Museo do Muíño da Seca
Historia
Segundo un manuscrito asinado por Amaro Alonso –con data do 4 de maio de 1622– o Muíño de Mareas da Seca foi construído sobre unha vella saíña por orde de Gonzalo de Valladares e Sarmiento –I Vizconde de Fefiñáns–, quen encargou a obra ao mestre de cantería e artilleiro coruñés Francisco Grie.
Cunha presa duns cincuenta metros de longo, o conxunto constaba da propia presa –de cinco comportas–, do propio muíño –ao que ían moer os seus cereais a maioría dos labradores da comarca do Salnés–, a vivenda, as cortes e o alpendre. Na planta baixa do muíño atopábase a maquinaria que posibilitaba a moenda. O primeiro andar comprendía os elementos de moenda: tres moas do país de gran groso para moer millo, e unha albeira de gran fino para o trigo e o centeo, así como as pezas auxiliares. A segunda planta e o faiado estaban destinados á vivenda, coas súas habitacións.
O fluxo e o refluxo das mareas eran aproveitados para facer funcionar as catro moas coas que contaba o muíño. A zona interior quedaba en seco coa baixamar, por iso se denominaba A Seca, volvéndose encher coa preamar. Para moer aproveitaban a baixamar –estimada nunhas tres horas– chegando a moer ata douscentos quilogramos por moa en dúas quendas, de día e de noite.
No século XIX o muíño cambiou de propietario, pasando a pertencer á familia Prego. Pero non foi ata mediados dos anos setenta da pasada centuria cando deixou de funcionar: cando o derradeiro muiñeiro –Manuel Piñeiro Señoráns, casado coa filla do propietario– cesaba a súa actividade.
Memoria
Na actualidade recuperouse o muíño para convertelo en Museo: no primeiro andar encóntrase a recepción e a sala histórica, na planta baixa atópanse os muíños e, finalmente, no baixocuberta está situada a sala de apeiros.
(Proxecto ARGA)
Bibliografía
- BARREIRO FUENTES, Ainhoa + GONZÁLEZ PÉREZ, Noelia + ZELS GARRIDO, Alba; “O muíño de mareas da Seca”, A Buxaina. Revista Dixital do IES Francisco Asorey. Cambados 2013
- BAS LÓPEZ, Begoña; “Muíños de marés da ría de Arousa”, Brigantium: Boletín do Museo Arqueolóxico e Histórico de A Coruña, 2. A Coruña 1981. Páx.141-177.
- BAS LÓPEZ, Begoña; “Muíño en Cambados”, Muíños de marés e de vento en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 1991. Páx.34-43.
- DE LLANO CABADO, Pedro; O muiño de mar de A Seca. Comisión de Defensa do Patrimonio Arquitectónico + Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1980.
- DE LLANO CABADO, Pedro; “O muiño de mar de A Seca”, Obradoiro. Revista de Arquitectura e Urbanismo. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1980. Páx.63-70.
- VV.AA.; “Muíño de A Seca”, Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. Ames 2009.