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Desde el Santo Hospital de Caridad al Centro Cultural Carlos III”, Ferrol Análisis, 2. Ferrol 1991.
  • CASTELO ÁLVAREZ, Bernardo; “Rehabilitación, reconstrucción e intervención en el Santo Hospital de la Caridad para su reconversión en Centro Cultural”, Actas V Jornadas de rehabilitación de edificios antiguos. Almendralejo 1996.
  • DALDA ESCUDERO, José Luis + DÍAZ SOTELO, José; Plan Especial de acondicionamiento y ordenación para usos universitarios del Antiguo Hospital de Esteiro. Documento consultado na Oficina de Planeamento do Concello de Ferrol. Ferrol 1991.
  • FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé + SORALUCE BLOND, José Ramón; “Facultade de Humanidades”, Ferrol. Colección Arquitecturas da Provincia de A Coruña, tomo XIV. Deputación Provincial de A Coruña. A Coruña 2001. Páx.282-283.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria. Tese de doutoramento defendida na Universidade de A Coruña, no Departamento de Enxeñaría Industrial. A Coruña 2000.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; Arquitectura hospitalaria gallega de pabellones. Universidade de A Coruña, Servizo de Publicacións. A Coruña 2002.
  • INSUA CABANAS, Mercedes; “Arquitectura hospitalaria militar: la rehabilitación del Hospital Naval de Ferrol”, Arquitectura, defensa y patrimonio. Universidade de A Coruña. A Coruña 2002. Páx.67-92.
  • SORALUCE BLOND, José Ramón; O antigo Hospital de Esteiro: Campus Universitario de Ferrol. Vicerreitorado de Extensión Universitaria, Universidade de A Coruña. A Coruña 1996.