Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Misión Biolóxica de Galicia

Historia

A construción do Pazo de Gandarón data do século XVIII, sendo o seu promotor Sebastián Malvar Pinto Castro e Xusto; polo que tamén se coñece como Pazo do Arcebispo Malvar.

A edificación é un bo exemplo de traza barroca e notables proporcións que lle confiren gran robustez e sobriedade, chamando a atención os seus dous balcóns –simetricamente situados sobre a primeira planta– con varandas de ferro artisticamente traballadas e sostidos por candansúas repisas molduradas de considerable tamaño. A fábrica é de sillares ben traballados, entrepanos de cachotería enfuscada e elementos decorativos propios da época. Destacan no interior do pazo dúas chemineas de tipo francés de mármore branco –unha tallada e outra lisa– situadas no antigo salón e no vello comedor, respectivamente.

O edificio está formado por dúas naves situadas ortogonalmente entre elas, e que xunto coa capela –cun soportal de acceso de tres arcos, e hoxe convertida en museo– forman unha planta en forma de U.

Na segunda metade do século XIX, o conxunto foi herdado por Jerónimo Malvar Taboada, quen ampliou a propiedade e creou un frondoso xardín con especies de gran valor ornamental –incluíndo unha notable colección de camelias– e cun hórreo de importante envergadura.

No ano 1928 o Pazo de Gandarón foi cedido pola Deputación Provincial de Pontevedra ao Consello Superior de Investigacións Científicas para albergar parte das instalacións da Misión Biolóxica de Galicia.

Memoria

A rehabilitación integral do pazo promóvea a Misión Biolóxica de Galicia para establecer nel a Xestión e Dirección do centro, así como para despachos de científicos, salas de reunión, sala de conferencias, arquivos, etc…

Ao abordar o proxecto e sen estendernos no programa de necesidades, fixémonos a seguinte pregunta: Como debemos intervir nun edificio de importante valor histórico, para transformalo nun uso para o que non foi concibido e dotalo das instalacións e espazos que require un centro destas características?

O edificio sufrira unha desafortunada intervención que desvirtuou totalmente o seu carácter orixinal, polo menos interiormente. Os forxados, así como os faldóns de cuberta sobre a cornixa, foran substituídos por forxados de formigón, e sen coherencia formal. Baleiraremos o edificio, recuperaremos a visión dos primitivos muros, e reordenaremos o sistema de circulacións para facelo apto para o novo uso. Elimínanse barreiras incorporando un ascensor e substituíndo as escaleiras que aproveitan as antigas varandas pero cunha nova formulación estrutural. Eliminamos todos os elementos que non pertenceron orixinalmente ao edificio e facemos visible o seu pasado esperando recoller a testemuña que temos que reinterpretar de novo para a consecución do novo proxecto.

Ao exterior desmontamos as cubertas e regularízanse os alzados sobre cornixa, que se revisten de zinc. Realízanse lucernarios nos faldóns de cuberta para introducir luz. Esta actuación xunto coa cor dos entrepanos, son a única mostra visible ao exterior da intervención que non pretende competir coa concepción orixinal do Pazo, senón resaltar a súa beleza e sobriedade.

(LOMBA MARTÍNEZ)

Bibliografía

  • DE RON PEDREIRA, Antonio M. + MANSILLA VÁZQUEZ, Pedro; “LXXX Aniversario de la Misión Biológica de Galicia en el Palacio de Salcedo de la Diputación de Pontevedra”, Revista de Estudos, 127. Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra. Pág.181-184.
  • LOMBA MARTÍNEZ, Mauro; “Pazo de Gandarón”, Mauro Lomba Arquitecto. Pontevedra.
  • VV.AA.; “Pazo de A Carballeira de Gandarón”, Edificios e sedes da Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra.
  • VV.AA.; “La Misión Biológica de Galicia cumple este viernes 90 años”, El Mundo. 2011.
  • VV.AA.; “Pazo Gandarón”, Areeiro. Estación Fitopatolóxica. Deputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra.