Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro de Interpretación da Ruta dos Muíños da Costa da Morte

Historia

Con data do 15 de setembro de 1815, Ignacio Pérez Bazarra solicitou construír uns muíños fariñeiros de marea ao seu regreso de América, impulsado polo aumento do cultivo do millo. O Gremio do Mar de Muros regaloulle os terreos para a construción; sen embargo, houbo unha serie de problemas cun exiliado político que solicitaba devanditos terreos en propiedade. Este conflito retrasou o inicio das obras ata a década dos anos trinta, momento no que se inaugurou o Muíño Bazarra.

Ergueuse un conxunto de muíños de mareas reunidos nunha única edificación de planta rectangular cuxas dimensións o converteron no muíño da súa tipoloxía máis grande de Galicia e nun dos máis importantes de Europa. Consta de dúas plantas: a inferior construída só con perpiaño e a superior combinando con cachotería. Na planta baixa atopábanse as seis entradas de auga con cadansúa comporta, e na planta alta localizábanse as pedras de moer e unha lareira. A cuberta realizouse a dúas augas e estaba sostida por trabes de madeira.

A finais do século XIX engadíuselle ao conxunto un anexo dedicado primeiro a serradoiro. E anos máis tarde foi adquirido por Abelardo Dubert Siaba –fillo dun francés afincado en Muros–, quen rehabilitou a zona do serradoiro baixo o nome dos Baños de Santa Rita, unha casa de baños inaugurada no 1914 e especializada na curación de enfermidades a base de baños tépedos de algas e auga mariña.

O conxunto foi abandonado entre os anos cincuenta e os setenta da pasada centuria: primeiro o muíño e despois a casa de baños. Este último espazo foi empregado ata a década dos setenta como almacén de gran e de aparellos de pesca.

Dende entón, o conxunto quedou abandonado e a súa propiedade pasou por nove donos distintos, ata que acabou sendo de titularidade municipal cara aos anos oitenta da pasada centuria.

Memoria

O proxecto contempla dous ámbitos ben diferenciados: por unha banda o muíño e por outra o recheo de terras no que serán situadas ao aire libre distintas actividades.

No muíño eliximos a madeira e o vidro como materiais tanto estruturais como de acabamento interior. A súa aplicación de xeito indiferenciado en planos horizontais e verticais permitirá significar a nosa propia filosofía de rehabilitación que pretende redescubrir a arquitectura propia dos muíños, e o seu carácter, compatibilizando o seu redescubrimento coa existencia daqueles outros elementos lóxicos dunha arquitectura dos nosos días.

Tres elementos definirán cualitativamente os diferentes espazos e unha relación –a luz natural– definirá o conxunto. Unha parede técnica –bar-cafetería–, as escaleiras e o bloque técnico de servizos constitúen os elementos determinantes. Estremeiros cos bloques de pedra das chemineas, que cortarán á cuberta a través dos lucernarios de vidro, ascenden as escaleiras relacionando as plantas entre si. A definición das circulacións polas escaleiras ten unha grande importancia funcional por canto non só servirán para dar acceso a unha e outra planta, senón que permitirán relacionar os distintos espazos sen interferencias.

O bloque técnico concíbese como unha construción en altura, cunha planta que duplica o uso dos aseos. Concíbese como un elemento autónomo da estrutura xeral, dotado dunha capacidade autorresistente que a independiza de movementos. O edificio dos muíños proxéctase –dentro da súa vocación museística– como un lugar para a contemplación dos mecanismos dos muíños e o seu funcionamento. Por esta razón o proxecto centrouse en definir as condicións dos solados e dos forxados que ían soster estas actividades e que, ao tempo, inclúen o valor poético do mar como suxeito da composición.

Os mecanismos de pedra, os arcos sobre a auga, os reflexos baixo a cuberta do muíño, serán así os elementos dun espazo soñado.

No exterior, na outra beira da canle, unha gran masa forestal sobre o muro achéganos as ideas racionalizadoras da paisaxe. Cruzando polos pasais e as pontellas, a franxa de mar introdúcenos nunha fraga mesta. Un paseo limita a beira do recheo.

(ANAYA ARQUITECTOS)

Premios

  • Primeiro Premio dos VI Premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, na categoría de Rehabilitación, ano 1994.
  • Seleccionado na III Bienal de Arquitectura Española. Consello Superior dos Colexios de Arquitectos, 1995.

Bibliografía

  • ALONSO DE DIOS, Alberto; “Muíño das Mareas do Pozo do Cachón”, Galicia Máxica.
  • ANAYA DÍAZ, Jesús + VOLPINI REYES, Pilar; “Muíños do Cachón. Restoration of wate mills in Muros, A Coruña”, Anaya Arquitectos. Madrid.
  • ANAYA DÍAZ, Jesús + VOLPINI REYES, Pilar; “Rehabilitación dos Muíños de Maré do Pozo de Cachón”, Obradoiro. Revista de Arquitectura, 23. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1994. Páx.64-77.
  • ARCO DA VELLA, Xoán; “Muíño de Marea Pozo do Cachón, Muros”, Xoán Arco da Vella. Marín 2012.
  • BAS LÓPEZ, Begoña; Muíños de marés e de vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 1991.
  • FRAGA, Iván; “O Muíño de Mareas do Pozo de Cachón”, A Fraga dos Mouros. 2015.
  • LARA COIRA, Manuel; “Muíño das Mareas ou Muíño do Pozo Cachón”; Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. Ames 2009.
  • VV.AA.; “Muíños de marea Pozo de Cachón, Muros”, Espazos sonoros. 2013.