Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Fundación Luis Seoane

Historia

O Cuartel de Macanaz –antiga Caixa de Recrutas– foi levantado no 1703. De planta irregular con dúas alturas, as súas estancias articulábanse ao redor dun patio de armas porticado no que destacaban as lousas de granito e as columnas do mesmo material.

Memoria

O artista é un home, non sei se coa sensibilidade máis aguda que os demais homes, pero si coa linguaxe máis adecuada e fonda que os demais para expresar a alegría, a angustia e tamén o pracer, se existe, do momento en que vive... Na arte, como en calquera outra actividade humana, só aparentemente se producen retrocesos, e non existe o pasado senón como expresión, como historia, como algo morto, ao que nos, no presente, lle damos vida.

Luis Seoane: Anotaciones sobre la creación artística, 1951.

Por iso concibir un museo no que vai estar presente a figura de Luis Seoane só pode ter as ataduras máis enteiras, as máis fortes e revolucionarias do lugar, para que acompañen merecidamente á idea, ao impulso creador, sempre libre.

Aproveitar as claves do edificio existente e da súa contorna para poder definir o novo obxectivo: crear recintos adecuados de exposición para un museo hoxe e establecer un estreito vínculo entre todo iso e o espazo público da cidade, aproveitando e recuperando as trazas históricas que aínda perviven, sobre todo facendo fincapé nas que conectan exterior e interior, como a muralla, os muros, os pavimentos e os piares de pedra. Hai un elemento fundamental no edificio que exemplifica esta idea: o patio aberto, referencia espacial de toda a proposta.

Libérase ao edificio da súa atadura na fachada oeste... créase un espazo alto, un moble de laxas de pedra onde se sitúan os servizos de acollida e dende o que rapidamente se ven as salas de exposicións temporais, as comunicacións verticais e o patio... deste xeito o espazo público pode penetrar no edificio e, abrindo o vestíbulo, chegar a atravesalo. Visualmente este concepto está sempre presente mediante transparencias e pantallas de vidro...

Buscouse abrir a esquina nordeste ás vistas e aproveitar a súa posición como zona de descanso…

Proponse recuperar o percorrido no entorno da muralla, a desaparición do edificio de Xefatura de Sanidade e no seu lugar crear un atrio mediante un muro de pedra con bancos que encerra un bosque de álamos …

(CARRASCO LÓPEZ + CREUS ANDRADE)

Premios

  • Primeiro premio no Concurso Público de Ideas para a sede da Fundación Luis Seoane. A Coruña 2000.
  • Premio na categoría de Rehabilitación nos XI Premios COAG. Santiago de Compostela 2003.

Bibliografía

  • AGRASAR QUIROGA, Fernando; “J. Creus e C. Carrasco”, Artistas Galegos. Arquitectos, tomo VII: Cara ao novo milenio. Nova Galicia Edicións. Vigo 2004. Páx.382-413.
  • ARANDA NAVARRO, Fernando; “Fundación Luis Seoane”, Creus e Carrasco: arquitectura 2000-2012. General de Ediciones de Arquitectura. Valencia 2012. Páx.26-33.
  • CARRASCO LÓPEZ, Covadonga + CREUS ANDRADE, Juan; Centro de Cultura Contemporánea de A Coruña. Concello de A Coruña. A Coruña 2005.
  • VV.AA.; “Fundación Luis Seoane”, Galicia: Arquitectura recente. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2005. Páx.121-122.