Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns de Compostela

Historia

Construída ao redor de 1783 polos irmáns Joseph e Gaspar Servida –procedentes de Milán, músicos de trompa da catedral e metidos a novos empresarios do coiro–, esta fábrica foi posiblemente a primeira industria de curtidos da cidade compostelá. De tamaño reducido, estaba dirixida por un mestre francés chamado Miguel Musar.

No ano 1803, a edificación foi vendida a Andrés Fariña Tarrío, fillo dun boticario que estivera asociado fugazmente con Jacobo Pérez Villamarín na construción dunha tenería en Vidán –un pequeno barrio situado ao suroeste de Compostela–. Nestes anos, a fábrica sobreviviu con diversos créditos. Tras experimentar unha leve recuperación económica, finalmente volveu caer en torno ao 1820 debido a unha mala administración.

No 1847 –pouco antes de morrer–, Fariña Tarrío cedeu a fábrica ao seu fillo Andrés Fariña Martínez. Este prosperou de forma moi rápida entre os anos corenta e comezos do cincuenta. Pero tamén se viu afectado pola quebra no ano 1853.

A finais dos anos cincuenta a fábrica xa deixara de traballar –probablemente debido á súa situación tan céntrica que lle ocasionaba problemas de abastecemento de auga–. E no ano 1866 pasou a mans de Teresa Vilomara como pago das débedas que tiña Fariña Martínez co seu marido.

E no 1873 a tenería xa se atopaba en ruínas.

Memoria

Unha peza que foi demolida en parte e á que, no momento da intervención, xa lle faltaba o remate orixinal da fachada oeste. A nova peza recoñécese como un equipamento aberto para todo o barrio. Trátase por tanto de protexer e pór en funcionamento uns restos que se relacionan, dende o punto de vista histórico e funcional, con outros que agora conforman as trazas do parque.

Para iso apoiámonos nas características da construción orixinal que, sendo tradicional, preséntase como un elemento con amplas aberturas consecuencia do seu uso e das alteracións que sufriu. Renúnciase a reconstruír ou completar as fábricas resolvendo tódolos novos cerramentos e carpintarías con armazóns de madeira. A intervención recupera o volume da cuberta orixinal, a dúas augas, apoiándose nas trazas que marcan as laxas que resolvían o encontro da mesma co muro testeiro.

A edificación complétase cunha plataforma exterior desde a que se accede a cada unha das caixas da fachada norte.

(ARROKABE ARQUITECTOS)

Bibliografía

  • ANDRÉS QUINTELA, Iván + ANDRÉS QUINTELA, Óscar; “Rehabilitación de secadero para ‘catalizador’ cultural”, Arrokabe Arquitectos. Santiago de Compostela 2015.
  • CARMONA BADÍA, Xoán + FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, María Teresa; A Compostela industrial. Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago. Servizo de Publicacións do Consorcio de Santiago. Santiago de Compostela 2003.
  • LARA COIRA, Manuel; “Fábrica das Trompas”, Buxa. Asociación Galega de Patrimonio Industrial. Ames 2012.
  • VV.AA.; “Arrokabe arquitectos rehabilita un ex secadero de pieles para transformarlo en Catalizador Cultural”, Catálogo Diseño. Visibilidad Creativa. 2016.